domingo, 27 de abril de 2025

Os dous Papas

Como xa comentei algunha vez por aquí, teño acceso a Netflix e Amazon Prime dende hai un par de meses. O catálogo de películas (porque de series paso bastante, de momento) de Netflix pareceume, ata agora, bastante pobre. Pero dende o primeiro día que entrei, chamoume a atención unha, titulada "Os dous Papas", que vendo o título e o cartel, non hai que ser un lince para intuír a temática. Pensei que algún día podía ser interesante vela, pero tampouco lle daba moita prioridade. Pero claro, acaba de morrer hai uns días o Papa Francisco, e de súpeto acaba de ascender vertixinosamente nesa lista de prioridades. Polo que parece, foi unha produción da propia Netflix.

"Os dous Papas" foi dirixida en 2019 polo brasileiro Fernando Meirelles, e foi protagonizada principalmente por Anthony Hopkins (Bieito XVI) e Jonathan Pryce (Francisco, pero antes de ser elixido Papa, así que máis ben Jorge Mario Bergoglio). De entre os secundarios, podería destacar Juan Minujín, actor arxentino que fai de Jorge Mario Bergoglio na súa xuventude e primeira adultez. Polo que lin, é unha película de ficción basada en feitos reais, pero sempre queda a dúbida de que partes son reais e cales non.

Pois nada, a película fala basicamente deses oito anos nos que foi Papa Bieito XVI, dende comezos de 2005 a comezos de 2013, cando renunciou ao seu cargo. Vese ao principio o funeral e Xoán Paulo II, en 2005. E a película remata co nomeamento de Francisco, en 2013. Teoricamente, a película podería falar da época na que un era emérito e outro Papa, que durou case 10 anos, pero non. Segundo se conta (pero non sei se é certo), tiveron certa relación, aínda que eran moi diferentes e antagónicos, e na votación na que se escolleu a Bieito XVI, Francisco era un dos candidatos máis apoiados, cousa que non sei se é certa.

Na película faise patente que Bieito XVI era moi conservador, e que se consideraba máis intelectual, e polo tanto a xestión da igrexa e a vida social relacionada co seu cargo non lle interesaba demasiado, por iso acabou renunciando. E tamén se fai patente que Francisco era moito máis progresista e aberto (e por iso foi moito máis respectado entre o pobo, pero non entre a xerarquía eclesial e a ideoloxía conservadora).

Máis ou menos cando Jorge Mario cumpriu os 75 anos, parece que lle enviou unha carta ao Papa Bieito pedíndolle a renuncia como cardeal, porque quería volver a ser "soldado raso", cura dunha parroquia calquera. Pero o Papa non respondeu nunca. De feito, Bieito convocouno porque quería falar con el dun tema. Jorge non entendía nada, pero sospeitaba que se cadra a súa petición sería aceptada. Pero foi todo o contrario, Bieito quería dicirlle que pensaba renunciar e que o veía a el como o mellor candidato a sucedelo, a pesar da súa grande diferenza ideolóxica, e de que a elección sería como sempre, por votación dos cardenais, e non por designación do Papa anterior, que aínda estaba vivo (loxicamente, porque esa situación non está contemplada).

Unha das partes máis interesantes e controvertidas é a traxectoria de Jorge Mario Bergoglio como Superior dos Xesuítas en Arxentina durante a ditadura militar que durou case oito anos, dende comezos de 1976 a finais de 1983. Polo visto, "achegouse" á cúpula militar para intentar protexer aos seus subordinados da orde xesuíta, que estaban moi implicados co pobo, pero estes preferían seguir co pobo sen ningún tipo de protección, aínda que puidera supoñer a súa morte (iso podía pasarlle a calquera, aos xesuítas tamén).

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...