sábado, 24 de abril de 2021

O corpo

Esta película do ano 2001 protagonizada por Antonio Banderas e Olivia Williams, e dirixida por Jonas McCord (parece que se dedicou principalmente a producir, esta foi a única que dirixiu) cheguei incluso a vela no cine cuns colegas. Non tiña un gran recordo dela, pero tampouco malo, e o tema podería resultar interesante. Tamén está entre os secundarios Derek Jacobi, famoso pola mítica serie "Eu, Claudio".

A historia consiste en que nunha casa de Xerusalén, cando están obrando para facer unha reforma, aparece un antigo sepulcro. A datación e os restos apuntan á época de Xesucristo, e no sepulcro hai un cadáver que foi crucificado, ten unha costela rota, etc. En definitiva, que podería ser o cadáver de Xesucristo, e iso faría tambalearse o cristianismo, porque a resurrección sería unha farsa.

Claro, e todo iso pasa en Xerusalén, onde xa hai líos dabondo entre as etnias e faccións. E se entra a cúpula da Igrexa Católica dicindo que ese non pode ser o corpo de Xesucristo, a cousa ponse fina. Mandan a un xesuita protagonizado por Antonio Banderas, para investigar xunto coa arqueóloga protagonizada por Olivia Williams.

Vanse sucedendo as investigacións, ataques dos ultraortodoxos, dos palestinos, ata un desenlace fatal para o esquelete que imposibilita chegar a unha conclusión científica. Por sorte para nós, espectadores, para que non quedamos con dúbidas, sae un breve plano ao final, cando dinamitan o sepulcro (fan iso para asegurar a paz, flipante) no que saía á luz unha inscrición que aclaraba que o corpo era dun seguidor cristiano, non de Xesucristo. Seguro que alguén pagou para que o final de película fora ese.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...