venres, 24 de decembro de 2021

Spiderman 3

Ollo, que aquí podemos facernos un lío. Se non me equivoco, a historia de Spiderman non se rodou en cine ata que chegamos ao século XXI. Se cadra houbo algunha serie previa (non me soa) pero en cine non se rodara ningunha película antes diso. O primeiro actor que fixo de Spiderman foi Tobey Maguire, que fixo unha saga de 3 películas, e a terceira delas é a que vou comentar aquí. Digo isto para que non se confunda coa terceira película da seguinte saga, que xustamente se está presentando agora, na que polo visto saen os tres actores que fixeron de Peter Parker: Tobey Maguire, Andrew Garfield (xa comentei  aquí varias desa saga nos últimos meses) e Tom Holland (que polo visto, é o novo actor escollido para ese papel). Ademais, o máis novidoso desta película é a aparición dun Spider-man con traxe negro, dunha estraña orixe, que parece recibir o nome de Venom, superheroe de Marvel do que descoñecía a súa existencia, e que vin nunha película propia uns días máis tarde. Ou sexa, moitas coincidencias.

Esta "Spiderman 3" foi dirixida en 2007 por Sam Raimi, e na que actúan Tobey Maguire, Kirsten Dunst, Rosemary Harris, James Franco, J. K. Simmons, Thomas Haden Church, Topher Grace e Bryce Dallas Howard. Hai que recoñecer que a película é complexa, hai varios Spiderman diferentes, o Venom (Spiderman de traxe negro, máis tenebroso e menos bondadoso, o protagonizan dous actores diferentes ao longo da película, e ten certo sentido que sexa así). Ou sexa, que non é moi doado explicar a historia.

Por comezar por algún sitio, teño un pequeno lío coa moza de Peter Parker. Na nova saga dos últimos anos, o personaxe chámase Gwen Stacy e está protagonizada por Emma Stone. Nesta primeira saga, a moza de Peter Parker é Mary Jane Watson (Kirsten Dunst), e Gwen Stacy é outro personaxe, a filla do xefe da policía (iso coincide nas dúas sagas), pero non son parella, aínda que teñen algún escarceo que a Mary Jane non lle gusta demasiado. Como non coñezo a historia orixinal de Spiderman, non sei que sucede aquí, pero tampouco creo que teña demasiada importancia.

Como sempre, as películas de Spiderman tratan dos seus enfrontamentos cos malosos de turno. Nesta película son varios:
- Duende verde: o seu amigo Harry Osborn, fillo de Norman Osborn, que era o inicial Duende Verde, maloso que vai montado nun monopatín volador moi molón. Spiderman supostamente matou ao pai, así que a anterior amizade rompeuse e agora é un terrible inimigo. Pero no último momento da película, xusto antes de morrer, Duende Verde axuda a Spiderman a enfrontarse aos outros dous malosos.
- Home de Area: este tipo, na súa versión normal, supostamente matou ao tío de Spiderman, pero realmente foi de xeito accidental, sen querer. Por outra banda, ten unha filla moi enferma, e quere conseguir cartos para poder operala. E nunha destas cousas moi estrañas que suceden nestas películas, cae accidentalmente nun lugar onde están facendo un raro experimento científico, e convérteno no Home de Area, un xigante de area que pode rehabilitar con facilidade as partes que lle destrúan.
- Venom: esta historia xa é moi retorcida. Nalgún momento da película aparece unha estraña sustancia negra (algún tempo despois entereime que lle chaman "simbiote"), viscosa, con capacidade de intelixencia, que colle a Peter Parker unha noite cando está durmindo. Como resultado diso, aparece un traxe de Spiderman totalmente negro, e cando Peter o pón, xa non é tan bondadoso, senón máis poderoso e individualista. Nun determinado momento, o traxe pasa de Peter Parker a Eddie Brock, un novo fotógrafo do xornal no que traballa Peter, que foi despedido porque Peter desvelou que unha foto coa que pretendía triunfar estaba trucada. E Eddie, que está chinadísimo con Peter, acolle con moito agrado o seu novo traxe, para vengarse del. Ese novo malote chámase Venom, e axiña veredes neste blog un comentario sobre unha película dedicada a el en exclusiva.

Ao final xa sabedes ou intuídes quen gana, tampouco fai falla estenderse moito nese tema, creo.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...