domingo, 27 de xullo de 2025

Zodiac

Os estadounidenses, que son en xeral xente algo violenta e con certa tendencia a matar xente, manteñen un bo feixe de casos míticos que se produciron no seu territorio de asasinatos en serie. Eu incluso creo que estudos como Criminoloxía teñen certo sentido alí pero non no resto do planeta, onde o índice de criminalidade é bastante máis baixo. Un deses mitos é o "asasino do zodíaco", que quixen coñecer onte.

"Zodiac" foi dirixida en 2007 por David Fincher. O elenco está bastante ben, podemos destacar a Jake Gyllenhaal, Mark Ruffalo, Robert Downey Jr., Anthony Edwards, Brian Cox, Elias Koteas, Donal Logue, John Carroll Lynch, Dermot Mulroney e Chloë Sevigny.

Para comezar, hai que dicir que a película reflexa feitos reais e, polo que parece, foi bastante fiel á historia real. Parece que o director e o guionista estiveron meses investigando o caso real para poder despois facer unha película fiel ao mesmo. Tamén é certo que tampouco foi un asasino tan terrible, cometeu algúns erros e supoño que un dos seus maiores "éxitos" foron as cartas cifradas que lle escribía á policía de San Francisco burlándose por non descubrilo. O caso non foi resolto, e como xa sucedeu hai máis de 50 anos, seguramente nunca o será.

Nun espazo de tempo máis ou menos curto, prodúcense na zona de San Francisco tres incidentes violentos. No primeiro, un tipo mata a unha muller e deixa ferido ao rapaz que está con ela no coche. Polo que parece, ela coñecía ao seu agresor. No seguinte incidente, o tipo acoitela a unha parella que estaba á beira dun lago. Ela morre pouco despois pero el sobrevive. Despois mata a un taxista na cidade de San Francisco. Na película vese tamén como intenta matar a unha nai que vai coa súa filla pequena nun coche, pero fracasa porque a nai coa nena en brazos tírase do coche en marcha. Na película tamén se insinúa que algún caso sen resolver que sucedera antes e algúns que sucederon despois tamén puideron ser obra del, pero non está claro. 

A principal pista da súa autoría son as cartas cifradas que envía aos principais xornais e á policía de San Francisco, burlándose deles por non resolver o caso. Pero nalgún momento, algún dos investigadores (policía ou xornalista) cre percibir que se atribúe algún ataque que non foi del, simplemente para presumir. Non o dixen antes, todo isto sucedeu a finais dos 60 e comezos dos 70.

Manéxanse varios posibles culpables, tendo como apoio a grafoloxía, xa que escribía cartas manuscritas e cifradas, e teoricamente esperaban pillalo por aí. Pero sospeitaban que o tipo era ambidestro e que, debido a iso, tiña certa capacidade para facer as mesmas letras de formas algo diferentes. O ADN non estaba desenvolvido por aquela, así que non puideron avanzar nese campo. 

Está de máis dicir que a historia resulta moi interesante e absorbente. Nun dos xornais que se encargaron do caso, o Chronicle, traballaban dous tipos que se dedicaron moito ao tema. Un deles, o xornalista Paul Avery, investigou moito sobre o tema, tanto que se obsesionou e foi despedido, despois de engancharse ás drogas e o alcohol. Por outra banda, Robert Graysmith, que era caricaturista nese mesmo xornal, foi o que máis investigou no tema e incluso chegou a publicar un libro de éxito nos anos 80.

Saúdos.



Día das Letras Galegas 2025: Cantareiras e Pandereteiras

Con algo de retraso, publico un artigo sobre o Día das Letras Galegas deste ano 2025. Xa pasaron algo máis de dous meses da data, pero ata agora non tiven tempo para ler os tradicionais documentos que consulto todos os anos sobre este tema. Neste caso foron tres:
- Un suplemento da Voz de Galicia sobre o tema
- Un libro da Voz de Galicia sobre o tema, nesta ocasión escrito por Patricia Blanco. Levan xa máis de 20 anos publicando un volume por esta efeméride, xa vai unha colección algo xeitosa.
- Un suplemento de Nós Diario que sacaron para o 25 de xullo de 2024, no que se analiza toda a música que se fai en galego en todos os estilos, que é moita xa, e que tocaba transversalmente o tema da celebración.

Neste ano houbo unha certa polémica (non moita, tamén é certo) porque algúns autores consideran que, tendo moito mérito as persoas homenaxeadas, o Día das Letras Galegas non se crearon para premiar ese tipo de "obras", senón máis ben as literarias convencionais, que acaban plasmadas en papel, cando a literatura oral que deu lugar ás cantigas populares semellan doutro tipo. Por se alguén non se enterou, este ano as homenaxeadas foron as cantareiras (e tamén pandereteiras, porque os dous labores van unidos).

Parece que a principal impulsora da candidatura (xa estivera a piques de gañar nalgún dos anos anteriores) foi a académica Ana Boullón, lingüista especialista en toponimia e antroponimia. Como as bases do Día das Letras Galegas din que hai dedicarlle a festividade a persoas concretas que leven máis de dez anos mortas, tiveron que investigar e centrárono en sete persoas:
- Eva Castiñeira, de Muxía, cantou nalgún concerto de Milladoiro a comezos dos 80 coa súa irmá Engracia
- Adolfina e Rosa Casás Rama, de Vila da Igrexa, no concello de Cerceda, participaron moi activamente na gravación do famoso "Cancioneiro" de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina
- As pandereteiras de Mens, que eran unhas cantas, en total seis. As homenaxeadas foron oficialmente Prudencia e Asunción Garrido Ameijenda, Manuela Lema Villar, e despois uniron a Teresa García Prieto, que formou parte do grupo só durante os anos 70, xa que morreu moi nova. Oficialmente non constaban as dúas que morreron hai menos de 10 anos: Adela Rey Torrado e María Teresa Lema Varela. Por haber, había incluso dous homes máis xoves que bailaban con elas, pero decidiuse que este ano as homenaxeadas ían ser só cantareiras mulleres.

Saúdos.



Buried (Soterrado)

Oín falar moitas veces desta película que, polo que parece, ata agora é o maior éxito do talentoso director español Rodrigo Cortés. Un tipo do que oín falar moi ben, polos podcasts nos que participa e libros que escribe, pero semella que no mundo do cine aínda non deu coa tecla correcta, e esta foi a mellor, polo visto. O pouco que eu sabía (e é suficiente) era que a película ten un único actor (físico), xa que está pechado nun féretro, e que no interior conta só cuns poucos obxectos. Inicialmente, eu pensaba que fora soterrado por erro, dándoo por morto cando non o estaba, por iso me estrañaba o dos outros obxectos, pero ao pouco de comezar xa se comprende que a motivación é outra. Por certo, no mundo hispanofalante propuxéronse varios títulos breves que son traducións fieis do orixinal, pero tiveron pouco éxito, e en RTVE Play segue co título orixinal inglés.

"Buried" foi dirixida en 2010 por Rodrigo Cortés. O único actor que se ve en imaxe é Ryan Reynolds. Despois hai moitos actores de voz que aparecen nas conversas telefónicas. Incluso algunha actriz aparece en imaxe nalgún vídeo, pero son nada máis un par de segundos.

A historia está ambientada en 2006, non sei a razón exacta. O protagonista era un civil que conducía un camión que estaba apoiando a loxística da reconstrución de Irak despois da invasión estadounidense (apoiada por países como Reino Unido e España). Deberon ter algún incidente con "insurxentes" (que será un insurxente para un invasor estadounidense?), foi apresado, e foi metido nun féretro para pedir un rescate por el. Por esa razón ten un chisqueiro tipo "zippo", un móbil tipo Blackberry e un lápis ou bolígrafo para tomar nota (escribe moitas cousas no féretro, que é de madeira).

Comeza a facer e a recibir chamadas, porque inicialmente non sabe exactamente por que está alí, pero vai lembrando cousas pouco a pouco. Hai moita tensión contida e vaise desenvolvendo a historia. Ao comezo, non resulta doado entender que se pode contar en 90 minutos nesa situación, pero ao final si dá moito de sí a historia. Como é relativamente recente e moi sorpresiva, non vou contar nada máis. Cando comecei a vela, eu sabía aínda moito menos.

Saúdos.



Madeira de buxo

Esta foi a última novela que escribiu Camilo José Cela, ao que considero un bo escritor, pero teño que recoñecer que non lin moitas obras del, pero si as máis coñecidas. "A familia de Pascual Duarte" pareceume moi interesante e "A colmea" paréceme sublime. Había xa algún tempo que esta novela me estaba rondando e que todo parecía indicar que lle ía tocar a súa quenda, e así foi. A edición que eu lin foi publicada pola Voz de Galicia a comezos deste século, cando lle deu a febre por sacar coleccións de libros relacionados con Galicia. Neste caso, foi unha colección de libros ambientados en Galicia ou de autores galegos, pero que foron escritos en castelán.

Algúns autores din que con esta obra pechou a triloxía que pretendeu dedicarlle a Galicia, xunto con "Mazurca para dous mortos" e "A cruz de San Andrés". Se foi así, chama a atención que as súas dúas últimas obras escritas foron para esta triloxía, polo tanto, aínda tardou en completala, e a primeira foi na década anterior. O que si é certo é que os galegos e galegas que lean esta obra non van ter ningún problema na lectura, pero o resto de hispanofalantes pode que si. Hai moitos topónimos, antropónimos e pasaxes completos do libro que están en galego, sobre todo refráns e cantigas populares.

Pero resultoume absolutamente irrelevante. É unha novela, supostamente, pero non conta ningunha historia, ou polo menos, iso parece. Vai mencionando unha serie de personaxes, recurrentemente, e dicindo cousas sobre eles e elas, pero todo iso vai mesturado con moitísimos datos sobre todos os naufraxios marítimos que houbo na Costa da Morte, e iso practicamente sen signos de puntuación, polo menos puntos e puntos e aparte (comas hai bastantes). Polo tanto, mestúranse frases longuísimas onde pode falar de moitas cousas diferentes, pero sen levar a ningures.

Saúdos.



martes, 22 de xullo de 2025

Indiana Jones e o dial do destino

Última película da saga de Indiana Jones, e non sei se derradeira, porque Harrison Ford non creo que dea para moito máis, xa rodou esta con 80 anos e sospeito que houbo dobres e efectos dixitais que o substituíron, senón resulta inconcebible. Desta vez están os nazis de novo polo medio. Moita acción, como é típico desta saga, pero creo que este chicle hai que deixar de estiralo xa. De feito, nas esceas da primeira parte da película, puxeron a un dobre e sobre el, a cara de Ford cando era novo.

"Indiana Jones e o dial do destino" foi dirixida en 2023 por James Mangold. Ollo, que na produción estaban Steven Spielberg, George Lucas e Frank Marshall, con compañías como Lucasfilm, Disney e Paramount detrás. No elenco encabeza obviamente Harrison Ford, que estaba acompañado principalmente por Phoebe Waller-Bridge, unha actriz británica que tivo certo éxito na televisión inglesa á que eu non vira na miña vida. En canto a outros secundarios, Mads Mikkelsen, John Rhys-Davies, Antonio Banderas (que sae 10 minutos), Toby Jones ou Karen Allen.

A acción está dividida en dúas partes. A primeira transcorre en 1944, cando está rematando a Segunda Guerra Mundial. Os nazis queren levarse polo menos algunhas reliquias para intentar recuperar o poder cando se poida. Inténtalo coa lanza de Lonxinos, que lle cravaron a Xesucristo, pero resulta ser falsa, e o último que atopan que semella ser verdadeiro é a Anticitera, un dial do destino que creara Arquímedes que supostamente podía valer para dar saltos temporais (como vedes, de imaxinación, os guionistas van sobrados). Finalmente fanse con ela Indiana e o seu colega Basil Shaw.

25 anos máis tarde, cando se está celebrando a chegada á Lúa, Indiana Jones xubílase e xusto aparece na súa vida Helena, a filla de Shaw, que aparte de arqueóloga, tamén é aventureira, pero gústanlle moito os cartos e non o valor das pezas coas que trafica. E tamén aparece como investigador instalado en Estados Unidos o xeneral nazi que estivo a piques de facerse coa Anticitera en 1944, que volve a por ela.

A búsqueda é por todo o Mediterráneo, xa que Arquímedes dividiu a peza en dúas partes, e Indiana só ten unha delas. E os nazis van detrás. Conseguen xuntalas e conseguen cruzan unha "fenda temporal" coa que chegan á época de Arquímedes. E xa bastante contei, como vedes, bastante disparatado, pero nunha película deste tipo pode ser aceptable.

Saúdos.




O enxeñoso fidalgo Don Quixote da Mancha

Xa había uns anos que tiña a idea de "volver" ler o Quixote. Digo volver entre aspas porque, teoricamente, xa o lin hai unhas cantas décadas, pero non hai moito decateime de que a versión que lera daquela estaba recortada e alixeirada, seguramente formara parte dunha desas edicións dirixidas a público máis novo para facerlle máis doada a lectura. Así que, pensei que unha das obras máis insignes da literatura mundial merecía este esforzo. Púxenme no verán, que dispoño de tempo, e levoume tres semanas, sen matarme moito, non está mal.

Outro dos detalles interesantes é que, na miña casa, hai como mínimo dúas edicións do Quixote (se cadra hai algunha máis perdida por algures), e creo que xa non está aquí aquela adulterada que lin no seu día. Pero animeime a ler unha que pon algúns obstáculos. Resulta que, hai uns quince anos, andaba Viaxes O Lóstregho de visita pola Comunidade Valenciana, e fomos de visita á Casa Museo de Azorín, en Monóvar (Alicante). Poucos anos antes cumpríranse os 400 anos da publicación da primeira parte desta obra, e en toda España viñéronse arriba coa efeméride. E a CAM (Caixa de Aforros do Mediterráneo) decidiu facer unha edición de peto que metía toda a obra en 700 páxinas. Ollo, 700 páxinas e de peto, imaxinade o tamaño de letra. Pois eu quería ler esa, e iso fixen.

Obviamente, como é máis que coñecida a obra, non vou contar nada ou case nada da súa trama, se cadra só algunhas cousas que me chamaron a atención. Por exemplo, eu non oíra falar desa Segunda Parte apócrifa escrita por un tal Alonso Fernández de Avellaneda, que non se sabe quen é, pero que se sospeita que era alguén ou varios dos autores do círculo de Lope de Vega, que polo visto tiñan moi mala relación con Cervantes. A primeira parte foi publicada en 1605, e estaba dividida en catro subpartes, e a segunda parte foi publicada en 1615, pouco antes da morte do autor. Pois un pouquiño antes disto, sobre 1614, apareceu esa segunda parte "falsa".

Non vou discutir que a obra está moi ben e, sobre todo, algo moi difícil de imaxinar agora, debeu resultar un auténtico bombazo para a época. De feito, parece que a novela tal como a coñecemos agora nace con esta obra. Non teño coñecementos suficientes para discutir isto, seguro que é certo, e resulta moi complicado facer análises tan sesudas cando pasou tanto tempo. Se os expertos no tema din iso, pois é certo e punto.

O que si teño que dicir tamén é que hai algunhas cousas que non me gustaron demasiado:
- Por exemplo, na primeira parte, introduce dúas ou tres historias que ocupan uns cantos capítulos, nas que se contan historias colaterais que non teñen moito que ver coa historia do cabaleiro e o escudeiro. Dá a impresión como se quixera vender tamén outras historias, no caso de que a principal non gustara moito. Unhas son mellores e outras peores, na miña opinión, pero axudan a dispersar un pouco a idea central, e non me agrada demasiado.
- Na segunda parte fai moitas referencias a ese Quixote "falso" que escribiron outros. Supoño que sería o salseo da época pero parece algo mediocre, pero vaia, sabendo que a primeira parte tivera tanto éxito, non tiña por que meterse nese lío. E vaia, xa me está entrando curiosidade por ler esa outra versión "apócrifa", se é que aínda se edita.

Como curiosidade (unha máis), diremos que a Segunda Parte (de Cervantes) xa non se divide en subpartes, e case a metade del transcorre nun palacio e terreos que teñen uns duques, que coñecían a primeira parte do Quixote, e que quixeron divertir a todos os seus súbditos con burlas aos dous protagonistas. E así inventan a Ínsula Barataria, para que Sancho Panza practique durante uns días a ser gobernador, e non o fai nada mal, pero acaba fartando do cargo. Na primeira parte, todo parece transcorrer na zona da Mancha, e na segunda, comezan aí pero van camiño de Aragón e rematan en Barcelona.

Supoño que hai uns cantos vídeos diferentes que ilustran partes desta obra, pero a mítica versión que fixo TVE con Fernando Rey de Quixote e Alfredo Landa de Sancho Panza será difícilmente igualable.

Saúdos.



luns, 14 de xullo de 2025

Leonardo

Como debedes saber, non son nada aficionado ás series de televisión, dame moita pereza dedicar moitas horas ao desenvolvemento da mesma historia. Pero se me colle en período de vacacións (con tempo dispoñible), e non é excesivamente longa (o límite podería estar en torno ás 10 horas, supoño), podo animarme. Que o tema me interese, axuda, claro. Hai pouco, revisando en RTVE Play se había algo deste tipo, atopei unha titulado "Leonardo" que obviamente trataba sobre Leonardo da Vinci, un dos meus personaxes históricos preferidos, así que me lancei. Eran 8 capítulos duns 50 minutos, estaba no meu rango de acción.

"Leonardo" é unha coprodución de 2021 entre varios países, europeos a maioría, Estados Unidos sempre anda polo medio, e Italia levaba a voz cantante. Hai varios directores, aos que non coñezo, que se alternaban na dirección dos diferentes capítulos. No elenco destacan os actores e actrices italianos e británicos, con algún español metido polo medio, como Aidan Turner, Giancarlo Giannini, Matilda De Angelis, Freddie Highmore, James D'Arcy e Carlos Cuevas.

A historia está máis ou menos baseada na traxectoria vital e artística de Leonardo da Vinci, sobre todo seguindo o fío das súas obras principais, pero parece que se tomaron moitas liberdades á hora de modificar datas, facer coincidir personaxes históricos que estaban por alí cerca (pero non tanto) e circunstancias parecidas.

De feito, un dos fíos condutores principais é a relación entre Leonardo (que parecía ter tendencias homosexuais) cunha tal Caterina de Cremona, que parece ser un personaxe de ficción que se inventaron para esta serie, a quen lle unía unha gran amizade, e nunca queda claro se algo de amor. Tanto é así, que un dos motivos principais é que Leonardo está preso, acusado de matala, e un oficial de Milán está entrevistándoo a el e a todo o entorno para intentar saber se a matou el ou non, xa que ameazan con aforcalo por esa razón. Así que hai que tomarse a serie sen moito rigor e disfrutar dela, simplemente.

Pola serie pasan outros personaxes históricos da época, como Verrocchio, Ludovico Sforza, César Borgia, Luca Pacioli, Nicolás Macchiavello, Miguel Ángel, a modelo da Gioconda, etc.

Saúdos.



Morte no Nilo

Dende hai uns anos, debido a unha serie que medio-vexo (o que podo cando podo, que non é sempre, ademais, son capítulos independentes, non fai falla velos en secuencia), aficioneime algo ao personaxe de Hércules Poirot, o detective belga ideado por Agatha Christie. O actor que parece máis especializado no papel é David Suchet, nos últimos anos Kenneth Branagh está facendo unha serie de películas sobre el, e outro día atopei en Amazon Prime esta versión con Peter Ustinov.

Debe ser unha das novelas máis coñecidas de Agatha Christie, xunto a "Dez negriños" e "Asasinato no Orient Express". Polo que parece, a especialidade desta autora debe ser pechar a un grupo de personaxes nun espazo pechado (e moitas veces móbil), provocar unha morte, e mirar quen puido ser o causante. No "Asasinato no Orient Express" había moitos posibles candidatos para iso, e nesta historia tamén sucede o mesmo.

"Morte no Nilo" foi dirixida en 1978 por John Guillermin, e por dicir algo, a música era de Nino Rota. E no reparto pode verse que era unha superprodución. Como xa se dixo, Peter Ustinov era Hércules Poirot. A historia xeraba en torno a unha parella en lúa de mel, e casualmente eses actores eran os máis descoñecidos, Simon MacCorkindale e Lois Chiles. Pero o elenco de secundarios era de luxo: David Niven, Mia Farrow, Angela Lansbury, Jack Warden, Maggie Smith, Bette Davis, Jon Finch, Olivia Hussey, George Kennedy, Jane Birkin, Harry Andrews e Sam Wanamaker.

A historia xa ten moitos anos, e hai moitas versións, pero se eu, que teño certo interese, aínda a vin completa estes días, pode que haxa moita xente que aínda non a coñeza, así que non vou desvelar a resolución da trama, só vou presentar os elementos principais.

Unha parella vai celebrar a súa lúa de mel nun cruceiro polo Nilo, mentres visitan algúns dos máis eminentes monumentos de Exipto. O principal problema é ela, unha millonaria caprichosa, que por si mesma, ou debido ás accións do pai, xa morto, fíxose moitos inimigos, e polo que parece, decidiron aparecer todos xuntos nese cruceiro. Casualmente tamén están por alí Hércules Poirot e un colega seu que lle axuda nas investigacións, pero que non semella moi avispado.

Obviamente, a asasinada é a muller dese matrimonio. E van acompañados pola ex-novia do marido (que os presentou e agora non está demasiado contenta), a criada da muller, o seu avogado americano, que quere estafala, unha vella que quere roubarlle as xoias e a súa criada, cuxa familia foi arruinada polo pai da morta, un comunista que quere acabar cos aristócratas, unha escritora que pode ser denunciada pola última novela que escribiu sobre a morta, e un médico alemán que pode ser denunciado por incompetente. Como vedes, bonito panorama.

Saúdos.



luns, 7 de xullo de 2025

2067

Despois de meses sen facelo, volvín ao catálogo de ciencia-ficción de Rakuten, por ver se había algo aproveitable. Sen moito criterio, escollín esta película, que xa vira moitas veces nese catálogo, pero parece que non ofrece gran cousa. Semella unha produción australiana, e supoño que o elenco será moi coñecido alí, a min ningunha cara me soaba de nada. Está claro que, non vendo series, debe ser o normal, creo que algúns dos actores principais xa teñen certa fama.

"2067" foi dirixida por un tal Seth Larney en 2020. O elenco está formado por Kodi Smit-McPhee, Ryan Kwanten, Leeanna Walsman, Finn Little, Deborah Mailman, Damian Walshe-Howling, Aaron Glenane, Matt Testro e Sana'a Shaik, que insisto, deben ser moi coñecidos no mundo australiano, pero que eu descoñezo por completo. A película ten boas intencións, supoño, pero pásase bastante de pretenciosa, e por se non chegara con iso, métese no lío dos saltos no tempo, que é moito lío do noso señor.

No ano 2067 xa se notas claramente os efectos do cambio climático, e o osíxeno é moi escaso, por iso a xente está morrendo. Un controvertido científico que leva tempo traballando nunha controvertida corporación consegue rematar unha máquina do tempo, que lle pon en contacto co ano 2474, pero cando parece que a teñen rematada, a mensaxe que di a máquina é que teñen que enviar a Ethan, o fillo do científico, ao futuro. Todo o mundo interpreta que no futuro está a cura para a doenza que aflixe á humanidade, e que se el a trae de volta, poderá resolver o problema.

A partir de aí, a cousa líase bastante. Efectivamente, Ethan fai ese salto, aínda que con moitas dúbidas, porque non quería deixar soa á súa muller, que tamén está enferma. Así que o fai un pouco por egoísmo, por salvala a ela. Pero algo vai regular, e xusto a continuación, fai ese mesmo salto, coa pouca enerxía sobrante, o seu mellor colega no 2067.

Unha vez no 2474 ven moitas cousas que non entenden, como o suposto cadáver de Ethan á porta dunhas instalacións, cun tiro na cabeza. Conseguen entrar nesas instalacións e ven que son o mesmo laboratorio dende o que deron o salto no tempo no 2067. Non entenden nada, pero empezan a facer probas para ver se poden volver dende alí de novo. Pero no mundo no que están agora non hai ninguén, só hai vexetación, así que non está claro que posible vacina ou cura poden levar.

E nada, a historia navega dunha forma moi confusa, e o final aínda o é máis.

Saúdos.



Tres anuncios nas aforas

Saínme un pouco da ciencia-ficción que estaba vendo nos últimos días, e en RTVE Play atopei unha película que tivo boa fama nos últimos anos: "Tres anuncios nas aforas". Soábame vagamente a trama e parecía un punto de partida interesante, sobre todo se está ambientada no centro dos Estados Unidos, que son xente bastante salvaxe. E o entendín mellor cando vin que o director da película era Martin McDonagh, un dramaturgo británico-irlandés con obras tamén bastante violentas. De feito, nin sequera sabía que dera o paso ao cine. Nas últimas décadas, varias compañías de teatro galegas fixeron montaxes baseados nas súas obras.

"Tres anuncios nas aforas" foi dirixida en 2017 por Martin McDonagh. O elenco estaba formado por Frances McDormand, Woody Harrelson, Sam Rockwell, Abbie Cornish, John Hawkes e Peter Dinklage, entre outros.

Unha rapaza é violada e asasinada na vila de Ebbing, estado de Missouri, e cando pasaron uns meses do feito e a investigación non avanzou case nada, a súa nai, Mildred Hayes, contrata unha vallas publicitarias que se atopan nunha das entradas da vila, nunha estrada pola que non pasa case ninguén, e pon uns carteis que piden explicacións para a inacción da policía.

As vallas estarán postas nun sitio que non as ve ninguén, pero en cuestión de minutos ou horas, todo o mundo na vila xa se enterou do das vallas. En xeral, apoian á nai e á súa loita, pero non están de acordo cos anuncios, porque consideran que o xefe de policía, que é moi aprezado, fixo todo o que podía cos escasos medios cos que conta. Ademais, todo o mundo sabe que o xefe de policía ten un cancro de páncreas e probablemente non lle queda moito tempo de vida.

A historia vai avanzando entre un clima xeral de violencia de todo tipo, tamén verbal, porque todo o mundo se fala de forma moi inapropiada, incluso na mesma familia, pero iso semella moi na liña do director, que tamén foi o guionista. Agora a diferenza é que pasou de ambientar as súas obras de teatro en Irlanda a facer películas no Medio Oeste estadounidense.

O cancro do xefe de policía semella avanzar, e decide suicidarse, deixando cartas para todos os implicados na historia. O seu axudante principal comeza a facer barbaridades, pola ira, e é expulsado da policía porque algunha delas fainas xusto diante do seu novo xefe, que acaba de chegar á vila.

O axudante expulsado está a piques de morrer cando Mildred lle prende lume á comisaría de policía. E pouco despois, este mesmo axudante escoita unha conversa casual nun bar na que un tipo parece recoñecer que participou nalgo parecido á violación da filla de Mildred. Memoriza a matrícula do seu coche e provoca unha pelexa co tipo, para poder coller mostras de ADN e comprobar se foi o culpable.

E sen desvelar máis, xa vos podo dicir que o final é moi pouco estadounidense.

Saúdos.



O último home sobre a Terra

Unha vez máis, buscando na sección de ciencia-ficción de Amazon Prime, atopei esta pequena xoia, pero resulta que tamén estaba en Youtube. Nada máis comezar, xa me decatei que era unha versión de "Son lenda", unha novela de Richard Matheson que lin hai xa moitos anos. E esta película é moito máis fiel á novela orixinal que a película "Son lenda" protagonizada por Will Smith en 2007. Como xa dixemos máis veces, os estadounidenses son tan panolis que non poden aceptar unha historia que non acabe totalmente ben, ou edulcorada. En Hispanoamérica decidiron titular esta película como "Seres das sombras". Os españois foron fieis ao título que lle deron os estadounidenses a esta película, pero é que xa foron eles os que se separaron do título orixinal da novela.

"O último home sobre a Terra" foi dirixida en 1964 por Ubaldo Ragona e Sidney Salkow, directores que non me soan de nada. Ollo, que foi unha coprodución italo-estadounidense. Ata o propio Richard Matheson foi un dos guionistas, pero ao final pediu que cambiaran o seu nome por outro, xa que quedou moi descontento co resultado final, aínda que era bastante fiel á súa novela. Parece que a dirección lle pareceu frouxa e que Vincent Price non lle gustou nese papel, aínda que era un actor ao que adoraba. Obviamente o papel principal (e case único) foi o de Vincent Price, que estivo acompañado polos italianos Franca Bettoia, Emma Danieli e Giacomo Rossi-Stuart. Estaba ambientada nos Anxeles pero rodouse en Roma.

Se non coñecedes a historia, pode que non entendérades algúns dos comentarios anteriores, pero agora ides entender todo. Un virus esténdese polo mundo e mata a case todo o mundo que o contrae, provocando que despois se convirta nun zombi, vampiro ou similar. Durante a noite, estes vampiros están moi activos e intentan conseguir novas pezas, pero durante o día están totalmente inactivos e poden ser cazados.

O doutor Robert Morgan (na novela orixinal non se chamaba así, pero dá igual) traballaba nun laboratorio de investigación que intentou loitar contra o virus, pero non conseguiu atopar unha vacina nin nada parecido. Cando era máis novo, mordeulle un morcego e parece que iso lle proporcionou unha certa inmunidade ante o virus, porque parece ser a única persoa sana que queda no mundo. Durante a noite, ten a casa sellada para que non entre ningún dos vampiros que se achegan por alí intentando entrar.

Durante o día, vai no seu coche a diferentes partes da cidade con puntiagudas estacas de madeira e vai matando a todos os vampiros que atopa, que non poden defenderse. Vanse vendo fragmentos dos momentos nos que morreron a súa filla primeiro e a súa muller despois. E como tivo que levalas a unha fosa na que se queiman os cadáveres para que non revivan.

Nun determinado intre, atopa a unha muller que parece estar sana. Consegue chegar a ela e levala á súa casa. Faille unha análise do seu sangue e parece estar infectada, pero está claro que algo fai que non teña os síntomas habituais de noite. O doutor faille unha transfusión do seu propio sangue para intentar curala.

Pero a muller dille que a unha certa distancia vive unha comunidade de persoas coma ela que conformarán a nova humanidade, e que deben acabar cos vampiros, e tamén con Robert Morgan, que é unha lenda, e non é un vampiro, pero que representa un tipo de ser humano que tamén debe desaparecer para que emerxa a nova humanidade. Avísalle de que van vir por el, pero el non fai demasiado caso, con funestas consecuencias para el. Esta película si é fiel á novela orixinal neste punto, que non é pouco, aínda que lle cambiaran o nome ao personaxe principal.

Saúdos.



Terror no espazo

Así que pasei uns días buscando películas clásicas de ciencia-ficción, a ver que atopaba. En Amazon Prime atopei esta coprodución italiana e española, pero resulta que tamén está en Youtube, como podedes ver no vídeo de abaixo. Hai actores estadounidenses, españois, italianos, brasileños, etc. Nalgún sitio lin que foi unha das principais inspiracións para "Alien, o oitavo pasaxeiro". Interesante.

"Terror no espazo" foi dirixida en 1965 por Mario Bava (director italiano especializado no xénero de terror, pero non creo que fixera moitas de ciencia-ficción). O elenco está formado por Barry Sullivan, Norma Bengell, Ángel Aranda, Evi Marandi, Stelio Candelli, Franco Andrei e Mario Morales.

Dúas naves xemelgas baixan a un planeta misterioso, chamado Aura, xa que levan tempo recibindo sinais de radio dende alí. Cando chegan alí, comezan a pasar cousas estrañas, como desaparicións, estraños comportamentos dalgúns dos integrantes e cousas parecidas.

Os dunha nave van buscar aos da outra, que viron a pouca distancia da súa, e cando chegan alí, parecen estar todos mortos, pero descoñecen a razón. Inspeccionan a zona e, cando volven, xa non están os seus cadáveres, que viron hai pouco tempo naquel lugar.

Comezan a ser atacados polos seus compañeiros, que semellan posuídos, e teñen que matalos. Entérranos, pero podemos comprobar como ao pouco tempo eses cadáveres comezan a revivir. Todo ten que ver cunha brétema que cubre o planeta, e que transporta aos habitantes dese mundo, que se está extinguindo, e que están buscando novos corpos para saír de alí e colonizar outros planetas.

Xa se ve que a película non é estadounidense, porque o final non é tan optimista como acostuma.

Saúdos.



Lucy

Como xa dixen moitas veces, gústame moito a ciencia ficción, e nesa sección de Netflix atopei esta película, que resoltou ser unha patochada. Sóame que Luc Besson é un director moi dado a películas de acción desaforada, e o argumento central da película xira en torno ao estúpido mito de que o ser humano só utiliza o 10% do cerebro, que dá moito xogo para especular con tonterías. O resultado final é unha produción francesa con superestrelas estadounidenses e o tipo de cine típico do director, con tiroteos, pelexas e persecucións. Así que ciencia ficción, máis ben pouca, polo menos da que a min me gusta.

"Lucy" foi dirixida en 2014 por Luc Besson. Os papeis principais foron para Scarlett Johansson, Morgan Freeman, o surcoreano Choi Min Sik, que fai de mafioso, e o exipcio Amr Waked, que fai de policía parisino.

A trama é algo retorcida e case surrealista. Resulta que unha mafia coreana está intentando distribuír unha nova droga chamada CPH4. Esa mafia introduce unha bolsa con esa droga no corpo dun alemán, un italiano, un francés e a estadounidense residente en Taiwan que protagoniza a historia, e os manda para a súa casa, para que alí algúns sicarios a extraian do seu corpo e comecen a comercializala.

Pero a estadounidense é moi atractiva e intentan violala no lugar onde a teñen retida, deféndese e recibe unha paliza, debido á cal parte desa droga comeza a circular polo seu torrente sanguíneo. E debido a iso, comeza a utilizar unha porcentaxe cada vez maior da súa capacidade cerebral, sendo capaz de facer cousas absolutamente inimaxinables, incluso algunhas convencionais que non fixera antes, como disparar ou conducir.

E a partir de aí o desbarre é total. Contacta cun eminente científico e o seu equipo para intentar explicarlle que pode pasar se un ser humano utiliza unha boa parte do seu cerebro. Todo iso acaba sucedendo en París, e é atacada polos mafiosos coreanos e máis ou menos tamén pola policía parisina, aínda que hai algún que a axuda. O final xa é demasiado surrealista para contalo aquí.

Saúdos.



domingo, 6 de xullo de 2025

A memoria do boi

"A memoria do boi" de Xosé Vázquez Pintor é o volume 117 da Biblioteca Galega 120 que a Voz de Galicia publicou no ano 2002, cando se cumprían 120 anos de vida dese xornal, en colección dirixida polo xornalista Tucho Calvo. Como a colección ten 120 volumes, parece que xa está moi cerca o remate desta magna serie. Xa só quedan tres volumes recompilatorios, con poesía, refráns e contos populares, se non lembro mal. Penso que a finais de 2025 xa estará rematado o chollo.

Pero esta novela, do ano 2001, aínda que levou o premio Torrente Ballester, a min non me gustou nada, non conectei con ela en ningún momento. Está ambientada en Boapedre, que é un trasunto de Pontevedra. O autor cambia case todos os topónimos (pero non todos), e moitos indicios apuntan á Boa Vila. Pero dá igual. Hai moitos capítulos breves (4-5 páxinas), que contan pequenas microhistorias, e algún que outro personaxe sae mencionado en varios delas, pero de xeito circunstancial, así que non resulta doado atopar ligazón entre as diferentes historias. Polo tanto, suponse que é unha novela, pero case podería ser un libro de relatos, porque non se ve ningunha unidade. Polo visto, eu boteina en falta.

Saúdos.



Mundo Futuro

Se non me trabuco, atopei isto en Amazon Prime. Xa debín dicir aquí algunha vez que me gusta moito a ciencia-ficción, tanto en literatura como en cine. Pero é que ademais non me desagrada a ciencia-ficción clásica, dos anos 50, 60 e 70, cando os medios non eran moitos pero si a ilusión e a imaxinación. Polo visto, esta película é a secuela de "WestWorld" ("Almas de metal" en España), a ver se consigo vela nalgún sitio.

"Mundo Futuro" foi dirixida en 1976 por un tal Richard Heffron (non semella ter moita carreira no sector). Os dous papeis principais claramente foron para Peter Fonda e Blythe Danner, que estiveron acompañados por Arthur Hill, Yul Brynner, John P. Ryan, Stuart Margolin, James M. Connor, Allen Ludden e Robert Cornthwaite. Por certo, vin a dobraxe sudamericana, era a que estaba dispoñible (tampouco mirei se había máis, ben me vale).

Hai anos intentou poñerse en marcha un parque de atraccións histórico chamado Delos, que permitía mergullarse no Salvaxe Oeste, na Europa Medieval ou no Mundo Romano (diso trataba a precuela "WestWorld"), pero foi un fracaso, porque algo fallou, e os robots encargados non funcionaron todo o ben que se preveía.

Refixeron todo, e a mesma corporación volve a presentar o proxecto, e convidan a xornalistas e investigadores a visitar as instalacións con total liberdade para moverse e falar con quen queiran. Alí se presenta Chuck Browning, un xornalista de investigación pouco coñecido, e Tracy Ballard, unha presentadora de televisión moi popular. Coñécense entre sí pero non se levan nada ben, pero aínda así, deciden facer equipo para investigar, porque sospeitan que a empresa esconde algo.

Cando chegan ao parque, descubren que compartirán visita, entre moitos outros, cun coñecido xeneral soviético (ou similar) e cun importante político xaponés, co que coinciden en moitas ocasións, e que semellan encantados de todo o que están vendo. Nunha das primeiras noites, estes catro personaxes son narcotizados e levados a unhas instalacións secretas nas que lles fan todo tipo de análises biolóxicas, coa intención de facer uns clons seus que os substituirán máis adiante.

Nos seguintes días, seguen investigando e coñecen a algún personaxe que leva alí tempo traballando, e que lles di que algo raro sucede, porque hai tempo que pasan cousas algo raras, como a desaparición dun colega seu. Precisamente Chuck tivo contacto con ese tipo xusto antes de que morrera en moi estrañas circunstancias, e nese último intre díxolle que tiña que investigar o parque Delos. Ao final descubren o complot para o clonado de personaxes de relevancia mundial, e conseguen desbaratalo.

Saúdos.



Misterio en Venecia

Algunha vez debín comentar por aquí que me atrae bastante o personaxe de Hércules Poirot, creado por Agatha Christie. Hai unha mítica serie de televisión, protagonizada por David Suchet (ese actor deber interpretar outros papeis, supoño, pero resúltame difícil velo noutro), que fala sobre el. Pero polo visto, nos últimos tempos, Kenneth Branagh tamén se aficionou a el, e dirixiu e protagonizou unha triloxía. As primeiras foron "Asasinato no Orient Express" e "Asasinato no Nilo", coas típicas tramas de asasinatos en espazos pechados (tren e barco, respectivamente). E esta terceira é parecida, pero en palacio veneciano.

Comentario aparte merece a tradución do título orixinal ao castelán. A historia está baseada nun relato de Agatha Christie titulado "As mazás" (efectivamente aparecen mazás nalgunha escena, pero teñen pouca relevancia na historia, que eu lembre). O título orixinal dese relato en inglés é "Halloween Party", que tamén ten que ver coa parte inicial da historia, pero nada co que vén despois. Sospeito que querían crear un enigma nun lugar como Venecia, e punto. Pero o caso é que o título orixinal da película é "A HAUNTING in Venice". Polo visto, "haunting" significa algo así como "embruxo" ou "encantamento", algo que podería ter que ver coa maxia, ou incluso, o misterio, poñéndonos algo espléndidos. Pero non debe confundirse esa palabra con "hunting", pero iso parece que lles pasou en Hispanoamérica, onde a titularon "Cacería en Venecia". Patético.

"Misterio en Venecia" foi dirixida en 2023 por Kenneth Branagh (ollo, entre outros estaba Ridley Scott na produción). Obviamente, Kenneth Branagh fai de Hércules Poirot, pero está acompañado por Kyle Allen, Camille Cottin, Jamie Dornan, Tina Fey, Jude Hill, Ali Khan, Emma Laird, Kelly Reilly, Riccardo Scamarcio e Michelle Yeoh.

Pois iso. Baséase moi vagamente nun relato titulado "As mazás" (que sabe Dios de que trataba), pero parece que querían crear unha nova historia dun grupo pechado nun palacio de Venecia. Poirot está alí retirado (en Venecia, non nese palacio), e recibe unha oferta para participar no caso, pero dun xeito que aínda lle molesta máis. Resulta que nese palacio morreu hai pouco unha adolescente, e a súa nai convocou a unha famosa medium que prometeu contactar con ela. Obviamente, Poirot non cre en nada diso, pero case se ve "obrigado" a ir. Como xa intuiredes, comezan a pasar cousas estrañas. A primeira delas, é que a medium morre empalada pouco despois de comezar co seu labor.

Tampouco creo que teña moito sentido contar moito máis da historia. Ten moito misterio e a película é moi recente, así que recomendo o seu visionado. Non é a mellor película do mundo, pero a peor tampouco, nin moitísimo menos.

Saúdos.



Sherlock Holmes: Terror na noite

Por sorte, puidemos ver outra película desta saga que non se dedica a perseguir nazis, senón a resolver un enigma inxenioso. Polo que puiden ler, non está baseada en ningún relato concreto de Arthur Conan Doyle, pero colle elementos de varios, como "A casa deshabitada", "A desaparición de Lady Frances Carfax" e "O signo dos catro". Pero vaia, tampouco hai que complicarse moito a vida. O rimbombante título só fai referencia a que hai un asasinato nun vagón dun tren que viaxa de noite, hai vixiantes que saben que ninguén entrou e saíu dese vagón, e hai que interrogar a todos os que están alí para ver quen puido ser. Un tipo enigma británico do estilo de Agatha Christie.

"Terror na noite" foi dirixida en 1946 por Roy William Neill (o case habitual de toda a saga). Obviamente os dous papeis principais foron para Basil Rathbone e Nigel Bruce, que esta vez foron acompañados por Alan Mowbray (que fai dun dos principais inimigos de Holmes), Dennis Hoey (que fai de Inspector Lestrade), Billy Bevan, Harry Cording, Frederick Worlock, Mary Forbes e Skelton Knaggs. Acabo de decatarme que estas películas eran estadounidenses (da Universal), pero case todo o equipo era británico, tendo en conta que xiraban en torno a un personaxe mítico creado por un autor inglés.

Unha señora adiñeirada de Londres sofre un intento de roubo dun valiosísimo diamante chamado a "Estrela de Rodesia". Así que, para poñelo aínda máis doado, a señora decide levar a xoia a Edimburgo nun tren nocturno. Para darlle maior seguridade, contrata a Holmes e Watson. A eles únese Lestrade, o tren é perfectamente consciente do perigo e tamén incrementa a seguridade. Se se fai unha película sobre iso, xa sabedes que o roubo e algúns asasinatos asociados están garantidos.

E así é. Ao pouco de saír, a señora vai ao restaurante, e queda o seu fillo no seu compartimento do vagón, co mesmo pechado por dentro. Pero todas escoitan un ruído, e descubren que o fillo está morto dentro do compartimento, e a xoia roubada, por suposto. Aínda que Holmes di que a verdadeira a leva el, e que os ladróns levaron unha falsa.

Así que Lestrade, Holmes e Watson comezan unha investigación, con desigual fortuna, para intentar saber quen matou ao fillo da señora e intentou roubar a xoia. Obviamente, nese vagón vai xente moi sospeitosa, por razóns moi variadas. Por comezar por algures, unha fermosa muller, moi enigmática, vai alí acompañando un cadaleito no que vai a súa nai morta, que vai enterrar en Escocia. Ben, o cadaleito vai no vagón de equipaxes, pero cando van revisalo, ademais de ver o cadáver, comproban que o cadaleito é inusualmente alto, e que ten un compartimento inferior onde podería caber unha persoa. Ela confesa que apareceu alguén na súa casa que lle ofreceu unha cuantiosa suma por levar á súa nai morta nese tren e nese cadaleito, e non lle pareceu mal o trato.

E xa digo, o resto de viaxeiros tamén son así, todos moi ambiguos e sospeitosos. Aínda que ten case 80 anos, non vou desvelar o final, pero acábase descubrindo que algunha das persoas menos sospeitosas ao final tamén ten moito perigo. Unha das cousas interesantes de todas as películas desta saga é que duran entre 60 e 70 minutos.

Saúdos.



American psycho

Buceando no catálogo de Netflix para ver se tiñan algunha película interesante (non parece que haxa moitas), atopeime con "American psycho". Fíxenme socio do Círculo de Lectores a finais dos anos 80 e sóame que pouco despois saíu unha novela titulada así, que causou certa sensación. Eu non a lin nin merquei, pero quedei sempre coa espiña de que a historia podía estar ben. Algún tempo despois fixeron a película pero ata hai uns días non me animei a vela. En parte, tamén puido pesar o feito de que o papel principal é de Cristian Bale, que me parece un actor moi interesante.

"American psycho" foi dirixida no ano 2000 por unha tal Mary Harron, da que nunca oín falar. Polo visto, a produtora principal substituíu temporalmente á directora e actor principal por Oliver Stone e Leonardo di Caprio, pero ao final marcharon e quedamos co que coñecemos agora. O papel principal e preponderante é para Cristian Bale, pero está acompañado por Willem Dafoe, Jared Leto, Josh Lucas, Samantha Mathis, Matt Ross, Bill Sage, Chloë Sevigny, Cara Seymour, Justin Theroux, Guinevere Turner e Reese Witherspoon.

A historia é doada de contar pero tamén é moi ambigua. É ambigua porque, ao final, non queda moi claro se o que se contou na película é certo ou se son simples alucinacións do personaxe principal. Polo visto, o novelista que creou a historia orixinal, Bret Easton Ellis, queixábase de que a súa novela era tremendamente ambigua nese punto, e que na película todo parecía moito máis veraz ata que na parte final se destapaba esa posible invención.

Vén contando a vida cotiá de Patrick Bateman, un alto executivo de Wall Street, dunha empresa moi potente, na que el e moitos outros homes parecidos a el, semellan competir entre sí tendo todos un mesmo cargo (vicepresidente). Polo que se lle ve a el, moito traballo non é que fagan, teñen un despacho con secretaria, pero cando están alí, non parecen estar facendo ningún labor concreto nin produtivo. Por exemplo, compiten por intentar ir aos locais máis exclusivos, pero non sempre o conseguen.

E o que máis se ve é a apariencia e presunción do seu altísimo tren de vida, e a competencia entre eles, pero unicamente nese aspecto. Van aos restaurantes máis exclusivos, xuntos ou coas súas novias ou mulleres, que ás veces intercambian sen demasiado rubor. Polo visto, case todos eles envexan a un igual, chamado Paul Allen (Jared Leto), porque parece que é o que ten máis glamour. De feito, vese unha "simpática" escena na que todos amosan as súas tarxetas de visita, para intentar impresionar aos outros. E a competencia é do máis estúpido, porque todas as tarxetas teñen o fondo branco, pero diferentes tonalidades, e diferéncianse no tipo de letras e en efectos tridimensionais como o relevo. Pero a de Paul Allen é a máis estilosa, polo visto.

Vaise vendo como Patrick Bateman mata a varias persoas, como un mendigo, algunhas mulleres coas que participa en orxías, e tamén mata a Paul Allen un día que consegue quedar con el, pero comproba totalmente compunxido que Paul nin sequera sabe como se chama e que se dirixe a el co nome doutro compañeiro da empresa.

A partir deste momento aparece un detective (Willem Dafoe) que intenta averiguar que pasou con Paul Allen, xa que hai uns días que está desaparecido e non dá sinais de vida. Aparentemente, consegue desviar a atención, aínda que o detective non está totalmente convencido.

Unha noite, faille unha confesión por teléfono ao seu avogado, mencionando a todas as persoas ás que matou, onde están os seus cadáveres e todo iso. Aparentemente, non pasa nada, e uns días máis tarde, atópase con ese avogado, e dille que pensou que era unha broma, aparte do feito de que este avogado tamén lle chama por outro nome, porque tamén o confunde con outro compañeiro da empresa. Ademais, pensou que era unha broma porque Patrick confesou o asasinato de Paul Allen, pero o avogado estivo ceando con el hai uns días en Londres.

En definitiva, que rematas a película sen saber se foi verdade todo o que viches, se son alucinacións do personaxe principal ou se pasa outra cousa aínda máis retorcida. Está ben para comprobar que, seguramente, a xente que se move neses entornos é así de imbécil (se cadra non é certo), pero pouco máis.

Saúdos.



sábado, 5 de xullo de 2025

Sherlock Holmes e a Perla maldita

Como xa dixen aquí bastantes veces nos últimos tempos, estou vendo moitas das catorce películas que protagonizaron Basil Rathbone e Nigel Bruce sobre os personaxes de Sherlock Holmes e o Doutor John Watson, creados por Arthur Conan Doyle. As últimas que vin decepcionáronme un pouco porque non eran creacións de Doyle, senón "inspiracións" levadas á Segunda Guerra Mundial enfrontándose aos nazis, e resultaban algo patéticas. Pero dei con varias que están inspiradas en relatos orixinais, como esta, baseada en "Os seis Napoleóns".

"A perla maldita" foi dirixida en 1944 por Roy William Neill (director de case toda a saga). Os protagonistas principais son Basil Rathbone, Nigel Bruce, Evelyn Ankers (unha das malosas), Dennis Hoey (Lestrade) e Miles Mander (o maloso principal).

Plantexamento curioso. Chega unha valiosísima perla a Londres e deposítase na súa urna nun importante museo. Holmes e Watson queren saber se a seguridade no museo é moi alta e fan diferentes experimentos, e compróbase que é así. Pero Holmes segue indagando para saber como manteñen ese nivel de seguridade e desconéctao durante uns minutos, que son aproveitados por un avispado ladrón para levarse a xoia. Sae perseguido e o último que consegue facer antes de ser apresado é entrar ás presas no obradoiro dun artesán. É apresado pero non ten a xoia.

A partires dese momento comezan a producirse mortes terribles, sempre coa rotura dunha vértebra lumbar. Iso fai pensar que o culpable é "O réptil", ao que todos crían morto, pero isto apunta a que non é así. Pero ninguén consegue atopar o factor común de todas esas mortes. Ata que Holmes decátase de que naquel obradoiro do artesán estaban facéndose uns pequenos bustos de Napoleón, e que o ladrón escondeu a perla nun deles. Así que alguén soubo cales foron os seis compradores dos bustos, e estaba matándoos un tras outro, para dar coa perla de novo. Por sorte, chegan a tempo porque casualmente a perla estaba no último busto que faltaba por localizar.

Saúdos.



venres, 4 de xullo de 2025

Alan Parsons Project na Coruña

Este é un grupo que sempre me gustou bastante. Hai bastante xente que considera que é un "two hit wonder" coas cancións "Eye in the sky" e "Don't answer me", pero eu puiden escoitar máis cancións e discos e creo que teñen moitísimo máis fondo de armario que ese. Sospeito que pasa o mesmo con outros grupos, pero iso de que algunhas cancións se convirtan en mitos e eclipsen ás outras sempre foi un misterio.

Tiven a sorte de ver a este grupo no ano 2004 no Coliseum da Coruña. Xa me causaran boa impresión, aínda que me quedou a sensación de que Alan Parsons (con 20 anos menos, tiña uns 55 daquela) xa estaba bastante orondo e algo perxudicado. Conseguín un disco recopilatorio e pouco despois toda a discografía, que escoitei con moita atención. Nesta ocasión o grupo segue soando de marabilla e Alan Parsons está aínda máis perxudicado (non ten gran mobilidade, e entrou apoiándose nun bastón, saíu sen el, pero anda lentamente e está case todo o tempo sentado durante o concerto).

O segundo pilar básico do "proxecto" era Eric Woolfson, que xa morreu hai uns 15 anos, e que xa non ía de xira con eles a outra vez que viñeron á Coruña, pero a súa obra pervive. Unha das cousas que me chama a atención deste grupo é o coidado que teñen o aspecto vocal. Para comezar, non teñen unha voz única, senón que poden cantar en modo solista catro ou cinco persoas diferentes do grupo. E por outra banda, fan moi ben os coros e as segundas voces. Parece mentira que me decatara deste detalle durante este concerto, cando soa exactamente igual que o disco.

Os integrantes e funcións da banda son os seguintes:
- Alan Parsons: guitarra acústica, teclados e voz. Entrou con axuda dun bastón e saíu andando lentamente, estivo todo o tempo sentado, agás cando tocou o teclado en "Sirius" (antesala de "Eye in the sky") e cando saudou antes dos bises. A guitarra acústica apenas se escoita en ningún momento, agás na balada "Time". O que si me sorprendeu é que foi a voz principal de "Don't answer me" (a segunda canción que tocaron), "Eye in the sky" (a última antes dos bises) e "Primetime", que mola mazo.
- P. J. Olsson: é o cantante principal, pero  non a voz solista en todas as cancións, nalgún momento véselle tocando unha guitarra acústica e algunha pandeireta.
- Tom Brooks: teclados, que fixo algún guiño ao público coruñés tocando fragmentos de "Negra sombra" e da "Rianxeira". 
- Guy Erez: baixo.
- Jeff Kollman e Dan Tracey, nas guitarras, cada un deles foi a voz solista dalgunha canción.
- Danny Thompson: batería.
- Todd Cooper: saxo e percusión, e tamén é a voz principal en varias cancións.

Con respecto á lista de cancións, comezaron con "Standing on a higher ground" (se non me engana a memoria), e a segunda xa foi "Don't answer me". A última do concerto convencional foi "Eye in the sky". Polo medio só houbo unha que non me soaba de nada, pode ser dese disco que sacaron no 2019. Nos bises tocaron dúas, a primeira sóabame algo, pero non demasiado, e a última foi "Games people play", que está ben para rematar porque é bastante movida.

Xa digo, son absolutamente calcado ao disco orixinal, como podedes comprobar no breve vídeo que poño aquí daquel día. Non se esperaba menos, e eles saben que o público vai para iso.

Saúdos.



Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...