domingo, 4 de xuño de 2023

Jennifer 8

Soábame o título desta película e botábana nun dos canais da TDT un día destes e, non tendo nada mellor nin máis interesante que facer, deille unha oportunidade. Déixase ver pero reproduce o típico estándar estadounidense de "matan a alguén" (moita xente matan por alí) e hai que investigar quen o fixo, con máis ou menos sorte ou pericia.

Foi dirixida en 1992 por un tal Bruce Robinson (na vida oíra falar del) e no elenco destacan Andy García, Lance Henriksen, Uma Thurman e John Malkovich.

Un policía de Los Ángeles chamado John Berlin trasládase ao centro do país atraído por un ex-compañeiro chamado Freddy Ross e a súa muller, cos que se levaba moi ben. Teoricamente, ía traballar alí de policía para deixar o traxín da metrópoli anxelina e vivir nun lugar máis tranquilo, pero nada máis chegar atopan casualmente restos humanos nun vertedoiro.

A comisaría de policía do lugar semella bastante tranquila e conformista, con poucas ganas de complicarse a vida, e non se matan por explicar a aparición deses restos humanos. Pero Berlin relaciónaos cun caso sen resolver sucedido varios anos antes no lugar, no que desapareceron varias mulleres cegas que vivían nunha residencia cercana á vila.

Achégase ata alí e o único interesante que atopa é unha rapaza, Helena, que estaba xunto á última muller cega desaparecida, e incluso escoitou o coche no que a levaron. Non é moita cousa, e como testemuña non vale, pero dada a suposta hipersensibilidade que teñen as persoas cegas no resto de sentidos non estragados, poden ser datos útiles para tirar do fío da investigación. Xa postos, namórase da rapaza.

Vanse coñecendo algúns datos máis da posible desaparición e unha noite, despois dunha festa, John e Freddy, algo perxudicados polo consumo de alcohol, achéganse á residencia dos cegos, porque teñen o pálpito de que o asasino en serie vai ir alí para matar a Helena. E moi equivocados non están. O que pasa é que consegue burlar e deixar aturdido a John e mata a Freddy.

A partir dese intre, John pasa a ser o máximo sospeitoso da morte de Freddy, xa que o mataron cun arma que levaba John nesa inspección, pero el non lembra ter feito nada parecido. Como sempre nestes casos, de xeito casual, John acaba dando co culpable e demostrando quen matou a todas aquelas mulleres, unha persoa da que ninguén podería sospeitar.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...