martes, 29 de marzo de 2022

A guerra dos mundos (1953)

Aproveitando que na miña nova Smart TV se pode ver Youtube, de cando en vez busco películas que poidan estar enteiras. Aínda me deu poucas veces por facer iso, pero creo que vou atopar moitas perlas. Unha das últimas que atopei foi a primeira versión cinematográfica de "A guerra dos mundos", que vira hai moitos anos e me gustara moito. Como curiosidade, direi que non estaba nun vídeo único, senón nunha lista de reprodución cos 13 fragmentos ordeados que ían véndose consecutivamente cunha pausa mínima entre eles. Polo tanto, a experiencia cinematográfica ficou intacta. E ademais estaba na dobraxe latinoamericana, que tampouco me desagrada.

Foi dirixida por Byron Haskin en 1953, e o único actor minimamente destacado (e tampouco demasiado) foi Gene Barry, que fai o papel principal. Teño que recoñecer que sempre me chamou a atención a calidade dos efectos especiais para o momento no que se fixo a película.

No deserto estadounidense caen uns meteoritos, e resulta que son naves alieníxenas que veñen invadir a Terra. Un eminente científico lidera a resistencia dos terrícolas pero os invasores parecen invulnerables. Vese o avance e a destrución das principais cidades do planeta pero, inesperadamente, un día determinado, as máquinas nas que veñen os invasores comezan a fallar porque os seus pilotos semellan estar enfermos. Efectivamente, a inesperada e aparentemente inmerecida victoria dos terrícolas débese aos xermes que existen na atmósfera terrestre, para a que non estaban preparados os alieníxenas.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...