Se cadra, o máis importante desta lectura, que non me cambiou a vida, pero chamoume a atención en certa medida, é que é o volume número 119 da famosa Biblioteca Galega 120 da que xa falei aquí moitas veces. A que sacou a Voz de Galicia no ano 2002, cando se cumprían 120 anos da súa fundación, baixo o criterio editorial, que non é pouco, de Tucho Calvo. Polo tanto, xa só falta o último volume, sobre contos e lendas tradicionais, para rematar esta enciclopédica colección, que lin na orde de numeración dos volumes e que, obviamente, teño completa. Penso que no mes de novembro darei cumprido este obxectivo.
Nunca lera un refraneiro (que eu lembre) e sospeito que non vou ler moitos máis na miña vida, pero chamoume a atención (aínda que é totalmente lóxica) a súa organización como se fora un diccionario. O que pasa é que, como di o compilador Xesús Ferro Ruibal no limiar, ás veces é moi complicado saber cal é o concepto principal ao que se refire o refrán, porque pode facer referencia a varios, algúns explícitos, e outros implícitos ou metafóricos. Por iso algún refrán aparece en varias seccións, ou hai seccións das que só aparecen as referencias a outras (con mensaxes do estilo "ver tamén .....").
A fantástica compañía Mofa e Befa, que agora forma parte de Producións Excéntricas, acaba de estrear unha versión teatral de "Os dous de sempre", a novela curta de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Como sabedes, toda esta xente é moi fiable. Nesta montaxe están sobre as táboas Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (Mofa e Befa), pero nesta ocasión están moi ben acompañados por Josito Porto. Se non entendín mal, a idea inicial era que estivera Piti Sanz, pero ante a súa repentina morte en xuño, tiveron que buscar un substituto. Nalgunha escena están os tres tocando algún instrumento musical, especialidade de Piti, que era músico.
Se os personaxes principais de "Os dous de sempre" eran dous, o vago e lacazán Pedriño e o eivado Rañolas, pode que vos preguntedes para que facía falla un terceiro actor. Pero en moitas escenas facían falla máis personaxes, e na primeira parte cóntanse escenas da vida de Castelao.
"Tres vellas na romería" é algo parecido ao espectáculo de "Contos na lareira", pero neste caso é unha produción de Excéntricas que ten a tres personaxes fixos: Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín pola parte galega (e que están case sempre en "Contos na lareira") e José Luís Gutiérrez "Guti" con orixe en Zamora, ao que non coñecía de nada.
De Quico e Celso non hai moito que dicir, xa os vin moitas veces e falei deles dabondo neste blog como para descubrir nada novo. Guti non me gustou demasiado. Cantou, contou algunhas historias sobre todo de vellas e de cregos, cun curioso acento (total respecto, os zamoranos poden ter o sotaque que lles pete, faltaría máis), pero non me chamou demasiado a atención. A min xa me estrañaba, que oíra falar deste espectáculo, pero o nome do terceiro contacontos non me soaba de nada, e non é doado estar á altura dos outros dous.
A semana pasada houbo unha nova edición do ÁgoraSon, os concertos que se fan no Ágora da Coruña, e para os que só se pode conseguir entrada sacando libros en galego das bibliotecas municipais da cidade. A verdade é que xa me están desconcertando un pouco, porque eu pensaba que só facían un cada ano, pero eu son consciente de que na primavera foi o anterior, do que xa falei aquí, con Xosé Luis Romero e Aliboria.
Esta vez foi a quenda de Lamatumbá, que eu pensaba que estaban medio retirados, pero semella que aínda están en boa forma. Dende logo o cantante, Sergio Zearreta, que xa debe andar polos 50 anos, non parou de saltar e moverse nin un só instante, e o concerto non durou pouco. Pois nada, festa continua, moita xente bailando sobre todo polos laterais e a parte de atrás case dende o comezo.
Como curiosidade, poño este video de "Licor café", a súa canción máis coñecida, e publicada no 2001, no seu primeiro disco. É a actuación da época no Luar, e creo que non recoñezo a ningún dos integrantes do grupo, nin sequera ao cantante, que era outro, polo visto. Porque dos primeiros tempos deste grupo foise unha escisión que acabou montando o grupo O Sonoro Maxín.
Hai unhas semanas, buscando algunha película breve de ciencia-ficción, dei con esto en Amazon Prime, e agora resulta que tamén está en Youtube. Nalgún sitio lin que é "ciencia-ficción intelectual", que pode que non sexa unha mala definición. Dende logo, resulta moi sinxela de facer e barata (fíxose en dúas semanas), e dá moito que pensar.
"O home da terra" foi dirixida en 2007 por un tal Richard Schenkman. O elenco estivo formado por estas oito persoas: John Billingsley, Tony Todd, David Lee Smith, William Katt, Richard Riehle, Alexis Thorpe, Ellen Crawford e Annika Peterson. Entre eles está o famoso William Katt da mítica serie dos 80 "O gran héroe americano".
Non se pode contar moito da historia sen destripala, e sería unha mágoa facelo. Basicamente un profesor universitario de historia convoca na súa casa aos seus colegas, que son case todos compañeiros de traballo, para dicirlles que ten que marchar. Parece que a noticia colle de sorpresa a todo o mundo e suponse que van preguntar as razóns ademais de despedirse. E el explícallas, pero son tan inimaxinables, que provoca un animado debate no salón da súa casa (que xa está sendo desmontado polos das mudanzas). E a película é só iso, hora e media de charla no seu salón sobre as razóns da súa marcha, pero realmente a charla daría para moito máis.
Se non vistes a película, seguramente pensaredes que é moi pouca cousa, pero o certo é que a valoración da película é bastante boa, e incluso tivo xa unha secuela, feita en 2017. A case todo o mundo lle agrada a historia, así que algo terá. Se queredes desvelar o enigma, aí tedes o vídeo de Youtubre.
Como xa comentei aquí hai pouco, recén falecido Robert Redford, tiña ganas de ver algunha das súas películas dos 70 que aínda non vira. Non puido ser co "Gran Gatsby", "Todos os homes do presidente" e "Os tres días do cóndor", así que tiven que conformarme con "O candidato", que non me atraía tanto, que lle imos facer.
"O candidato" foi dirixida en 1972 por Michael Ritchie. No elenco poderíamos destacar a Robert Redford, Peter Boyle, o veterano Melvyn Douglas, Don Porter, Allen Garfield e Karen Carlson.
A historia trata de Billy McKay, un avogado laboralista progresista de California, en quen se fixa un asesor do Partido Demócrata, para intentar enfrontarse a un gobernador republicano que xa leva moito tempo no cargo e que semella estar moi asentado no mesmo. Semella un experimento no que se desinhiben, sobre todo o candidato, porque como xa dan por perdidas as eleccións, queren probar novas formas de conseguir votos. A película non ten moita máis historia, remata coa inesperada victoria do xoven demócrata e a súa incómoda pregunta posterior: "e agora que?".
Confirma algo do que xa estaba convencido: algunha xente está fascinada pola maquinaria electoral estadounidense, pero a min paréceme un auténtico circo, como case todo o que sae dese país.
Onte tocou de novo Milladoiro no Teatro Colón na Coruña. A última vez foi, se non me trabuco e esquezo ningunha, hai un ano e medio aproximadamente, cando viñeron celebrar os seus 45 anos de carreira, que comezou nesta mesma cidade no teatro do colexio dos Salesianos, alá polo ano 1979.
Pois xa se sabe a que se vai nun concerto de Milladoiro. A única sorpresa de onte é que tocaron tres pezas con Cántigas da Terra. A outra "novidade" xa a vimos no concerto anterior, que a nova e sétima compoñente do grupo é Ilduara Vicente, a filla de Pepe Ferreirós, que só participa na metade do concerto >(máis ou menos), que toca o violín (ou sexa, cando ela está, teñen dous violíns), e que tamén canta nalgunha canción (o outro violinista tamén canta en varios momentos). O resto de pezas cantadas (poucas) fainas Pepe Ferreirós, basicamente pezas tradicionais.
Nos bises fixeron un experimento que foi cantar só con voces e unha pandeireta a Muiñeira de Trabazo.
Hai pouco entereime que se cumpría un século da publicación da famosa novela "O gran Gatsby" de Francis Scott Fitzgerald. Tamén souben que había dúas versións cinematográficas, e tiven ganas de ver a primeira, de 1974, protagonizada por Robert Redford, que acaba de morrer, e así xa facía dobre homenaxe. Pero isto segundo non foi posible de momento, así que houbo que conformarse coa segunda versión, moito máis recente.
"O gran Gatsby" foi dirixida en 2013 polo director australiano Baz Luhrmann, que aproveitou para meter a uns cantos actores desa orixe, aínda que sexan xa algo famosos. O elenco está formado nos seus papeis principais por Leonardo DiCaprio, Tobey Maguire, Carey Mulligan, Joel Edgerton, Elizabeth Debicki e Isla Fisher. Xuraría que algunha vez oín que as películas deste director eran algo peculiares, porque ten un sentido do espectáculo visual non moi comprendido. Certo é que si ten escenas peculiares, e formas de rodar non convencionais, pero neste caso non creo que lle sente mal á historia.
O narrador da historia é Nick Carraway, un escritor que acaba traballando no mundo de Wall Street nos tolos anos 20, e que vai vivir a unha modesta casa en Long Island. Casualmente a carón da súa casa está a fastuosísima mansión dun multimillonario pero case descoñecido chamado Jay Gatsby, que organiza todas as fins de semana festas multitudinarias e luxosas nas que todo o mundo se autoinvita, pero parece que ninguén sabe quen é realmente. Un día Nick recibe unha invitación para ir á festa, pero cando chega alí, resulta que é o único que tiña invitación, os demais están alí porque lles dá a gana, e ninguén lles pide nada. Por unha estraña coincidencia, acaba coñecendo en persoa a Gatsby, que é tan novo coma el, e que parece ter un interese especial en cultivar a súa amizade.
Un día vai visitar ao outro lado da baía na que vive á súa curmá Daisy Buchanan. Polo que se ve na súa casa, onde tamén se vive ao ritmo tolo daqueles anos (polo que se conta), ela non é demasiado feliz. Entre outras cousas porque o seu marido Tom, que é un crápula, ten unha dobre vida cunha amante que todo o mundo coñece ou intúe. De forma estraña, Nick sae da casa con Tom e os seus colegas (pero non con Daisy) e vai a unha festa a outra vila na que coñece á amante de Tom.
O interese que tiña Gatsby en Nick resúmese en que quere recuperar a Daisy, que foi o único amor da súa vida, e quere utilizar a Nick, que é curmán seu, para conseguilo. O resto da historia avanza nesa dirección, aparentemente de forma incontestable, pero na parte final tórcese porque pasan cousas inesperadas que non vou contar aquí (aínda que a novela xa ten 100 anos).
Os saltos no tempo sempre deron moito xogo en calquera obra artístico-cultural de ficción, tanto narrativa como audiovisual. Pero hai que recoñecer que a serie "O Ministerio do Tempo" foi un puntazo. Estreouna RTVE en 2015 e xa tivo un éxito instantáneo. Eu oín falar dela, e non tiña mala pinta, pero tiña cousas mellores que facer naquel momento, e non comecei a vela ata moitos anos despois, pouco despois de mercar a miña actual Smart TV. Debeu ser no 2021 ou 2022, supoño. E pareceume fantástica.
Certo é que tampouco é moi extensa. Catro tempadas que suman un total de 42 capítulos (e unha mínima precuela de 10 minutos da última tempada). De feito, eu vin en pouco tempo as tres primeiras tempadas, e tiven que deixar de ver a cuarta e última porque, aínda que saía anunciada en RTVE Play, cando intentaba ver eses contidos, dicía que "non podía velos nesa ubicación". Creo que nese momento aínda estaba dispoñible nalgunhas outra plataforma de "streaming". Pero mira ti por onde, hai unha semana lembrei que estaba pendente, probei, e xa podía ver os oito capítulos da última tempada, e iso fixen. Por certo, esta última tempada saíu despois de 2 ou 3 anos de parón na emisión.
Os datos técnicos son coñecidos. A obra foi creada polos irmáns Javier e Pablo Olivares (este último morreu de ELA en 2014, así que non chegou a ver nin a estrea en televisión. O elenco estivo formado, nos principais papeis, por Rodolfo Sancho, Hugo Silva, Aura Garrido, Nacho Fresneda, Macarena García, Cayetana Guillén Cuervo, Juan Gea, Francesca Piñón e Jaime Blanch.
Non vou contar moito da serie, porque non creo que sexa necesario, pero se alguén non a viu e está interesado, é máis que recomendable. Consiste en saltos no tempo, diso xa hai máis, pero estes están relacionados coa historia de España. Polo tanto, o equipo de "axentes" ten que ir a diferentes lugares e momentos da historia polas portas dos tenebrosos corredores do Ministerio, para "resolver" problemas que poden xurdir no pasado e que poderían cambiar o presente que agora todos coñecemos. Dende logo, hai que recoñecer que a idea é moi brillante.