domingo, 24 de decembro de 2023

Chichi Campos e máis eu

Hai uns días botaban no CGAI un estraño documental titulado "Chichi Campos e máis eu". Foi realizado por Nico Campos, guionista galego fillo de Chichi, e conta a relación entre pai e fillo, xa que o pai morreu cando o fillo tiña só 11 anos. Había pouco público e creo que a metade dos que estabamos eran familiares que incluso saían no documental. Pero semella que Chichi Campos era un tipo moi interesante.

Para comezar, en Youtube semella que non hai absolutamente nada sobre el, e iso xa é un indicio de algo. Se miramos outro tipo de información e documentos, algo aparece, pero tampouco demasiado. Pero despois de ver ese documental, parece que algo fixo, e que algo de mérito acumulou.

Tamén podo dicir que eu oín falar de Chichi Campos xa hai 30 anos, debeu ser, máis ou menos, cando morreu, e dun xeito bastante singular. Un colega que tiña naquela época, madrileño, ao que lle gustaban moito os cómics e os fanzines, faloume del, non sei se foi pola súa morte ou por outra razón. Pero o certo é que Chichi morreu no ano 91, e ben podería ser naquela época. Pero dende aquela poucas mencións escoitei daquel autor.

Nos últimos tempos, con isto de que o seu fillo Nico fixo este documental, e que este ano houbo unha exposición na Fundación Luís Seoane, que tristemente non puiden ver, púxose de novo de actualidade, e quedei con ganas de saber máis. Éche o que hai.

Polo que se ve, era un portento. Tiña un sexto sentido como humorista e era capaz de debuxar a escena máis punzante e satírica en cuestión de segundos na servilleta dun bar (lembro que Martín xa dicía nos 90 que era unha das súas grandes virtudes). Polo visto, tiña un grande porvir, pero nos 80 colleu malas amizades, caeu no mundo das drogas e morreu de sida no ano 1991, cando nin sequera tiña 40 anos.

Seguro que é casualidade, pero nos últimos anos de vida tivo unha moi boa relación, que incluso provocou que se apartara algo da súa muller e do seu fillo Nico, con Piedad Cabo, que tamén foi amante de Lois Pereiro. Será casualidade, pero os dous acabaron a súa vida de forma abrupta e moito antes do previsto. E ela segue viva e tan sana, os últimos dez minutos de documental son unha charla con ela.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...