domingo, 4 de xuño de 2023

Sleepy Hollow

Esta película xa a vin nas salas de cine no momento da súa estrea, porque daquela ía bastante ao cine cos colegas, e deixoume unha boa impresión. Botábana o outro día na televisión, e entráronme ganas de lembrala. Está baseada nun conto de Washington Irving, e en España decidiron deixar o título orixinal, que é simplemente o topónimo da vila onde ten lugar a historia. En Hispanoamérica decidiron titulala "A lenda do xinete sen cabeza" que, non sendo en absoluto unha tradución fiel do título orixinal, si que conta o principal da historia, sen desvelar nada, porque esa mesma información sábese nada máis comezar o visionado.

Foi dirixida en 1999 por Tim Burton (con música de Danny Elfman, obviamente). No elenco están Johnny Depp, Christina Ricci, Michael Gambon, Miranda Richardson, Christopher Walken, Casper Van Dien, e xa en papeis moi secundarios Christopher Lee ou Martin Landau.

A finais do século XVIII, Ichabod Crane, un axente de policía de Nova Iork, ten moitos problemas cos seus superiores porque intenta resolver os casos utilizando modernos métodos científicos que non son ben aceptados polos seus superiores. Para librarse del, envíanno a Sleepy Hollow, unha pequena localidade que está ao norte do estado de Nova Iork. Alí houbo varias mortes moi tráxicas nas últimas semanas, e a xente da vila di que o culpable é o "xinete sen cabeza".

Obviamente Crane chega alí pensando que iso son faladurías e que ten que haber unha explicación científica e cabal. Pero segundo pasan os días hai máis mortes por decapitación, como as primeiras, e el atópase diante do presunto xinete fantasmal, e comeza a crer que a historia é moito máis real do que el pensaba e quería aceptar. Acaba descubrindo que esa figura realmente existe, pero que está dominada por un ser humano real, que a está utilizando para o seu proveito.

Un detalle interesante é a lenda na que está baseada a existencia desa figura fantasmal. Resulta que na guerra da independencia estadounidense, os británicos contrataron a uns mercenarios alemáns chamados "hessianos", porque a maioría proviñan do estado alemán de Hesse. Pois na película dise que un deles, especialmente feroz, morreu nunha das batallas e cortáronlle a cabeza, que enterraron xunto co resto do corpo. Pero un dos personaxes da película desenterrou a cabeza e levouna consigo, porque sabía que dese xeito o antigo xinete mercenario sairía do seu sartego para volver conseguir a súa cabeza. Ao final da película, Crane lánzalle a cabeza ao xinete, que volve a colocala no seu lugar, e todo volve á normalidade. Non desvelo quen manexaba ao xinete nin por que razón, xa que a historia é algo enrevesada e, sobre todo, interesante de ver.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...