domingo, 28 de decembro de 2025

Anxo

Onte lembrei que tiña moitas ganas de ver máis películas dirixidas por Ernst Lubitsch e con guión de Samson Raphaelson. A máis doada de atopar e que non vira nunca foi esta "Angel", así que probei. Parece que está considerada unha película menor na súa filmografía, e efectivamente así me parece, pero ten uns cantos toques tan propios deste tándem que a fan diferente.

"Angel" foi dirixida por Ernst Lubitsch e guionizada por Samson Raphaelson en 1937. O trío protagonista está formado por Marlene Dietrich, Melvyn Douglas e Herbert Marshall, o resto son secundarios con pouco peso e presenza.

A trama non é demasiado complexa, é un triángulo amoroso formado por unha muller, o seu aburrido marido diplomático e un vividor que coñece á muller casualmente en París. O encontro entre a muller e o amante xa é curiosa, nunha especie de "casa de citas" de alto nivel rexentanda por unha suposta duquesa rusa. Coñécense por un equívoco pero quedan prendados un do outro inmediatamente. Pasan unha noite marabillosa, pero todo debe rematar porque ela sabe que aquilo non podo durar.

Co seu marido atópase a gusto, e el non é mal tipo, todo o contrario, pero é un tipo aburrido e ten unha vida moi ocupada porque é un diplomático inglés imprescindible para que os países europeos non entren en guerra entre sí, así que non pode atendela demasiado.

Casualmente o marido e o amante xa se coñecían de hai moitos anos atrás na India, pero non o lembraban, e moito menos poden intuír que hai unha muller no medio que os une e á que aman os dous. Despois do reencontro dos dous militares ingleses, o amante vai á casa do marido para visitalo. E cando están alí, tanto o amante como a muller, antes de atoparse, saben o que vai suceder, e conseguen sobrelevar a tensa situación sen maior problema.

Finalmente prodúcese un segundo encontro, de novo en París, no que a muller ten que decidir con cal dos dous homes se vai, e seguramente xa supoñedes que decisión toma, se temos en conta que a película é de finais dos anos 30 e o puritanismo anglosaxón se notaba en moitas cousas, como o cine.

No cine coñécese como o "toque Lubitsch" a esas escenas nas que o público sabe que está pasando algo concreto aínda que na imaxe non se ve. Nesta película hai varias situacións desas, moi simpáticas. Por exemplo, unha florista lle vende un ramo de violeta ao amante a noite na que se coñecen en París, e sabemos que Angel xa marchou só polos movementos da florista e dos berros do amante, pero a cámara nunca deixa de mirar para a florista. E no momento de máxima tensión na casa, cando xa están xuntos os tres, os camareiros deducen o que pode estar pasando en función dos restos de comida que chegan en cada un dos tres pratos. Maxistral.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Naves misteriosas

Levaba anos intentando ver esta película. Deberon botala na televisión nos 80, e chamáronme a atención as imaxes, os invernadoiros semiesfér...