mércores, 3 de agosto de 2022

Ons

Tiña certas ganas de ver a película "Ons", creo que a última que fixo (de momento) o director Alfonso Zarauza. Aínda que tamén me temía que podía ser lenta e intimista, e ese tipo de historias non sempre me cautiva.

Foi dirixida en 2020 por Alfonso Zarauza e o máis destacado do reparto é Melania Cruz, Antonio Durán, Xulio Abonjo, Anaël Snoek e Marta Lado.

Mariña e Vicente forman un matrimonio que vive en Barcelona e que vai pasar unha tempada á illa de Ons. No faro da illa vive o irmán de Mariña, coa súa muller e filla. Vicente é un médico xa algo maior, que hai algún tempo tivo un accidente de coche, no que morreu unha amiga que ía con el. Van á illa coa intención de que el supere a profunda depresión na que está sumido. Mariña é tradutora e está traballando nun libro, así que pode facelo alí sen demasiados problemas.

Pero a estancia na illa non resulta tan proveitosa como lles gustaría. Vicente si, porque vai recuperando o ánimo, pero precisamente a Mariña pásalle o contrario, porque comeza a ter ciumes de Vicente. Vicente lévase bastante ben coa súa cuñada, comeza a ter curiosos malentendidos cunha rapaza da illa que semella algo fresca, cunha estranxeira náufraga que aparece unha mañá nunha praia despois dun temporal, Mariña pregúntalle que facía a súa amiga común no coche no que tivo o accidente e el non é capaz de respostar.

Ademais, na illa está claro que tamén pasan outras cousas estrañas. Ao final parece adiviñarse que o fareiro irmán de Mariña coñecía dalgo á náufraga, que pouco despois aborta axudada por Vicente, que é médico, como xa dixemos. Tamén anda por alí outro mariñeiro que non semella xogar moi limpo, en definitiva, na illa de Ons non todo é o que parece.

En xeral, fíxoseme lenta e longa. A película non chega nin a hora e media de duración, pero pasan poucas cousas e a súa lentitude non me resultou demasiado atractiva. Como tamén lin nalgunha crítica, non resulta demasiado crible o matrimonio entre Mariña e Vicente, cunha grande diferenza de idade. Os dous actores principais son fantásticos, pero Morris se cadra está demasiado inexpresivo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...