domingo, 30 de xuño de 2024

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos, pero apenas lembraba nada, e ademais é de lectura áxil e doada, pero ten unhas características peculiares dentro desta colección. Titúlase "O xabaril branco" e foi escrito por Tucho Calvo.

Peculiar porque Tucho Calvo foi quen dirixiu e compilou esta colección de libros galegos, pero a empresa para a que traballa permitiu que incluíra unha das súas novelas na selección. Ao mellor alguén pensa que isto é unha crítica, e non é así, a obra está moi ben e non desentona o máis mínimo, pero hai que recoñecer que a coincidencia dá lugar a unha situación algo peculiar.

Outra característica é que a novela breve está dividida en 31 capítulos exactamente, dunha duración ben similar, e iso lémbrame que seguramente foi a primeira novela por entregas da Voz de Galicia no mes de agosto. Leva xa moitos anos organizando esa publicación no xornal, e de aí saíron moitas obras moi salientables.

E outra característica moi reseñable é que é o único título da colección (que eu lembre, e só me faltan 11 para rematala) impreso nun papel de máis calidade, pero neste caso está máis que xustificado, porque cada capítulo ten unha ilustración realizada polo gran Miguelanxo Prado, ou sexa, pouca broma.

A historia trata dun rapaz das montañas dos Ancares, chamado Fito e que ten uns 17 anos. Vive na palloza da súa familia na súa aldea, e sae unha partida de caza para capturar a un xabarín de dimensións portentosas, pero non o conseguen e morre Roi, o tío de Fito.

Debido a iso, decide marchar da aldea acompañando ao Futingo, un xigante daquelas montañas en quen todo o mundo confía moito, teñen que marchar a facer algo, pero ninguén sabe exactamente que é. Ao pouco de marchar viven estrañas aventuras de camiño ao mar, pero finalmente acaba chegando el só á Coruña.

O destino lévao de polizón a América (estamos a finais do século XIX) e ao baixar do barco coñece a unha rapaza, chamada Xela, que tamén ía no barco, e da que namora. Chegan a Bos Aires pero axiña parten cara ao sur e comproban como o exército e os indios araucanos manteñen unha guerra entre eles.

Os indios levan a Xela pero non lle fan nada, el acaba contactando con eles e establece tratos comerciais xustos (o que non fixeran os militares, obviamente) e faise inmensamente rico. Pero os militares non están contentos con esa situación e seguen enfrontándose aos indios e el ten que deixar ese negocio de intermediación que lle fixera tan rico e ben posicionado. Finalmente Xela e o fillo dos dous volven a Galicia e Fito morre asasinado no porto de Bos Aires poucos despois.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...