luns, 28 de febreiro de 2022

A lúa vai encuberta

Aos poucos, imos volvendo ao teatro. Recoñezo que son máis selectivo e cauto do que era antes da pandemia, e xa non vou a "todo", como antes, pero xa se chegará, espero. Escoiteille a algún crítico dicir que esta era a mellor obra galega da tempada. Non sei, fun a moi poucas como para comparar, pero tampouco me pareceu para tanto. Incluso me pareceu algo sectaria e sesgada ideoloxicamente, así que non o teño nada claro.

A obra está baseada nunha peza teatral de Manuel María (da que despois falaremos algo, pola súa enigmática orixe). Semella unha colaboración das compañías Incendiaria (da que forman parte Vanesa Sotelo e Davide González) e A Quinta do Cuadrante (da que forman parte Tito Asorey e Melania Cruz). A dirección é de Tito e a dramaturxia de Vanesa.

A enigmática orixe vén dos comentarios de Manuel María, dicindo que a escribira por encargo para o grupo de teatro da Asociación Cultural Auriense nos anos 70, pero que despois de comezar os ensaios, o grupo se disolvera. As persoas que se encargaron desta montaxe entrevistáronse con algunhas das persoas que formaban parte daquel grupo teatral, e ninguén deles lembraba nin ensaiar esta obra, nin que o grupo se disolvese naquel momento. Está claro que esa aura de misterio engade interese á obra.

Pareceume que basicamente a obra contaba a historia do nacionalismo galego durante o franquismo e comezo da transición, sobre todo dende o punto de vista da UPG, e ese proceso Manuel María debía coñecelo ben. Incluso hai burlas ben malvadas contra o grupo de Ramón Piñeiro, que non digo eu que non poidan ser merecidas (en maior ou menor parte), pero que amosa claramente o sectarismo dunha proposta, que pasado o tempo, se erixe como vencedora da mezquina loita entre galegusitas e nacionalistas, nunha época ben dura para todos.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...