Finalmente na edición deste ano do Culturgal merquei as catro novelas que me faltaban da saga de Terramar. Merquei as dúas primeiras partes nas dúas edicións anteriores do Culturgal e linas durante unha ponte festiva que houbo hai un par de meses. Non me desagradaron, así que merquei as outras catro, e teño intención de lelas neste Nadal. Non é un grande esforzo, cada unha das novelas é bastante levadeira, non leva moitas horas.
Segue desenvolvéndose o curioso universo de Terramar, e parece que á autora, Úrsula K. Le Guin, gústaballe moito que cada novela xirara principalmente en torno a moi poucos personaxes, dous ou tres, como máximo. Acabo de rematar a terceira e vou comezar a cuarta, e parece que Ged vai ser protagonista de todas ou boa parte delas.
Neste caso Ged vai estar acompañado por Arren, un príncipe da illa de Enlad que vai á illa de Roke, onde se atopa a Escola de Magos, a preguntar por que razón os encantamentos de moitos magos nunhas cantas illas xa non funcionan dende hai algún tempo. Certo é que en Roke algúns rumores chegaran sobre iso, pero non fixeran moito caso. Pero semella que hai que activarse e investigar o que está pasando.
Nesta ocasión teñen que ir en dirección ao sur, Wathort, Lorbanery, e ao final acaban xirando cara ao Oeste, guiados por algúns dragóns, porque parece que o problema está na última das illas, Selidor. Chegan ata alí e acaban resolvendo o problema, pero finalmente Ged perde xa todos os seus poderes máxicos debido ao esforzo por resolver este tema.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario