domingo, 9 de febreiro de 2025

As palabras do exilio

Acabo de rematar o volume 114 da Colección Galega 120 da Voz de Galicia, que editou este xornal no ano 2002, cando se cumprían 120 anos da súa fundación. Como xa deberíades saber se ledes este blog de cando en vez, esa colección ten 120 volumes, así que só quedan 6 para rematala.

Este volume titúlase "As palabras no exilio" e o seu autor é Xesús Alonso Montero (que, por certo, anda xa cerca dos 100 anos). Cando o collín non tiña nin a máis mínima idea da súa temática e xénero, pero aclarouse todo axiña en canto abrín o libro e vin o subtítulo (que non consta na portada), que é "Biografía intelectual de Luís Seoane".

Basicamente trata de todo o que fixo na súa vida Luís Seoane excluíndo a súa faceta de artista. Como fixo de todo, como escribir, editar, radio, e moitas outras cousas, hai bastante que contar. Viviu case 70 anos, a medias entre Galicia e Arxentina, aínda que parece que a maior parte foi en Bos Aires, onde estaba asentado e era considerado un líder intelectual.

Pero este libro abriume os ollos sobre unha situación que xa me percibir nalgunha outra ocasión, e que non coñecía ben. Nos seus últimos dez anos de vida, Castelao tamén viviu en Bos Aires, e como a dictadura franquista estaba no seu apoxeo, debeu coincidir alí con Seoane, e a min non me soaba que fixeran nada xuntos, e parecíame algo raro.

Polo que parece, aínda que Seoane era galeguista, tamén tiña certa relación cos comunistas, e iso non lle gustaba a algúns exiliados galegos. Aos que si lles gustaba, xuntábanse moito nunha tertulia en Bos Aires, pero aos que non lles gustaba tanto, non tiñan relación con eles. E entre os que non lles gustaba tanto (ou nada), estaba o entorno de Castelao cando rematou asentándose nesa cidade. Polo que insinúan no libro, Castelao estaba arrodeado dunha corte de aduladores algo mediocres que eran máis ben de ideoloxía conservadora, e que lle recomendaban a Castelao que non colaborara cos outros. Por certo, se un consulta as listas de integrantes das dúas faccións, agora son bastante máis coñecidos os da tertulia pro-comunista que o entorno de Castelao. Pero tamén hai que ter en conta que o autor do libro ten máis marcada tendencia comunista que galeguista (polo que teño entendido), así que, se cadra, tampouco é fonte máis fiable para informarse sobre isto.

O que si está claro é que dous personaxes da talla de Castelao e Luis Seoane coincidiron uns dez anos vivindo na mesma cidade, liderando diferentes grupos do galeguismo, e practicamente nin se atoparon nin fixeron nada xuntos. Polo tanto, algo debía pasar.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...