venres, 24 de decembro de 2021

Venom

Ata hai poucos días eu non tiña nin idea da existencia deste suposto "superheroe" de Marvel. Pero en cuestión dunha semana vexo esta película que trata sobre el directamente e vexo "Spiderman 3" onde xa aparecía inicialmente. Ten o atractivo de que ten superpoderes pero sempre queda a dúbida de se quere usalos para o ben, porque resulta moi ambiguo.

A película foi dirixida en 2018 por un tal Ruben Fleischer. No elenco están Tom Hardy (agora xa comeza a soarme algo máis), Michelle Williams e Riz Ahmed (cuxo papel podería lembrar vagamente a Elon Musk, un multimillonario que invirte en vangardistas proxectos tecnolóxicos).

Carlton Drake dirixe a Fundación Vida, que está facendo investigacións para atopar posibles novos mundos habitables. Na súa última expedición, descubren catro formas de vida simbióticas nun cometa, e cando a súa nave espacial está volvendo, ten un accidente e estréllase en Malasia. Alí, unha das catro mostras escapa, pero as outras tres son recuperadas.

Esas mostras son como as manchas viscosas das que falo no artigo sobre "Spiderman 3". Son capaces de mesturarse con seres humanos e coexistir algún tempo, pero finalmente os humanos acaban morrendo. Están reclutando mediante enganos a pobres da cidade de San Francisco (onde a Fundación ten a sede), para facer probas con eles, con ningún éxito.

Eddie Brock é un prestixioso xornalista. Concértanlle unha entrevista con Carlton Drake, persoa moi poderosa, pero avísanlle de que lle faga unha entrevista amable, que é unha honra para o seu xornal, e que non se meta en líos. Pero xusto a noite anterior, Eddie conseguiu unha información privilexiada sobre os trapos sucios da Fundación Vida, sen que a súa moza Anne o soubera. Ela traballaba como avogada para a Fundación Vida. Na entrevista, Eddie non se corta un pelo e intenta poñer nun aprieto a Drake. Ao día seguinte, Eddie e Anne son despedidos dos seus respectivos traballos.

Unha das médicas que traballa con Drake, e que descubre que están facendo barbaridades sen control, avisa a Brock sobre o que está pasando. Incluso cola a Eddie na sede da Fundación unha noite. Alí Eddie atopa a unha indixente que era amiga súa, que estaba desaparecida, e Eddie comprende a situación. Intenta sacala, pero o único que consegue é que o simbionte pase do corpo da súa amiga ao del, pasando a ser Venom.

O cuarto ser que desapareceu en Malasia, chamado Riot, foi pasando dun corpo a outro, deixando cadáveres cada vez que facía iso, e chega á sede da Fundación Vida no corpo dunha adorable nena. Atopáse con Carlton Drake e trasládase ao seu corpo.

A batalla final consiste en que Riot, o máis forte dos catro organismos que viñeron do cometa, quere saír nunha nova nave espacial para traer a máis organismos similares e tomar o planeta, e Venom enfróntase a el para impedilo. Eses seres só poden morrer polo lume ou polos sons dunhas determinadas frecuencias. Hai unha grande explosión, e parece que Eddie xa se separou de Venom, pero non é así. Esa debe ser a porta para unha posible segunda parte, que coido que se vai estrear pronto.

Saúdos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...