Oín falar moito e moi ben deste autor, Haruki Murakami. As sinopses que leía das súas novelas máis famosas non me acababan de convencer en canto a temática, ata que se cruzo comigo "O elefante desaparece", un libro de relatos. E pensei que os relatos podían ser unha boa forma de comprobar se o tipo escribe tan ben como din.
E efectivamente escribe tan ben como din. O que pasa é que, polo menos nos relatos, non sei se nas novelas tamén é así, moitas ou todas as súas historias se desinflan. Os personaxes son moi interesantes, os diálogos e pensamentos son moi curiosos, e fai uns plantexamentos iniciais das historias moi suxerente, pero segundo avanza o relato vexo que non vai cara a ningures, e case sempre (ou será sempre??) o final é do máis decepcionante, tendo en conta as altísimas expectativas que nos creou nas primeiras páxinas. Se cadra é un signo distintivo deste autor, pero dende logo non me gusta.
O título do libro é o do último dos 17 relatos. Que tamén comeza con moita forza, pero acaba diluíndose como unha pedra de zucre. Lin este libro de relatos mentres acompañaba aos meus alumnos na convocatoria extraordinaria da ABAU. Como nese trámite hai moitas interrupcións, parón, novo exame, etc, pensei que un libro de relatos era boa idea. E o é. Pero se os relatos non son moi bos, non hai moito que facerlle.
Hai uns anos chegou ás miñas mans de estraña forma un libro que non estaba buscando. Iso pásame con certa frecuencia, pero normalmente os pedía a clubes de lectores como Biblos ou o Círculo de Lectores (este último desaparecido hai un par de anos). Neste caso, merqueino en librería, que era bastante raro, pero axiña volverá a suceder, ao pechar o Círculo de Lectores. A mítica librería Couceiro da Coruña (a de libro galego, que estaba na praza do Libro) estaba pechando, por xubilación dos propietarios, e tiñan alí unha mesa con gangas. Pasei de casualidade por alí, vin a un prezo fantástico este libro do que vou falar, e leveino sen dubidar un instante. Certo é que o tería mercado igual ao prezo convencional, pero é que nin sequera sabía que existía.
O libro titúlase "Historia Xeral da Literatura Galega", e os autores son Anxo Gómez Sánchez e Mercedes Queixas Zas, aos cales coñezo e aprezo (sobre todo a Mercedes, con Anxo só falei un par de veces). Non é, nin moito menos, o único libro con esta temática que tanto me interesa. Para min o feito diferencial é que foi editado por A Nosa Terra no ano 2001. Por que? Porque esa editorial, en torno ao ano 2000 estaba editando unha especie de colección case enciclopédica sobre temas galegos cunha edición espectacular. Estou mirando en Internet e parece que só sacaron o de Historia e o de Literatura, que me prezo de ter os dous.
Pasei un bo rato lendo este libro aprendendo cousas que non sabía, aínda que bastantes me soaban. Chamoume algo a atención que na última parte, onde falan dos "novos" autores entre o ano 1980 e 2000, saen en fotos tirando a antigas. Como tiven a sorte de coñecelos a moitos en persoa e puiden ver fotos máis modernas e actuais. Pero claro, para o ano 2000 eran as correctas, as que había, seguramente.
Tiña claro que xa vira esta película completa, pero parece que hai tempo que sucedeu. Hai case 15 anos que teño este blog e non atopo ningunha reseña desta película, pero si da segunda parte. E como é bastante raro que esqueza comentar as películas que vexo, pois será que a vin antes desa data.
A película foi dirixida en 1975 por Steven Spielberg. O trío protagonista correu a cargo de Roy Scheider, Robert Shaw e Richard Dreyfuss. Acabo de ler que estes tres actores non eran moi coñecidos naquel momento, e que preferiron non contratar estrelas para que a estrela máxima da película fora o tabeirón, e para que o público tivera claro que iso podía pasarlle a calquera. Efectivamente, os tres actores non eran demasiado coñecidos. O máis maior era Shaw, que se cadra podía facerse unha cara coñecida debido a algunha película de James Bond e a "El golpe", na que era o mafioso estafado por Newman e Redford. Os outros dous eran menos coñecidos aínda. Tamén lin que tiveron problemas técnicos cos tabeiróns mecánicos que deseñaron (ata 3) e que por iso non se lles ve demasiado, especialmente ao comezo da película (na parte final xa se lle ve bastante). Pero iso tamén fai máis tenebrosa a película, coa música de John Williams. Igual que en "Alien, o oitavo pasaxeiro" case non se ve o alieníxena ata a metade da película, ao comezo só se intúe.
Supoño que non hai moito que contar. Nunha illa da costa leste de Estados Unidos (na película chámanlle Amity, na realidade é Martha's Vineyard) que vive do turismo veraniego, danse varios casos de posibles ataques de tabeiróns. Pero as autoridades queren tapalos e dicir que foron accidentes con barcos, aínda que hai algunhas evidencias de que non é así. Cando a cousa se pon fea, saen de cacería moitos dos pescadores locais, e conseguen captura un tabeirón tigre de grande tamaño, e quedan moi satisfeitos, pero hai quen opina que o tabeirón que está atacando é moito máis grande ca ese.
Finalmente fórmase unha expedición para capturar o grande escualo. Está formada polo xefe da policía (Scheider), un xoven científico (Dreyfuss) e un vello lobo de mar (Shaw). Teñen caracteres moi distintos e nas primeiras horas e días cústalles entenderse entre sí, pero vanse facendo amigos. Van no barco "Orca", que é do mariñeiro, e que supostamente está adaptado para ese tipo de expedicións. Van atopándose co tabeirón, e descubren que é un tabeirón branco de 8 metros e 3 toneladas de peso, e que é moi intelixente. Consegue devorar ao vello mariñeiro, e está a piques de facelo cos outros dous, pero ao final conseguen matalo porque conseguen meterlle na boca unha bombona de osíxeno e dispáranlle para facela estoupar.
A min sempre me interesou bastante a mitoloxía. Dende que hai moitos anos lin a Ilíada e a Odisea, caín fascinado por esas historias, tráxicas e máxicas, en moitas ocasión incomprensibles pero con moito encanto. Pero nesta parte do planeta temos moito contacto coa mitoloxía grega e romana. Algúns ecos chegan da exipcia e dalgunha outra, pero case nada.
Pero mira ti por onde, hai uns anos chega ás miñas mans un libro titulado "Mitos nórdicos" escrito por Neil Gaiman, que polo visto é un autor de culto no mundo dos cómics e as novelas gráficas, mundo que eu descoñezo bastante. Tamén escribe contos e novelas, e esta obra case é un ensaio divulgativo.
Gustoume moito e paseino moi ben. Algo xa me ía soando porque creo que ultimamente estanse facendo películas baseadas nesta mitoloxía, e eu incluso vin algunha. Ao mellor digo unha barbaridade, pero xuraría que esas películas forman parte da galería de superheroes de Marvel, que nos últimos anos están botados ao monte, despois do dominio de DC das décadas anteriores.
Algunha vez pareceume escoitar que Tolkien viñera a Galicia ou lera algunha obra sobre toponimia e antroponimia galega para incluíla nas súas obras. Non son experto nin en toponimia galega nin na obra de Tolkien, pero esa referencia sempre me pareceu absurda, porque levo toda a vida vivindo en Galicia, e o que eu lía na obra de Tolkien non me lembraba absolutamente nada a esta terra. Pero este libro que acabo de ler si que me lembrou moito ás obras de Tolkien. Así que, sendo Tolkien inglés, paréceme máis lóxico que botara man da mitoloxía nórdica, que lle quedaba máis cerca. E despois do que acabo de ler, a influencia semella clarísima.
Sobre a mitoloxía nórdica, só dicir que claro, ten moitos deuses e deusas, xigantes, elfos e enanos (non vos lembra isto á obra de Tolkien??), e pasan cousas moi raras para os humanos, obviamente. Do amplo panteón de deuses destacan tres: Odín, Thor e Loki. E o que máis me chamou a atención é que Loki é un deus moi astuto, retorcido, xoguetón e moi perigoso. De feito, acéptano na morada dos deuses porque o seu enxeño ás veces resolve algún problema, pero principalmente crea problemas e está moi mal considerado polos demais deuses. Non lembro ter lido nada parecido en ningunha outra mitoloxía, o recoñecemento de que un dos deuses era malo e problemático. Curioso.
Esta película non a proxectaban en ningunha televisión nin cine, senón que a tiña eu nunha colección de películas antigas que me cederon hai varios anos. A trama soábame bastante, así que supoño que debín vela completa hai tempo, pero nunca está de máis refrescar a memoria, cando pode valer a pena o esforzo.
A película foi dirixida en 1944 por Frank Capra. A super-estrela da película é Cary Grant, aínda que hai outros personaxes que tamén teñen bastante protagonismo. Polo visto, el mesmo recoñeceu que non estaba demasiado contento da súa actuación, que máis ben era sobre-actuación. Do resto do elenco destaca lixeiramente Peter Lorre, que actuou en películas como "Casablanca". Pasa algo curioso co título. A tradución do orixinal sería "Arsénico e encaixe antigo", que foi o que se utilizou basicamente en Hispanoamérica. En España decidiron quitarlle o encaixe, e darlle algo de compaixón. Como pasa outras veces, o título en España é unha tradución máis disparatada, pero explica mellor a historia. Porque recoñezo que o do encaixe non o pillo, ao mellor as dúas señoras maiores levan roupas con encaixes, é unha posible especulación.
Un par de "adorables" velliñas están enchendo o seu soto de cadáveres de homes maiores e solteiros aos que, segundo a súa idea, pouco de vida xa lles queda (e menos se as coñecen a elas), e os envelenan dándolle de beber viño que leva arsénico. Niso se plasma a súa compaixón. O seu sobriño Mortimer descúbreo de casualidade, e intenta ocultalo como pode. Pero non resulta doado, porque as súas tías viven con outro irmán que está chalado e que se cre Theodore Roosevelt (isto fixo acrecentar o meu interese por ese presidente estadounidense, que debía ser algo peculiar). E por se non chegara con iso, tamén ronda por alí o seu irmán Jonathan, que sempre foi un mal bicho, que levaba décadas sen pasar por casa, e que volve por alí, entre outras cousas, para intentar ocultar un cadáver do seu último atraco. Pero claro, non sabe onde se está metendo. Tamén ronda por alí a policía, porque os veciños denuncian que o irmán chalado toca a corneta de madrugada, pero ao final se lles acumula o traballo.
En definitiva, unha comedia agradable de ver, como case todo o que se facía naquela época, pero recoñezo que algo ou bastante disparatada. Pero polo menos non é nada convencional, pasan cousas pouco habituais. Estou tamén de acordo con Cary Grant, penso que sobre-actúa bastante, non foi unha das súas mellores actuacións.
No espazo de cine clásico da 2 botaron hai pouco "Dolce vita", unha das obras mestras de Fellini. Eu creo que xa a vira hai tempo, pero agora mesmo teño dúbidas de se a vería enteira naquela ocasión. É unha película longa, de case 3 horas. Sóame o personaxe de Mastroianni, obviamente, que é o elemento común en toda a película, pero non moito máis. E agora mesmo non sei se se pode deber a que non a vira enteira no seu día, ou que me aburriu bastante, como nesta ocasión. Deixo anotado na miña cabeza non volver vela. Está claro que o cine italiano non é do meu agrado, e creo que a mesma opinión podo ter do país e da súa cultura e costumes. Iso si, facer turismo por alí é unha delicia, porque teñen un pasado esplendoroso.
A película foi dirixida por Federico Fellini en 1960. Polo que parece, Fellini inspirouse en sucesos reais que estaban pasando en Roma a finais dos anos 50. Xa que Marcello Rubini (o xornalista protagonizado por Marcello Mastroianni) é un xornalista de crónica social que se move moito pola Vía Véneto, os seus bares, as súas festas e o seu desenfreno. Houbo un equipo de cinco guionistas encabezados polo propio Fellini e no que incluso parece que estaba Pasolini, aínda que non consta nos créditos. O protagonista total é Mastroianni. Só hai un par de personaxes máis que aparecen de cando en vez, pero cun papel moi residual. E o resto só con aparicións fugaces, duns minutos ou esceas.
A estrutura da película non se parece nada ao habitual. Hai como unha sucesión de esceas, un epílogo, un prólogo e algún entremés intermedio. O único común a todas elas é a presenza de Marcello Rubini. Aparece de cando en vez a súa moza Emma, da que el pasa bastante, porque lle gusta moito máis Maddalena, coa que se lía de cando en vez, e lle gustaría facelo máis. E tamén aparece de cando en vez un colega seu fotógrafo de prensa chamado Paparazzo, que deu lugar á expresión "paparazzi".
Porque as historias que se contan son do máis variadas:
- Unha noite de paixón con Maddalena, coa que acaba deitándose en casa dunha prostituta á que coñeceron esa noite.
- Os escarceos cunha estrela internacional de cine protagonizada por Anita Ekberg (as famosos imaxes bañándose na Fontana di Trevi, que duran só uns minutos)
- O encontro en casa dun amigo intelectual chamado Steiner, que vida unha luxosa vida envolta en alta cultura. Pero ao final mata aos seus fillos e suicídase.
- Dous nenos que din que viron á Virxe cerca de Roma, e que provocan unha auténtica voráxine de crentes que os perseguen para que os libren das súas desgrazas.
- O pai de Marcello vai a Roma por negocios, atópase con el e vanse xuntos a un cabaret. Ao final, ao pai dálle un amago de infarto e volve para a súa terra.
- Hai unha estraña festa nun castelo, na que Marcello intenta ligar de novo con Maddalena, pero ela acaba pasando del
- Hai outra estraña festa caótica en casa dun colega, que aparece despois por alí, e decide botalos a todos.
Xa sen contar que a película comeza cunha escea totalmente sen sentido (se algo nesta película o ten) na que se ve dous helicópteros polo ceo de Roma: un leva colgando a estatua dun Cristo, e o outro leva a Marcello e a Paparazzo. Os helicópteros diríxense á Praza de San Pedro. E remata co final da última festa xunto a unha praia na que uns mariñeiros acaban de capturar unha manta-raia dun tamaño colosal.
No Vaticano dixeron que a película era obscena (e algo de razón non lles falta) e, por exemplo, en España non puido verse ata 20 anos máis tarde. Pero vaia, en xeral, paréceme un disparate maiúsculo. Aburriume bastante. Algúns opinan que é unha das mellores películas de todos os tempos. Non se pode negar que é algo ou bastante peculiar, e que algunhas imaxes son moi poderosas, pero a min non me atraen este tipo de códigos audiovisuais.
Cine de catástrofes aéreas, que filón!!! Parece que en Estados Unidos comezaron a facer películas deste tipo xa nos anos 50. Pero o clímax chegou nos anos 70, cando se fixeron varias da saga "Aeroporto", que normalmente levaban como apelido o ano no que se rodaban. Eu pensaba que esta película era unha parodia daquelas, e en parte é así, pero polo visto é claramente unha parodia de "Zero hour!", unha película de 1957 da que mercaron os dereitos, así que puideron copiar os nomes dos personaxes principais e diálogos completos. Curioso.
A película en cuestión foi dirixida e escrita en 1980 polo equipo formado por Jim Abrahams, David Zucker e Jerry Zucker (creo que se facían chamar ZAZ combinando as iniciais dos seus apelidos). O elenco é bastante coral e non destacan demasiado os papeis principais, porque o principal é estar dicindo e facendo tonterías o máis rápido posible. Actúan Robert Hays, Julie Hagerty, Leslie Nielsen, Robert Stack, Lloyd Bridges, Peter Graves e Kareem Abdul-Jabbar (outra estrela da NBA que se pon diante das cámaras, este aínda estaba en activo cando rodaron esta película).
E xa que dicir sobre o título, aínda que recoñezo que o reto non era doado. O título orixinal sería "Avión!" ou "Aeroplano!". En España decidiron poñer o famoso "Aterriza como puedas", que non casa demasiado pero hai que recoñecer que reflexa a trama principal da película. E en Hispanomérica decidiron ir un paso alén e titulala "E, onde está o piloto?", do que poderíamos dicir o mesmo, aparentemente disparatado pero non tanto.
Ted Stryker é un ex-piloto que tivo un desagradable accidente na II Guerra Mundial, no que el sobreviviu pero perdeu ao resto dos seus compañeiros. Ten unha relación coa súa moza Elaine, que e azafata nun avión, e están a piques de romper. Como último recurso, decide subir ao avión no que ela traballa esta noite, para intentar reconciliarse. Pero hai unha intoxicación alimentaria no peixe que cean moitos pasaxeiros e os pilotos, e non queda ninguén sano para aterrizar o avión. Entón Ted debe superar o seu medo a pilotar e, recibindo axuda dende o aeroporto e a torre de control, intenta aterrizar o avión de novo. Obviamente, todo isto aderezado con todas as tonterías que lembraredes, porque case seguro que a maioría da xente veu esta película.
Para rematar, dicir que a trama da película de 1957 é exactamente a mesma, só que non hai comedia nin parodia, suponse que é unha película totalmente seria (recoñezo que non a vin). Pero, polo visto, os diálogos dalgunhas esceas son exactamente iguais, e os protagonistas principais chámanse igual. Por certo, o papel principal era para o actor Dana Andrews, que nunha das películas da saga "Aeroporto" provoca un dos accidentes aéreos ao desmaiarse cando pilota un avioneta e chocar de fronte contra un avión comercial, creando un boquete na cabina e a morte dos pilotos (ou sexa, que este actor estaba moi asociado a catástrofes aéreas e desgrazas de pilotos de avión). E tamén dicir que, por raro que pareza, esta película botárona no espazo de cine clásico da 2. Parece que están baixando un pouco o umbral de calidade.