sábado, 25 de novembro de 2023

Shaft: the return

Sempre me chamaron a atención esa saga de películas do detective negro John Shaft, protagonizadas por Richard Roundtree nos anos 70. Pero por unha cousa ou outra, aínda non conseguín ver ningunha. Pero o outro día si que conseguín ver "Shaft: the return", que entendo que se leva ese título será porque é a primeira da nova serie, que a verdade é que non sei cantas películas forman. Pero polo menos agora si que saciei a miña curiosidade. Pero aínda así, a ver se teño a posibilidade de ver unha das antigas.

"Shaft: the return" foi dirixida por John Singleton no ano 2000. Os dous principais papeis do elenco foron para Samuel L. Jackson e Cristian Bale, entre os secundarios están Vanessa Williams, Jeffrey Wright, Toni Collette, Dan Hedaya e Busta Rhymes.

A trama xira en torno ao asasinato dun rapaz negro que entra coa súa moza nun local elitista de Nova Iork, e iso non lle gusta a un ricachón, racista e supremacista branco, fillo dun importante construtor. A cousa semella bastante clara, pero a principal testemuña, unha camareira, fuxe e escóndese. Entre iso e o poder do asasino (máis ben do seu pai), fai que a xustiza sexa moi benévola con el e escapa a Suiza.

Un par de anos máis tarde volve de incógnito, pero Shaft entérase e arréstao nada máis chegar. O ricachón cre que vai fuxir da xustiza tan facilmente como a outra vez, e máis ou menos é así, pero esta vez quítanlle o pasaporte e, polo menos, xa non pode fuxir do país. O ricachón, ademais, non está nada conforme co feito de que o seu pai é moi brando e non se aplica ao máximo para resolver o problema.

Polo tanto, decide contratar a un mafioso para que se desfaga da testemuña, pero este mafioso tampouco llo pon demasiado fácil. Shaft si que consegue localizar á testemuña e a convence para declarar. Cando vai celebrarse o novo xuízo, a nai daquel rapaz negro asasinado, cansa xa de que a xustiza dos brancos non resolva nada, mata ao ricachón á porta dos xulgados, con centos de persoas e xornalistas diante.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...