venres, 6 de xaneiro de 2023

O cuarto poder

Estaba eu buscando unha película para ver en Youtube, que non fora moi longa, porque esa noite cheguei algo tarde, e como sempre, os clásicos en branco e negro resolven este tipo de situacións. Como dedico parte do meu tempo libre á comunicación, as historias sobre xornalismo sempre me atraen. Vin unha película que se titulaba "O cuarto poder" e non o pensei.

Foi dirixida en 1952 por Richard Brooks. No seu elenco destaca totalmente Humphrey Bogart, por nome e porque aparece en practicamente todas as esceas. Do resto do elenco non me soaba absolutamente ninguén. Na ficha técnica poñen como segunda a Ethel Barrymore, da famosa familia de actores, pero aparece en moi poucas esceas, aínda que ten certo peso na historia.

Aínda poderíamos divertirnos máis coa tradución do título no mundo hispanofalante. O orixinal é "Deadline U.S.A.". O de "deadline" como "data tope" ou "data límite" aínda podería pasar, pero o de "U.S.A." xa non hai por onde collelo (despois de ver a película, que trata sobre a venta dun xornal neoiorquino, simplemente). En España titulárona "O cuarto poder", que polo menos fai referencia ao mundo do xornalismo, pero xa se ve que é unha interpretación bastante libre. En Venezuela decantáronse por "A última ameaza" e en Chile por "A hora da venganza", que xa son auténticos delirios.

A acción transcorre en aproximadamente 2-3 días. Ed Hutchinson (Bogart) é o director dun xornal  neoiorquino chamado "O día". Os traballadores reciben a noticia de que o xornal vai ser vendido. Efectivamente, el está asistindo a reunións na que lle confirman que iso sucederá en dous días. Hai tres propietarias, a esposa do antigo dono, que xa morreu, e as súas dúas fillas. O director consegue convencer neses días á esposa para que non venda, pero as fillas non ceden.

Mentres sucede iso, chegan á redacción varias noticias que semellan non ter relación, pero que finalmente si a teñen. Todas fan referencia a Tomas Rienzi, un mafioso de orixe italiana que manexa a cidade. O olfato profesional de Hutchinson fai que poña aos seus xornalistas a traballar no caso e acaban atopando os delitos do mafioso, a pesar das ameazas deste, e a que matan a unha das testemuñas do caso na mesma rotativa do xornal. O agredoce final fai que se anuncie o arresto do mafioso xusto na última edición antes de ser vendido a un propietario da competencia, que unicamente ten a intención de desfacerse del para ganar cuota de mercado.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...