domingo, 24 de decembro de 2023

Forrest Gump

Só cheguei a ver esta película con 29 anos de retraso. Chamou moito a atención no seu momento, pero eu negueime a vela, probablemente por culpa de Tom Hanks, que sempre me caeu bastante mal. Porén, nos últimos tempos amosaba eu un maior interese, e non o conseguín ata esta mesma mañán do día no que escribo este artigo. Onte botábana na 1 a un horario moi tardío, pero hoxe estaba en RTVE Play, así que aproveitei.

Foi dirixida en 1994 por Robert Zemeckis. Do elenco destacaremos a Tom Hanks, Robin Wright, Gary Sinise (o que máis me gustou, seguramente) e Sally Field. Tamén destacou polos efectos especiais nos que metían ao personaxe no medio dos eventos máis salientables da súa época, que polo visto chamaron moito a atención.

A película conta a vida de Forrest Gump, un neniño bastante corto de mente e con certos problemas de psicomotricidade (polo menos ao principio), que acaba saíndo adiante con moita solvencia debido á súa tenacidade e a seguir ao pé da letra os consellos bastante estrambóticos da súa nai, que tamén era unha señora bastante rara.

A película non está mal, pero tampouco me parece para tanto. Creo que é moi pretenciosa, que quere facer unha epopea estadounidense de mediados do século XX aproveitando ese simpático personaxe, pero que forza moitas situacións para ter unha escusa para falar de determinados temas destacados. Unha das cousas que me chamou a atención é que Jenny, o amor de toda a vida de Forrest, con quen acaba casado, de forma algo estraña, morre de sida pouco despois de casarse, pero nas últimas escenas nas que aparece, apenas se lle nota nada. Non sei, creo que querían meter o sida na crónica dese século, e inventáronse unha escusa calquera.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...