sábado, 23 de abril de 2022

A illa das mentiras

Coa nova Smart TV que merquei no Nadal, ante a avería da anterior, estanse abrindo novas posibilidades interesantes. Por exemplo, botar man de Play RTVE, que permite ver en diferido todo tipo de contidos que proxecten en calquera das canles da cadea pública estatal. Pode ser deporte, películas, documentais ou series. Non creo que estean dispoñibles eternamente, pero supoño que si durante unhas semanas ou meses despois da súa proxección en público. Así puiden ver esta película galega, que gustou bastante nos últimos tempos. Certo é que a botaron na súa versión en castelán, pero moitos dos personaxes tiñan un sotaque e expresións tan galegas que case nin se notou. De feito, a maioría dos actores e actrices son galegos. A promoción da película, no seu tempo, centrábase en que a mesma trataba do rescate dos náufragos dun accidente marítimo, pero a cara de "malas bestias" das supostas "heroínas" que salvaron a tanta xente e que aparecera a palabra "mentiras" no título xa daba a entender que a historia tiña máis chicha.

A película foi dirixida en 2020 por Paula Cons, debutante neste labor (creo, pero non noutros nos que tamén destaca). As tres actrices que fan de heroínas salvadoras no naufraxio son Nerea Barros, Victoria Teijeiro e Ana Oca. Pero hai un amplio reparto coral de secundarios, con xente coma Aitor Luna, Darío Grandinetti, María Costas, Celso Bugallo, Machi Salgado, Javier Tolosa, Miguel Borines, Roberto Leal, Ana Santos e Mela Casal. Como vedes, moitos clásicos do teatro ou audiovisual galego.

A historia está ambientada na illa de Sálvora (xunto a Ribeira) no Nadal de 1920 a 1921. Os homes da illa marchan pasar o Nadal no continente, e durante unha desas noites hai un naufraxio dun grande barco de pasaxeiros chamado "Santa Isabel", no que se considerou o Titanic galego (porque iso si sucedeu na realidade, aínda que o resto da historia é unha interpretación libre da directora e guionista). Tres mulleres da illa, que saben manexarse no mar con barcas, ao usalas todos os días, saen a botar unha man e conseguen salvar a 48 supervivintes, aínda que no barco había máis de 300 persoas. Teoricamente todo isto é moi bo, e esas tres mulleres son consideradas heroínas, e faiselles unha homenaxe pública en Vigo, pero todo o que se ve na fita fai pensar que nesa illa pasa algo moi raro.

A mesma noite do naufraxio, desaparece o garda da illa, que non era un personaxe moi querido, precisamente, sobre todo polas dúas heroínas máis maiores (a outra é case unha nena). O garda é o representante na illa do marqués que é o seu propietario, e debido a iso e ao seu arisco caracter, non cae nada ben, e case ninguén se apena da súa ausencia, que non ten moi boa pinta.

Como a película ten só un par de anos, non a vou destripar máis, por se a queredes ver, que é bastante recomendable. Só direi que se mesturan unha serie de lendas sobre a costa galega que seguramente vos soarán coa diferenza social entre ricos e pobres, propietarios e servintes, e moitas outras cousas. A mestura resulta ben interesante. Certo é que as poucas esceas que teñen que ver co naufraxio non son demasiado rechamantes, pero tampouco pasa nada, isto non é Hollywood e aquí contamos as historias doutro xeito.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...