luns, 28 de febreiro de 2022

Keepers, o misterio do faro

Hai xa un mes ou máis botaban nunha cadea estatal, pero non das principais (creo) unha película que me chamou a atención. Estaba ambientada nun faro, que iso sempre é un elemento interesante, e falaba do misterio da desaparición de tres fareiros. Polo visto, é unha especulación libre dos guionistas sobre unha historia lendaria que corre por Escocia, xa que no ano 1900 pasou iso mesmo con tres fareiros na illa de Flannan, e aínda hoxe non se sabe que puido suceder.

A película foi dirixida en 2018 por un tal Kristoffer Nyholm, e os tres fareiros son protagonizados por dous veteranos como Peter Mullan e Gerald Butler, e un novato e descoñecido como Connor Swindells.

Pois iso, nesa remota illa escocesa parece que hai relevos de tres meses, e en cada relevo van tres fareiros. Neste relevo van os tres fareiros reseñados (a verdade é que non lembro os seus nomes en absoluto: son o veterano, o adulto e o rapaz) e comezan o seu relevo estacional.

Un dos primeiros días, cando están facendo unha revisión da pequena illa, ven un cadáver xunto a un bote de madeira e un cofre. Baixa o máis novo deles axudado dende arriba polos outros dous, para comprobar se o home está vivo, que non o parece. Esa impresión dá, pero cando se descoida, o outro esperta e intenta matar ao rapaz. É axudado dende arriba con pedras, e despois dunha pelexa, consegue matalo finalmente. Suben o cofre e descobren que ten lingotes de ouro.

Pouco tempo despois, chega un pequeno barco pesqueiro con dous homes, que semellan nórdicos ou algo así (Islandia e Feroe non están tan lonxe deste lugar, se o miras ben). Veñen buscando ao seu compañeiro, do que non saben nada. O fareiro máis veterano dilles media verdade, que efectivamente apareceu o seu cadáver nun acantilado da costa, pero que eles non viron ningún cofre. Vese que os outros dous desconfían da palabra do fareiro. Simulan que marchan pero captan perfectamente que dan a volta e que entran na illa por un sitio diferente ao porto natural. Ao pouco tempo, téñenos de novo no faro con intención de agredelos. Cústalles bastante, pero ao final acaban matándoos tamén, por defensa propia.

E a parte final da película trata da tolemia na que cae o fareiro de idade intermedia, debido ao illamento do lugar. Se digo a verdade, non lembro se acaba matando aos outros, ou como remata exactamente. Iso non debe ser bo indicio, pero así tampouco fago "spoilers".

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...