luns, 28 de febreiro de 2022

Cara de anxo

No espazo de cine clásico de Garci en Trece botaron hai pouco unha película que non vira. Soábame o título vagamente, creo que tiña boa fama, pero pensaba que non a vira, como así foi. A película está ben, pero non penso en nada grandilocuente, como sempre pasa neste tipo de espazos coloquio, onde sempre se adornan con frases maximalistas dalgunha clasificación.

"Cara de anxo" foi dirixida por Otto Preminger (polo visto, tiña moi mal carácter e as súas rodaxes eran unha odisea para os actores) en 1953. Os dous papeis principais son para Jean Simmons (a cara de anxo é a dela, obviamente) e Robert Mitchum. Entre os secundarios principais están Mona Freeman, Herbert Marshall, Leon Ames e Barbara O'Neil,

A cousa vén sendo a seguinte. Frank Jessup traballa como enfermeiro e condutor de ambulancias. El e o seu compañeiro son chamados a unha mansión onde está a piques de morrer unha muller maior dalgo así como un escape de gas. Pero todo é moi turbio e tampouco está claro se foi un intento de suicidio, aínda que a afectada di que non, que foi un intento de asasinato. Isto resulta moi raro, porque na casa só están o marido e a súa fillastra, e non parece probable.

Frank acaba coñecendo á atractiva fillastra da señora, chamada Diane, e fanse amigos ou algo máis. Convence ao seu pai e madrastra para que contraten a Frank como chófer, aínda que non parece que teñan moita necesidade diso. A familia é moi estraña. O pai era escritor, pero xa non escribe dende que coñeceu á súa nova parella. A madrastra é rica, e todos viven dela, pero non protestan. A filla adora ao seu pai, pero non á súa madrastra, en absoluto, e convence a Frank de que o sentemento é mutuo. Aínda así, consegue o compromiso de que a madrastra axudará a Frank a montar un taller para coches deportivos, que é a súa paixón.

Dunha forma un tanto estraña, o pai e a madrastra morren nun estraño accidente de coche que se produce na casa. Hai un xuízo e non queda claro de quen puido ser a culpa, se é que foi de alguén. Todo apunta a Diane, pero se cadra non contaba con que o seu pai, ao que adoraba, estivera tamén no coche. Pouco despois, e de forma similar, provoca a súa morte e a de Frank (toma spoiler).

Mala herba.....

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...