luns, 28 de febreiro de 2022
A Terra contra os platillos voantes
Dune 1984
Como xa comentei aquí hai uns meses, están facendo agora unha versión cinematográfica de "Dune" (novela orixinal de Frank Herbert), que non están nada mal e que incluso vin en sala de cine. Suponse que este ano estrean a segunda parte. Pero tiña moitas ganas de ver enteira a primeira versión, que fixo o estraño director David Lynch a mediados dos 80. E puiden facelo dun xeito inesperado, navegando por Youtube na miña nova "smart tv".
Pois xa dixen algo da ficha, foi dirixida por David Lynch en 1984. O papel principal foi para Kyle MacLachlan, actor que tivo boa parte dos seus éxitos nos primeiros anos de carreira deste director. En canto a secundarios, está moi ben dotada, con profesionais como Francesca Annis, José Ferrer, Virginia Madsen, Sean Young, Everett McGill, Jurgen Prochnow, Patrick Stewart, Sting, Richard Jordan, Max von Sydow, Dean Stockwell ou Silvana Mangano. Nada mal. A historia vén sendo a mesma de sempre, contándoa tamén de forma moi interesante, sobre todo tendo en conta que eran os 80, e que o director era David Lynch (iso soubémolo despois, o rariño que era).
Na galaxia hai varias razas enfrontadas. Por un lado están os Harkonnen, que explotan a extración da importantísima especia no planeta Arrakis. Esa especia permite, entre outras cousas, a super-velocidade nas viaxes espaciais. No planeta Arrakis viven uns vermes xigantescos aos que hai que evitar para conseguir extraer esa especia. O planeta é arenoso e hai xigantescas dunas (supoño que de aí vén o nome da obra).
Nun determinado momento, o emperador ordea que a concesión da extración da especia, que outorga grandes ganancias a quen se dedica a ela, pase dos Harkonnen á casa Atreides. Polo que parece, ese movemento non é exactamente para favorecer aos Atreides, senón que o emperador está aliándose cos Harkonnen para poder atacalos en Arrakis e acabar con eles. O que eles non saben é que o herdeiro da Casa de Atreides, Paul, ten uns poderes que lle permitirán vencer. Para iso aliarase cos Fremen, a tribo que vive en Arrakis e que teñen os ollos azuis do seu contacto coa especia.
Saúdos.
Cara de anxo
Raíces profundas
A lúa vai encuberta
Aos poucos, imos volvendo ao teatro. Recoñezo que son máis selectivo e cauto do que era antes da pandemia, e xa non vou a "todo", como antes, pero xa se chegará, espero. Escoiteille a algún crítico dicir que esta era a mellor obra galega da tempada. Non sei, fun a moi poucas como para comparar, pero tampouco me pareceu para tanto. Incluso me pareceu algo sectaria e sesgada ideoloxicamente, así que non o teño nada claro.
A obra está baseada nunha peza teatral de Manuel María (da que despois falaremos algo, pola súa enigmática orixe). Semella unha colaboración das compañías Incendiaria (da que forman parte Vanesa Sotelo e Davide González) e A Quinta do Cuadrante (da que forman parte Tito Asorey e Melania Cruz). A dirección é de Tito e a dramaturxia de Vanesa.
A enigmática orixe vén dos comentarios de Manuel María, dicindo que a escribira por encargo para o grupo de teatro da Asociación Cultural Auriense nos anos 70, pero que despois de comezar os ensaios, o grupo se disolvera. As persoas que se encargaron desta montaxe entrevistáronse con algunhas das persoas que formaban parte daquel grupo teatral, e ninguén deles lembraba nin ensaiar esta obra, nin que o grupo se disolvese naquel momento. Está claro que esa aura de misterio engade interese á obra.
Pareceume que basicamente a obra contaba a historia do nacionalismo galego durante o franquismo e comezo da transición, sobre todo dende o punto de vista da UPG, e ese proceso Manuel María debía coñecelo ben. Incluso hai burlas ben malvadas contra o grupo de Ramón Piñeiro, que non digo eu que non poidan ser merecidas (en maior ou menor parte), pero que amosa claramente o sectarismo dunha proposta, que pasado o tempo, se erixe como vencedora da mezquina loita entre galegusitas e nacionalistas, nunha época ben dura para todos.
Saúdos.
Plácido
Keepers, o misterio do faro
Hai xa un mes ou máis botaban nunha cadea estatal, pero non das principais (creo) unha película que me chamou a atención. Estaba ambientada nun faro, que iso sempre é un elemento interesante, e falaba do misterio da desaparición de tres fareiros. Polo visto, é unha especulación libre dos guionistas sobre unha historia lendaria que corre por Escocia, xa que no ano 1900 pasou iso mesmo con tres fareiros na illa de Flannan, e aínda hoxe non se sabe que puido suceder.
A película foi dirixida en 2018 por un tal Kristoffer Nyholm, e os tres fareiros son protagonizados por dous veteranos como Peter Mullan e Gerald Butler, e un novato e descoñecido como Connor Swindells.
Pois iso, nesa remota illa escocesa parece que hai relevos de tres meses, e en cada relevo van tres fareiros. Neste relevo van os tres fareiros reseñados (a verdade é que non lembro os seus nomes en absoluto: son o veterano, o adulto e o rapaz) e comezan o seu relevo estacional.
Un dos primeiros días, cando están facendo unha revisión da pequena illa, ven un cadáver xunto a un bote de madeira e un cofre. Baixa o máis novo deles axudado dende arriba polos outros dous, para comprobar se o home está vivo, que non o parece. Esa impresión dá, pero cando se descoida, o outro esperta e intenta matar ao rapaz. É axudado dende arriba con pedras, e despois dunha pelexa, consegue matalo finalmente. Suben o cofre e descobren que ten lingotes de ouro.
Pouco tempo despois, chega un pequeno barco pesqueiro con dous homes, que semellan nórdicos ou algo así (Islandia e Feroe non están tan lonxe deste lugar, se o miras ben). Veñen buscando ao seu compañeiro, do que non saben nada. O fareiro máis veterano dilles media verdade, que efectivamente apareceu o seu cadáver nun acantilado da costa, pero que eles non viron ningún cofre. Vese que os outros dous desconfían da palabra do fareiro. Simulan que marchan pero captan perfectamente que dan a volta e que entran na illa por un sitio diferente ao porto natural. Ao pouco tempo, téñenos de novo no faro con intención de agredelos. Cústalles bastante, pero ao final acaban matándoos tamén, por defensa propia.
E a parte final da película trata da tolemia na que cae o fareiro de idade intermedia, debido ao illamento do lugar. Se digo a verdade, non lembro se acaba matando aos outros, ou como remata exactamente. Iso non debe ser bo indicio, pero así tampouco fago "spoilers".
Saúdos.
domingo, 13 de febreiro de 2022
O maquinista da Xeneral
O rapaz
sábado, 5 de febreiro de 2022
O perfume
Día da Música no Teatro Colón
O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...
-
Non é moi habitual que vaia eu ás salas de cine comercial, pero tamén é certo que no Nadal, se houbo algún lanzamento dalgunha película que ...
-
Como xa teño dito aquí nalgunha outra ocasión, non me desagradan as películas de temática bíblica. Aínda que poida resultar algo contraditor...
-
Cando eu era pequeno, na televisión botaban con certa frecuencia películas de Jerry Lewis e tiña un certo prestixio por aquí. Pero coido que...