mércores, 24 de decembro de 2025

Fortunata e Jacinta

Como sabedes, non son eu moi dado a ver series, a non ser que sexan moi breves e poida velas completas en períodos vacacionais que o permitan. Tiña pendente de ver algunha das históricas que hai en RTVE Play e atopeime con "Fortunata e Jacinta". Ademais de que RTVE facía producións moi coidadas naquela época, esta serie está baseada nunha das novelas máis famosas de Benito Pérez Galdós, eminente novelista do que lin varias obras hai moitos anos, pero que me deixaron fascinado, así que esa referencia sempre me anima a ver obras como esta. Certo é que levo anos sen ler nada del, e non será porque non teña obras súas en casa, xa que teño unha edición primorosa dos "Episodios Nacionais", unha saga de corenta e seis novelas históricas que contas o século XIX en España. A ver se algún día me animo.

A serie "Fortunata e Jacinta" foi dirixida por Mario Camus en 1980, dando lugar a 10 capítulos de algo menos dunha hora de duración. Os papeis principais foron para Ana Belén, Maribel Martín (actriz que apuntaba ben alto pero deixou a profesión aos 35 anos), Mario Pardo e François-Eric Gendron (actor francés que non me soa absolutamente de nada, debe ser ignorancia miña). A nómina de secundarios é extensísima e moi poderosa: Fernando Fernán Gómez, Charo López, Francisco Rabal, María Luisa Ponte, Jean-Marc Thibault, Mary Carrillo, Manuel Alexandre, Francisco Algora, Luis Ciges, Manolo Zarzo, Cristina Torres, Berta Riaza e Mirta Miller, entre outras. Como curiosidade direi que actuaban como secundarias, con diferente grao de aparicións, dúas irmás que un ano máis tarde formarían parte do elenco de "Verano azul".

Nun novelón galdosiano como este, a trama é complexa (non o lin, pero seguro que será moito máis complexo que a serie audiovisual). A historia está ambientada no Madrid de 1870, aproximadamente. Basicamente diremos que conta a historia cruzada de dous matrimonios, o de Fortunata e o de Jacinta (isto seguramente sería obvio), tendo en conta que no medio das dúas estaba o truhán de Juanito Santa Cruz (marido de Jacinta e amante de Fortunata). Así que xa vos imaxinades o lío que se armou. Neste tipo de historias seguramente é boa idea centrarse nos personaxes ou familias principais:

- Familia Santa Cruz: Os pais de Juanito Santa Cruz, un gandul fillo único dunha familia aristócrata, estanlle buscando un bo partido para casalo, e escollen a Jacinta, a filla maior duns amigos, que teñen unha recua de fillas. Ela é moi mona e honrada, pero para Juanito, que é un calavera, non chega abondo, e está continuamente saíndo con xente "da rúa", e é aí onde coñece a Fortunata. Jacinta está obsesionada con ter fillos, pero non debe ter bos xenes ou Juanito non o intenta demasiado, o caso é que nunca teñen fillos, e isto frustra a Jacinta, que é a protagonista principal dos tres primeiros capítulos da serie.

- Fortunata: Como dicíamos, Fortunata é de familia humilde, non sabe ler nin escribir e dase á mala vida, que é onde coñece a Juanito. Teñen un fillo pero Juanito desenténdese dos dous. Fortunata vaise cun mal bicho e o rapaz acaba morrendo. A partir de aí, Juanito e Fortunata seguen véndose, pero el non quere comprometerse a nada.

- Familia Rubín: Aparece en escea Maximiliano Rubín, un estudiante de Farmacia raquítico e enfermizo, que vive coa súa tía Dona Lupe, que o domina como quere. Coñece casualmente a Fortunata e queda prendado dela, e ofrécelle casar e sacala da rúa. Ela tenlle algo de aprezo por facer ese esforzo, pero non lle quere demasiado, porque é feo e enfermizo, pero acaba aceptando o casamento. Pero á familia non lle parece ben a idea, e prefiren que Fortunata pase unha tempada nun convento, para aclarar os seus pensamentos, e casan cando sae dalí. Pero Juanito Santa Cruz segue rondándoa de cando en vez e ela é incapaz de evitar a atracción que sente por el, e Maxi acaba descubríndoo, como non podía ser doutro xeito. Por alí tamén andan os irmáns de Maxi, Juan Pablo, político carlista con bos contactos e Nicolás, crego que intenta centrar a cabeza do seu irmán Maxi e de Fortunata tamén, con non moito éxito.

Aparte disto, un mogollón de personaxes secundarios engadindo complexidade á historia, claro.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Naves misteriosas

Levaba anos intentando ver esta película. Deberon botala na televisión nos 80, e chamáronme a atención as imaxes, os invernadoiros semiesfér...