sábado, 23 de abril de 2022

Criminal

Seguimos avanzando pola Biblioteca Galega 120 que a Voz de Galicia publicou en 2002, cando se cumprían 120 anos da fundación dese xornal. Agora tocaba o número 88, titulado "Criminal" e da autoría do escritor e profesor bergantiñán Xurxo Borrazás.

Eu coñecía a este autor dos artigos que publicaba hai uns anos na revista "Tempos Novos", durante o tempo que eu merquei esa revista mensual galega. Agora mesmo non lembro se publicaba un artigo todos os meses, pero o que si lembro que era un dos que máis me gustaba ler, porque eran moi frescos, divertidos e tiñan moita retranca.

Pero a novela decepcionoume un pouco, porque non atopei aqueles rastros que eu lle coñecía. Tamén é certo que esta novela é de mediados dos 90, e eu lía eses artigos da revista uns 20 anos máis tarde. Se cadra colleu ese tono retranqueiro que a min tanto me gustaba uns anos despois de escribir a novela, calquera sabe.

A novela trata sobre un terrible feito que se produce nunha aldea de Laracha. Un matrimonio vive co seu fillo e un irmán do home nunha casa do entorno rural. Os dous homes son os dous fillos dunha familia na que xa non viven os pais, e a relación entre os dous irmáns non está moi clara. O marido parece un bo tipo e traballador. O seu irmán parece un vividor, moi vago e ningún deles está moi cómodo con el na casa e fan algún intento de que marche, pero non o conseguen. Nalgún momento, e por razóns que non están demasiado claras, ese tipo mata aos outros tres membros da familia de forma bastante salvaxe.

O caso convértese nun escándalo e suscita moito interese na poboación. Fuxe da aldea e parece que marcha andando para A Coruña. A súa intención é enrolarse nalgún barco dos que vai ao Gran Sol e desaparecer da súa terra. Aínda que a narración vai a saltos e non está moi clara, con múltiples cambios de voz narradora, semella que consegue o seu obxectivo e chega ao Reino Unido, onde segue máis ou menos facendo cousas parecidas, aínda que intentando pasar algo desapercibido.

Saúdos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...