sábado, 24 de decembro de 2022

A Guerra das Correntes

Como vedes no blog, nestes últimos tempos estoulle dando duro de novo ao cine. Non é que na televisión convencional en aberto estean proxectando películas moi interesantes, senón que estou explorando a fondo algunhas aplicacións e plataformas ás que teño acceso coa miña nova Smart TV, e estou atopando algunhas perlas do máis interesante. Por exemplo, na aplicación da EITB, a televisión pública de Euskadi (que foi onde vin a primeira serie que puxen neste blog), púxenme o outro día a buscar películas e atopei pouca cousa interesante, pero unha delas trata sobre un tema que me atrae moitísimo: a loita entre Edison, Westinghouse e Tesla a finais do século XIX para levar a luz eléctrica aos fogares de Estados Unidos, coñecido como a Guerra das Correntes.

A película é de 2017, aínda que por cuestións contractuais non puido estrearse ata 2019. Dirixiuna un tal Alfonso Gómez-Rejón, director estadounidense de orixe mexicana (creo) que nin sequera ten páxina na Wikipedia en español (por se é indicio de algo). Os tres papeis principais foron para Benedict Cumberbatch, Michael Shannon e Nicholas Hoult. Entre os secundarios, só me soaban Tom Holland e Mathew Macfadyen.

A historia é máis ou menos coñecida. O gran e controvertido inventor Thomas Alva Edison está conseguindo levar a luz eléctrica ás casas por medio dunha tecnoloxía chamada "corriente continua", que é bastante segura porque utiliza voltaxes baixas, pero non lle permite chegar a grandes distancias. George Westinghouse, que se fixera rico coa invención dun freno para ferrocarrís, está experimentando con outra tecnoloxía chamada "corriente alterna", que utiliza voltaxes moito máis altas, e polo tanto pode ser máis perigosa, pero que pode transportarse facilmente a longas distancias. E polo medio aparece o xenial e excéntrico Nikola Tesla, que está máis a favor de corriente alterna, que comeza traballando para Edison pero acaba marchando ao comprobar o seu absoluto desprezo, e que se une a Westinghouse. Ao final, houbo empate, porque a electricidade viaxa a longas distancias como corriente alterna, pero cando entra nas casas é xa corriente continua, así que todos achegaron ideas brillantes e eficaces.

Nesta película contan algunhas cousas curiosas desta controversia, que supoño que serán verdade. De feito, deixan mal principalmente a Edison, e iso non parece raro, porque parece que era un tipo bastante odioso. Por exemplo, Edison dicía que a corriente alterna, ao utilizar voltaxes tan altas, era moi perigosa (e algo de razón non lle faltaba, pero había que utilizala ben, e case todo o mundo o facía). E organizou pases para a prensa nos que electrocutaba con corrente alterna animais como cabalos. Claro, ao expoñelos a tales voltaxes, o espectáculo era moi espeluznante. Unha forma moi elegante de decantar a balanza para o seu lado, como pode verse.

Por outra banda, dicía estar totalmente en contra das armas, e que non ía colaborar para que a electricidade puidera matar ou facer dano a ninguén. Pero xusto naquela época, naquel país de salvaxes no que xa executaban de formas "pouco limpas" a algúns reclusos, algúns pensaron que utilizar a electricidade para a execución podía ser boa idea. Por algunha razón, pedíronlle consello a Edison, el inicialmente negouse, pero finalmente acabou colaborando coa idea, aínda que o fixo en secreto e pedía que se destruísen todas as cartas nas que el aportaba ideas para esa barbaridade. Esas cartas non se destruiron e foron sacadas á luz algún tempo despois para desacreditar a Edison, que ía perdendo a guerra, circunstancia que foi aproveitada polo banqueiro J.P. Morgan, que lle financiaba, para quitarlle a súa empresa e rebautizala como General Electric.

Como vedes, toda xente majísima e con moi boas intencións. Pero vaia, o que fixeron avanzar a calidade de vida da humanidade naqueles anos, aínda non está moi ben ponderado, seguramente. Insisto, esta historia a min paréceme interesantísima. Pero tamén é certo que me pareceu percibir certa falta de ritmo nesta fita concreta.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...