sábado, 23 de abril de 2022

Capitáns intrépidos

No espazo de cine clásico da 2 botaban o pasado luns "Capitáns intrépidos", película que xa todos vimos algunha vez, pero é lóxico, porque xa ten 85 anos. Eu había moito tempo que non a veía, así que me animei.

Foi dirixida en 1937 por Víctor Fleming, baseándose nunha novela de Rudyard Kipling. Os dous actores principais foron Spencer Tracy e Freddie Bartholomew (actor infantil de moito éxito que se apagou ao chegar á adolescencia). Pero tamén están acompañados por outros secundarios de luxo como Lionel Barrymore, Melvyn Douglas, Mickey Rooney e John Carradine.

Supoño que xa coñecedes a historia. Un home riquísimo e viudo ten un fillo que se cre por enriba dos demais, e que maltrata a todo o seu entorno coa súa soberbia. Debido a iso, é expulsado do seu colexio por unha tempada. O pai decide levalo a Londres a acompañalo nunha das súas viaxes e nun despiste, o rapaz cae pola borda do barco transatlántico.

Unha vez na auga, é recollido por un humilde mariñeiro portugués que está de pesca na súa barca por aquela zona, e que o leva ao barco onde ten a base. Alí non é moi ben visto porque os invitados dese tipo semellan traer moi mala sorte, e parece que os mariñeiros son moi supersticiosos con esas cousas. Ademais, se o rapaz xa era soberbio na súa vida anterior, non digamos ao verse rodeado de mariñeiros nun modesto barco de pesca.

Vai pasando o tempo e vai crecendo o cariño entre o rapaz e o mariñeiro, e tamén co resto da tripulación. E obviamente vai baixando a súa soberbia. Iso provoca que varias semanas máis tarde, cando chegan a porto, despois dun terrible accidente que provoca a morte do mariñeiro portugués, o rapaz xa non ten demasiado interese en volver ver ao seu pai, e quere seguir embarcado.

Saúdos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...