venres, 24 de decembro de 2021

Garra negra

Ultimamente en R estaba como canal invitado XTRM. Non é que me chame moito, pero un día destes botaban a película "Garra negra" (o título orixinal era "Black Death", non sei que necesidade había de liarse cunha "garra"). Había un par de actores coñecidos e falar da peste negra medieval en tempos de pandemia aínda tranquiliza (porque antes aínda estaban peor).
Esta película británica foi dirixida en 2010 por un tal Christopher Smith, do que eu nunca oíra falar. Os dous actores coñecidos aos que me refiro son Sean Bean (actuou en "O Señor dos Aneis" e "Xogo de tronos" así que o ambiente medieval séntalle ben) e Eddie Redmayne (non o vin en ningunha película pero sei que actuou en varias exitosas dos últimos anos). E o resto do elenco de secundarios fan un bo papel, pero recoñezo que as súas caras non me soaban de nada.

Na Inglaterra de 1348 está a peste. Un xoven monxe dun mosteiro, Osmund, ten moitas ganas de saír do mesmo, porque a pesar do illamento, tamén está entrando a peste no mosteiro. E ademais, pronto se sabe na película, está namorado dunha bela moza da vila, que marcha da mesma debido á peste. Di que esperará nun bosque cercano durante unha semana, despois marchará.

Osmund non sabe que facer para marchar, pero xurde unha oportunidade fantástica cando Ulric, un cabaleiro con fama de salvaxe aparece polo mosteiro pedindo un voluntario que lles guíe ata unha solitaria aldea a carón dos pantanos, na que parece que non entrou a peste e na que pasan cousas algo estrañas, como que son capaces de resucitar aos mortos. E Ulric, que tamén é un fanático relixioso, quere averiguar o que sucede alí e matar a todo o que non faga cousas moi respectuosas coa relixión.

Osmund non estivo nunca nesa aldea, pero sabe onde está, porque el naceu e criouse nesa zona, e ademais o bosque no que medio-quedou coa súa amada está de camiño, así que todo pinta moi ben. Chega ao lugar da cita coa súa moza despois de escaparse temporalmente do grupo, pero non atopa alí á súa moza. O que si atopa é unha banda de salvaxes que anda por alí, que o descubren, o perseguen ata o campamento onde están os demais, e ten lugar unha cruenta batalla, na que sobreviven case todos os do seu grupo.

Seguen o seu camiño e pouco despois chegan a esa misteriosa aldea. Alí son ben recibidos, aparentemente, todos están sanísimos, son todos guapísimos e guapísimas, pero eles sospeitan que efectivamente, pasa algo raro. Alí está a moza de Osmund, que inicialmente parece que estaba morta, pero semella que non, estaba cerca desa condición. Pero facela revivir do seu estado catatónico faille crer a Osmund que efectivamente acaban de resucitala, e decide matala el mesmo porque aquelo non pode ser bo. Tamén, tanto camiño para fracasar dese xeito.

O resto non está mellor. Finalmente todos foron drogados e apresados. E queren que fagan un xuramento de deixar de adorar ao deus cristián para quedar a vivir alí ou marchar libremente, se non o fan, serán executados. Vense casos variados: un que decide deixar a fe cristiá é finalmente aforcado (aínda que os outros non ven o final da historia, pensan que foi liberado, así que os fai dubidar); outro négase a deixar a fe cristiá e é crucificado. Ao final libéranse varios do grupo "evanxelizador" e enfróntanse aos da aldea.

Finalmente, parece que a aldea non tiña peste porque estaba totalmente illada das demais. E as supostas resurreccións non eran tal, senón que era revivir a alguén que estaba en estado catatónico. Pero na Idade Media crían en moitas cousas raras, pobriños.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...