martes, 30 de decembro de 2025

Tehanu (Historias de Terramar IV)

Seguimos lendo esta saga de literatura de fantasía neste Nadal. Esta é a cuarta parte da saga de Terramar, e parece que no seu día se subtitulou "a última historia de Terramar", pero non foi certo. A autora Úrsula K. Le Guin escribiuna xa en 1990, vinte anos despois das tres primeiras, seguramente coa intención de rematala. Pero se a les, claramente vese que non vai ser a última, e que aínda vai pasar algo máis "despois", porque un dos personaxes principais que se presenta nesta novela, pega un fogonazo nas últimas páxinas dando a entender que vai ser importante nas seguintes partes (das que xa falarei dentro duns días, porque comezo agora mesmo a súa lectura).

Nesta parte non pasan demasiadas cousas. O principal é que Tenar, xa asentada e vivindo na illa de Gont despois das peripecias que viviu con Ged na segunda parte, casou e tivo varios fillos. De feito, o seu marido xa morreu hai varios anos e os seus fillos xa se independizaron e andan ao seu. Cerca da súa casa sucede un feito terrible: un grupo de moinantes que andaba por alí (ese fenómeno é cada vez máis común nas illas, os moinantes e vagamundos) formado por unha muller e dous homes, intenta matar queimándoa nunha fogueira a unha nena. Pero algúns veciños conseguen salvala no último momento. Quédanlle unhas terribles secuelas e ten o brazo dereito queimado, perdeu case todos os dedos e o mesmo lle pasa coa parte dereita da cara, perdeu a visión dese ollo. Esta neniña chámase Therru e é adoptada por Tenar.

Chégalles o aviso de que Ogion, o mago silandeiro que lle ensinou a ela, e moito antes a Ged, está morrendo. Van visitalo e efectivamente, está nas últimas, e morre ao días seguinte, pero antes diso, xa avisa de que Therru será importante no futuro. Tenar e Therru quedan unha tempada na casa de Ogion, coidando a propiedade, pero algúns moinantes que estaban na illa chegan tamén ata alí, e están rondando a casa de Ogion e o pazo de Re Albi, onde están pasando cousas un pouco raras.

Por se non chegara con iso, chega un barco de Havnor con servidores do novo rei Lebannen (o Arren da terceira parte), porque están buscando en Gont ao novo Arquimago. Cren que Ged está por alí, pero nin sequera teñen claro se el é a persoa que buscan. Incluso insinúan se será unha "muller de Gont", pero ninguén sabe a quen se poden referir.

Tenar e Therru vense ameazadas e deciden escapar cara ao porto de Gont, onde está o barco do rei, e están a piques de ser pilladas polos moinantes, pero finalmente intervén o mesmo rei e salva a situación, e lévaas de novo á súa casa no val. Cando están alí, os moinantes intentan atacar de novo a súa casa para recuperar a nena, pero aparece Ged por sorpresa, e consegue neutralizar o ataque.

Suben de novo á montaña porque lles din que Carriza, unha estraña bruxa que era veciña de Ogion, estaba a piques de morrer, pero non era certo, só lle botaran un meigallo. Botoullo un mago bastante malvado que tiña enmeigado o pazo de Re Albi, e cando xa parecía que Tenar, Ged e Therru ían morrer despeñados nun cantil, aparece Kalessin, o primeiro dos dragóns, que foi chamado por Therru, que así demostra que ten uns poderes que ninguén coñecía. A partires deste momento recibe o nome de Tehanu, o nome dunha importante estrela.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...