domingo, 24 de decembro de 2023

Xente corriente

Onte levei a sorpresa de que botaban esta película en TeleVigo. Nesta estraña cadea local botan bastante cine, e dunha certa calidade media, pero en non poucas ocasións non se sabe que película vai ser. Destinan unha franxa temporal ao cine, pero non din que película vai ser. E claro, así non hai forma. Pero onte si dicían cal era, e tiña un certo interese en vela. Recoñezo que a razón principal era ver a Timothy Hutton, actor que non me desagrada, que apuntaba moi alto ao comezo da súa carreira, pero que quedou en case nada. Tendo en conta que ganou o Óscar con esta película, cando só tiña 20 anos.

"Xente corriente" foi dirixida por Robert Redford en 1980. Os papeis principais están repartidos de xeito algo coral, sen ningún que destaque demasiado, entre Timothy Hutton, Donald Sutherland, Mary Tyler Moore e Judd Hirsch. O que xa me soa máis raro é que a Hutton lle deron o Óscar a mellor actor de reparto, cando eu creo que era o actor principal. Pero claro, debutando e tan novo, tiñan que minimizalo dalgún xeito.

A película conta a historia dunha familia máis ou menos normal. Os dous pais con dous fillos. Os fillos están navegando nun bote nunha tormentosa noite e morre o maior, Buck. O pequeno, Conrad, séntese culpable, e algún tempo despois, intenta suicidarse no baño de casa, é salvado polo pai, que casualmente estaba alí, pero non tiña por que ser así.

A película comeza cando Conrad acaba de chegar do seu ingreso no hospital. Comeza a ir a terapia cun psiquiatra que lle recomendan no hospital, aínda que el é moi escéptico en que vaia valer para algo, pero finalmente parece que acaba conectando algo co psiquiatra.

O pai intenta recompoñer a situación familiar, e intenta non criticar nin reprochar nada a Conrad. A nai, pola contra, é moito máis insensible e dura. Buck era o seu fillo preferido, e non pode evitar deixalo patente. Cando hai vacacións, a nai quere ir só co seu marido e prefire deixar a Conrad cos avós, e ao pai iso non lle gusta nada, e acaba provocando a ruptura da parella, xa que a nai acaba marchando.

Pois nada, iso, xente normal á que lle pasan cousas normais, nada do outro mundo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...