Por sorte, puidemos ver outra película desta saga que non se dedica a perseguir nazis, senón a resolver un enigma inxenioso. Polo que puiden ler, non está baseada en ningún relato concreto de Arthur Conan Doyle, pero colle elementos de varios, como "A casa deshabitada", "A desaparición de Lady Frances Carfax" e "O signo dos catro". Pero vaia, tampouco hai que complicarse moito a vida. O rimbombante título só fai referencia a que hai un asasinato nun vagón dun tren que viaxa de noite, hai vixiantes que saben que ninguén entrou e saíu dese vagón, e hai que interrogar a todos os que están alí para ver quen puido ser. Un tipo enigma británico do estilo de Agatha Christie.
"Terror na noite" foi dirixida en 1946 por Roy William Neill (o case habitual de toda a saga). Obviamente os dous papeis principais foron para Basil Rathbone e Nigel Bruce, que esta vez foron acompañados por Alan Mowbray (que fai dun dos principais inimigos de Holmes), Dennis Hoey (que fai de Inspector Lestrade), Billy Bevan, Harry Cording, Frederick Worlock, Mary Forbes e Skelton Knaggs. Acabo de decatarme que estas películas eran estadounidenses (da Universal), pero case todo o equipo era británico, tendo en conta que xiraban en torno a un personaxe mítico creado por un autor inglés.
Unha señora adiñeirada de Londres sofre un intento de roubo dun valiosísimo diamante chamado a "Estrela de Rodesia". Así que, para poñelo aínda máis doado, a señora decide levar a xoia a Edimburgo nun tren nocturno. Para darlle maior seguridade, contrata a Holmes e Watson. A eles únese Lestrade, o tren é perfectamente consciente do perigo e tamén incrementa a seguridade. Se se fai unha película sobre iso, xa sabedes que o roubo e algúns asasinatos asociados están garantidos.
E así é. Ao pouco de saír, a señora vai ao restaurante, e queda o seu fillo no seu compartimento do vagón, co mesmo pechado por dentro. Pero todas escoitan un ruído, e descubren que o fillo está morto dentro do compartimento, e a xoia roubada, por suposto. Aínda que Holmes di que a verdadeira a leva el, e que os ladróns levaron unha falsa.
Así que Lestrade, Holmes e Watson comezan unha investigación, con desigual fortuna, para intentar saber quen matou ao fillo da señora e intentou roubar a xoia. Obviamente, nese vagón vai xente moi sospeitosa, por razóns moi variadas. Por comezar por algures, unha fermosa muller, moi enigmática, vai alí acompañando un cadaleito no que vai a súa nai morta, que vai enterrar en Escocia. Ben, o cadaleito vai no vagón de equipaxes, pero cando van revisalo, ademais de ver o cadáver, comproban que o cadaleito é inusualmente alto, e que ten un compartimento inferior onde podería caber unha persoa. Ela confesa que apareceu alguén na súa casa que lle ofreceu unha cuantiosa suma por levar á súa nai morta nese tren e nese cadaleito, e non lle pareceu mal o trato.
E xa digo, o resto de viaxeiros tamén son así, todos moi ambiguos e sospeitosos. Aínda que ten case 80 anos, non vou desvelar o final, pero acábase descubrindo que algunha das persoas menos sospeitosas ao final tamén ten moito perigo. Unha das cousas interesantes de todas as películas desta saga é que duran entre 60 e 70 minutos.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario