domingo, 28 de decembro de 2025

Cañas e barro

Estoume aficionando a isto de ver series españolas de RTVE Play baseadas en grandes obras literarias, que se fixeron principalmente en torno aos anos 80. Hai uns días vin "Fortunata e Jacinta", e agora animeime con "Cañas e barro". Tamén debo recoñecer que me animo porque estou nas vacacións de Nadal e estas series duran poucas horas. Desta concretamente o único que lembraba era que andaban sempre en barcas na Albufera e a traumática morte dun bebé, afogado na marisma. Está ambientada na Albufera nos últimos anos do século XIX. A obra orixinal é de Vicente Blasco Ibáñez, que a publicou pouco despois, en 1902.

"Cañas e barro" foi dirixida en 1978 por Rafael Moreno Marchent (polo visto tamén foi o creador de "Curro Jiménez"). No elenco podemos destacar aos seguintes intépretes: Alfredo Mayo, Manuel Tejada, Luis Suárez (apuntaba alto, pero morreu uns anos despois, sendo aínda novo), José Bódalo, Victoria Vera, Ana Marzoa, María Jesús Lara, Carlos Romero Marchent, Terele Pávez e Armando Calvo.

A historia fala basicamente do clan dos Paloma na aldea do Palmar, que está á beira da Albufera valenciá. Para os que non o saiban, a Albufera é unha lagoa litoral de pouca profundidade (sobre 1 metro de auga) e bastante fértil. Os Paloma, que se chaman sempre Antonio Sirvent e só se diferenzan no segundo apelido, sempre foron pescadores na Albufera e están considerados os mellores barqueiros do lago.

Pero o maior do clan que segue vivo, coñecido como o "Tío Paloma", segue aferrado ao seu labor de pescador, pero a Albufera cada vez dá menos peixe e non resulta doado vivir só diso. O seu fillo Tono ve como novos labradores están plantando arroz nas terras cercanas á lagoa e gañan moitos cartos e viven mellor. Así que fai algo que o pai case non lle perdoa (aínda que seguen vivindo na mesma casa, unha das míticas "barracas" do Palmar, pero non se falan): convértese en labrador. Merca unhas terras e, por se non fora pouco, pasa anos enchendo con terra as augas colindantes da Albufera, para aumentar o seu terreo.

Ten un fillo coa súa muller Rosa, sempre algo delicada de saúde, que morre cando o neno aínda é novo, ten uns doce anos Tonet. Pero xa dende o comezo vese que o rapaz non ten a rigorosa ética de traballo dos seus antecesores, que é un vago e que lle vai moito a xolda. Pasa todo o día con Neleta, unha veciña moi guapiña coa que se leva moi ben, e con Sangonereta, o fillo de Sangonera, o borracho oficial da aldea.

O outro personaxe principal da trama é Cañamel, o tipo máis rico da aldea, que ten a taberna, e que é o que manexa máis cartos na zona, así que todos os negocios pasan polas súas mans. El xa é maior e está casado cunha muller que xa está nas últimas, e na taberna traballa a súa cuñada a Samaruca, que parece bastante mal bicho, e que está disposta a facer o que sexa para seguir traballando na taberna, incluso cando a súa irmá morre.

Pasan os anos, todos van crecendo, e cando morre a muller de Cañamel, Neleta xa é unha rapaza, moi pícara e atractiva. A Cañamel fáltalle tempo para casar con ela, e a ela fáltalle tempo para aceptalo para saír da pobreza. E todo iso sucede cando Tonet está loitando na Guerra de Cuba. Cando está alá, a súa familia está moi preocupada por saber da súa saúde, pero finalmente volve perfectamente, e convértese na atracción da aldea, porque segue sendo o máis seductor e o máis xoldista, como antes.

Cando Tonet era novo, a súa familia acolleu a unha rapaza da inclusa de Valencia, chamada Borda, que non era moi agraciada, pero sei moi traballadora e cariñosa. Pasados os anos, é a única fiel ao seu "pai" Tono, e a única que lle axuda na súa eterna loita de converter en terras as augas da Albufera, ata que ao final o conseguen, pero incluso a vida de Borda corre perigo por algúns buratos que se forman na terra e que ameazan con tragala nun determinado intre.

Ao final morre Cañamel e deixa un testamento no que todo é para Neleta, agás que volva casar ou ter fillos. Volven os encontros furtivos de Neleta e Tonet, e ela queda embarazada, pero non quere saber nada do seu fillo, porque perdería a herdanza, así que lle pide a Tonet que se desfaga do bebé, e el afógao na marisma, estando a piques de ser descuberto. Uns días máis tarde acompaña ao seu avó e un cazador rico que vai pola marisma, e atopan o cadáver do bebé, e Tonet decide suicidarse. Aínda que o avó non estaba de acordo, Tono e Borda (que sempre estivo namorada de Tonet en secreto) entérrano nas terras ganadas á Albufera. Ou sexa, Dramón.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...