Como xa dixen aquí moitas veces (a última delas hai un par de semanas) gústanme moito as comedias de Ernst Lubitsch. A verdade é que ten unha extensa filmografía, pero a maioría dela está formada por cine mudo feito en Alemania. O máis coñecido da súa obra, obviamente, é o cine sonoro feito en Estados Unidos. Está dispoñible en Youtube (como veredes abaixo) unha película que xa vin unhas cantas veces, pero que me apetecía ver de novo. En España titulouse "O que pensan as mulleres", outra tradución ao español foi "Que sabes ti de amor" (supoño que en Hispanoamérica) e a tradución do título orixinal sería algo así como "Ese sentimento incerto".
Esta película foi dirixida por Ernst Lubitsch en 1941. O elenco non é que sexa moi extenso pero destaca poderosamente o triángulo amoroso formado por Merle Oberon, Melvyn Douglas e Burgess Meredith (vaia interpretación). Se cadra poderíamos destacar tamén a Harry Davenport, que ten un papel destacado na última parte.
A historia basicamente consiste nun matrimonio algo ou bastante infeliz, no que xa hai bastante rutina e indiferencia. De casualidade, a muller coñece a un excéntrico pianista do que namora, e o marido percibe claramente ese cambio. Sen exaltarse apenas, propón o divorcio, para non importunar á muller, pero esta acaba percibindo tamén que a posible vida feliz co pianista tampouco vai ser posible, porque é un tipo bastante raro e imprevisible. É moi simpática a parte final na que están intentando "escenificar" no despacho do seu avogado as evidencias do divorcio diante de testemuñas ignorantes da trama.
En definitiva, unha comedia amable máis deste fantástico director, na que podedes percibir ese toque Lubitsch, esa ironía e o amosar cousas sen que se vexan. É moi difícil de explicar, é mellor que o comprobedes. Esta non chega a durar nin hora e media.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario