domingo, 13 de febreiro de 2022

O rapaz

Hai unhas semanas, no espazo de cine clásico da 2, os luns pola noite, botaban unha sesión dobre de cine mudo, que comezaba con "O rapaz", a famosa película de Charles Chaplin. Non sei se a vira completa algunha vez (seguramente si, non é moi longa), pero apenas lembraba nada. Aínda que estes clásicos de cine mudo raramente decepcionan. Por certo, no mundo hispanofalante a tradución do título utilizou palabras como chico, muchacho, chicuelo e pibe, dependendo do país.

Foi realizada no ano 1921, case todos os roles da produción foron a cargo de Charles Chaplin, e os principais actores do elenco foron Charles Chaplin, Jackie Coogan (a pesar deste gran comezo sendo neno, a súa carreira cinematográfica apenas tivo éxitos) e Edna Purviance (por certo, acabo de ler que era alcohólica e que estiveron a piques de reemprazala por outra actriz, xa que chegaba borracha case todos os días á rodaxe).

Unha muller que tivo un fillo non desexado, decide abandoalo no coche dunha familia adiñeirada, que está aparcado diante da súa mansión. Pero uns ladróns rouban ese coche sen saber que está o neno dentro. Cando o descubren, deixan ao neno nunha calella, e alí o atopa un vagabundo, que inicialmente non quere responsabilizarse desa pesada carga, pero ao final non lle queda máis remedio que facelo.

Vaino sacando adiante con inxenio, e o rapaciño participa activamente nas pillerías do vagabundo, por exemplo rachando cristais a pedradas, que inmediatamente vai o vagabundo a repoñer facendo de cristaleiro.

A nai do rapaz acaba converténdose nunha actriz de éxito e vai aos barrios pobres a facer actos benéficos coa rapazada. Deste xeito, un día casualmente le a nota que deixara xunto ao rapaz no coche dos ricachóns, pedindo que o coidaran ben, e decátase que ese neno é o fillo do que se desfixera hai tempo. Decide acollelo de novo e faino na mansión diante da cal deixara ao neno, que agora é súa porque a mercou.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...