domingo, 13 de febreiro de 2022

O maquinista da Xeneral

A outra película dese programa de cine dobre da 2 (ler o artigo anterior en publicación, ou sexa, o que está debaixo) foi "O maquinista da Xeneral". Estou seguro de que xa a vira enteira, e aínda que me parece unha gran película, por algunha estraña razón, só consigo lembrar esa famosa escena na que Buster Keaton senta nunha peza metálica que une dúas rodas da súa locomotora, alguén que non é el pon o tren a andar, e durante uns segundos el mantense nunha posición absolutamente estática nesa dificilísima situación.

Foi rodada en 1926 e dirixida polo propio Buster Keaton, que era o protagonista principal xunto a Marion Mack. Acabo de ler que foi un estrondoso fracaso de público e crítica, pero unhas décadas máis tarde converteuse nunha das súas películas máis famosas e apreciadas. Quen comprende ao público? Porque da crítica xa nunca se agarda demasiado.... Por certo, parece que a trama da película está baseada nunha historia real da Guerra Civil estadounidense, outra cousa é que a nós nos emocione demasiado, que non ten por que ser así.

Johnny Gray é un maquinista de tren que ten dous amores principais: a súa locomota "A Xeneral" e a súa moza Annabelle (non sei en que orde). Estalla a Guerra Civil e, por algunha estraña razón, a súa moza dille que, se non se alista inmediatamente, xa non o quererá máis. A el non lle parece mal a idea, pero cando vai alistarse cos sudistas, consideran que será máis útil no seu labor como maquinista ferroviario, e non llo permiten. Así que queda sen a moza, pero non por culpa súa.

Algún tempo despois, vai no seu tren, que é secuestrado polo exército nordista. E casualmente nese tren tamén vai Annabelle, sen sabelo ningún dos dous. Suceden unha serie de peripecias e, de casualidade, consegue averiguar os plans que ten o exército nordista nesa zona. Consegue fuxir e comunicarllo aos xenerais dos sudistas, que lle agradecen moito o servizo, e acaba tamén recuperando á súa moza.

Saúdos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...