luns, 5 de decembro de 2022

Batman Begins

Como xa comentei aquí, nos últimos tempos estou vendo algunhas películas anglosaxonas de superheroes, pero máis da saga de DC que da Marvel, que me desconcertan un pouco. Estoulle dando bastante a Spiderman, algo a Batman e incluso vin varias seguidas de Hulk. Pero o máis interesante que se fixo neste eido é, para min sen dúbida, a triloxía de Batman que dirixiu Christopher Nolan, que me ten pinta que vai ser un dos directores máis importantes da primeira metade do secúlo XXI (creo que xa o é, e aínda lle quedan varias décadas para dar alegrías). Nesta ocasión botaban "Batman begins", que é a primeira da triloxía, xa vin tamén a segunda e só me falta a terceira. Debo recoñecer que xa pasaron unhas semanas e xa case non lembro de que ía, pero si teño claro que o espectáculo audiovisual é apabullante (aínda que efímero na miña memoria).

Foi dirixida en 2005 por Christopher Nolan e no elenco destacaban Christian Bale, Michael Caine, Liam Neeson, Katie Holmes, Gary Oldman, Cillian Murphy, Tom Wilkinson, Rutger Hauer, Ken Watanabe e Morgan Freeman (ou sexa, moitos, e case todos homes). Sigo dicindo que Christian Bale paréceme un actor fenomenal que lle transmite moi ben o espírito desta triloxía, nada maniquea, algo escura e moi realista.

Conta a historia dende o comezo, con Bruce Wayne neno, que lle ten medo aos morcegos, e cuxos pais morren traxicamente. O resto é moi difícil de reproducir, a película é longa e nos filmes de Nolan pasan tantas cousas por minuto que contar a historia completa convértese nunha odisea. Por salientar algo, diríamos que os viláns contra os que máis loita nesta ocasión (non son sempre os mesmos) son o Espantallo e Ra's al Ghul.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...