Hai xa un par de anos fíxenme cun libro editado por Alvarellos que contaba o principal da vida (breve) e a obra (esa algo máis extensa) de Antolín Faraldo, un dos precursos do Rexurdimento galego. A edición correu a cargo de Xurxo Martínez González. Supoño que el é o autor da primeira parte do libro (unhas 200 páxinas) nas que conta a súa vida. A segunda parte do libro (as outras 200 páxinas) son exemplos de artigos, documentos e manifestos escritos por Antolín Faraldo. Pouco sabía del e tiña ganas de saber algo máis.
Por resumilo axiña, Antolín Faraldo viviu principalmente na primeira metade do século XIX, e serviu de inspiración para Rosalía, Murguía e algúns outros (é probable que se cruzaran nalgún momento, pero non tiveron relación). Naceu en Betanzos en 1822 e morreu en Granada en 1853. Así que viviu no super-convulso século XIX español.
Era moi progresista, e formou parte do Partido Liberal. Casualmente, o seu pai era de ideoloxía totalmente oposta. Viviu os seus primeiros anos en Betanzos, pero ao pouco tempo foise coa familia a Compostela. Cursou Filosofía e Medicina na USC. Alí xa destacou como orador e polemista.
A partir de aquí dedicouse principalmente ao xornalismo, participando ou fundando uns cantos xornais. Algúns deles foron censurados polas autoridades por resultar moi transgresores. Chamoume a atención que o medio máis común na época para conseguir iso era impoñer multas absolutamente imposibles de pagar, pero no seu caso directamente prohibiron a difusión dos seus xornais, incluso na época pareceu desproporcionado. Os xornais nos que máis colaborou foron El Recreo Compostelano, La Situación de Galicia, El Porvenir, La Revolución ou La Europa.
Pero polo que é máis coñecido é o seu labor como secretario da Xunta Provisional de Goberno de Galicia. Este órgano naceu durante a revolución de abril de 1846, que rematou co famoso feito dos Mártires de Carral, da que a cidadanía non sabe demasiado (ou non quere saber). Durou tres semanas, e por esa razón a min non me parecía nada doutro mundo, pero neste libro din que, para todas as revolucións que houbo en España no século XIX, é das máis destacadas, e seguramente non lle falta razón.
Despois diso, todos os que non foron fusilados en Carral pero tiveron que ver con esa revolución, estiveron exiliados no estranxeiro (el en Portugal) durante un ano, máis ou menos, pero despois houbo un indulto, pero non se lles permitiu volver a Galicia. El estivo algún tempo en Santander, despois foi a Córdoba porque tiña alí uns bos amigos, despois instalouse en Madrid durante algún tempo, alí enfermou, e parece que foi a Granada a curarse (era habitual na época), pero a morte sorprendeuno alí. Non foron capaces de localizar os seus restos.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario