Estoume aficionando a isto de ver series históricas españolas que están en RTVE Play. Casualmente en Youtube acabo de atopar unha "película" que condensa toda ou a maior parte da serie, que dura pouco máis, porque só son tres capítulos de algo menos dunha hora, pero a verdade é que non sei como farían. Como xa dixen aquí máis veces, están baseadas en grandes novelas, neste caso do literato Juan Valera, do que oín falar pero nunca lin nada. Esta obra é a segunda máis coñecida, despois de "Pepita Jiménez".
"Juanita La Larga" foi dirixida en 1982 por un tal Eugenio Martín. O elenco estivo formado por Violeta Cela, Conrado San Martín, Mercedes Sampietro, Manuel Zarzo, Queta Claver, Manuel Alexandre, Imanol Arias, Miguel Rellán e Walter Vidarte. A min sóame menos esta miniserie que outras que vin nestes días, só fixeron tres capítulos e o elenco paréceme algo menos estelar (analizándoo 40 anos despois) que outras producións, do cal deduzo que nesta serie puxeron menos medios que noutras.
A serie está ambientada a finais do século XIX nunha vila cordobesa chamada Villalegre, pero foi rodada principalmente en Cabra e Juan Valera casualmente naceu alí mesmo, así que se cadra non é tanta casualidade. Basicamente conta a hipócrita vida da conservadora sociedade daquel lugar e época con respecto aos amores entre persoas, familias, estratos sociais e todo iso.
Juana La Larga e a súa filla Juanita son famosas na vila por traballadoras e facendosas, pero tamén por ser moi independentes e non deixarse manexar por ninguén. Ademais Juanita é a moza máis lozana e desexada do lugar, pero para todos os homes, independentemente do seu estatus social.
O malo é que o home que máis se encariña con ela é Don Paco, o secretario do Concello, que xa ten máis de 50 anos e está viudo, cando ela só ten 17. Polos costumes da época, podería ser o seu avó sen demasiado problema. Pero tan encariñado está, que elas fanlle a el un regalo dunha luxosa levita, e el a Juanita dun vistoso vestido. E dálles por lucilos nas festas da vila.
E mira ti por onde, que unha das forzas vivas máis poderosas da vila é Dona Inés, a beata filla de Don Paco, que ten sete fillos cun gandul chamado Don Álvaro, que está de xolda continuamente e perseguindo a outras mulleres, pero isto non lle parece mal a ninguén. Pola contra, Inés está moi cabreada con ese capricho de seu pai, e ten como aliado ao cura, que nas misas das festas lanza afiados dardos dende o púlpito, que todo o mundo entende perfectamente.
As cousas tranquilízanse e Juanita comeza a traballar case como secretaria de Dona Inés. Don Paco observa como Don Andrés, o cacique da vila, tamén está namorado de Juanita, e decide marchar unha noite de alí, sen avisar a ninguén. Todos entran en pánico pensando que lle pasaría algo, pero está varios días fóra, incluso resolve un secuestro, e volve á vila de novo, aínda que xa moi cambiado na súa forma de pensar.
Finalmente se desencadean os acontecementos e Don Paco e Juanita acaban casando co total beneplácito de Dona Inés, que xa cambiou totalmente de opinión con respecto a este tema, e por suposto, a sociedade local o acepta, demostrando claramente a súa hipocresía.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario