venres, 6 de xaneiro de 2023

Avatar 2

Unha vez máis, aínda que non o faga sempre, pero se no Nadal atopo algunha película xeitosa para ver, xeralmente reservo a tarde do 5 de xaneiro. Se escolles ben a sala de cine, o máis probable é que haxa un ambiente ben tranquilo, porque case todo o mundo está na Cabalgata de Reis. Onte decidín ir ver "Avatar 2" en proxección 3D (non podo aseguralo, pero non descarto que "Avatar" fora a anterior película en 3D que vin, 12 anos máis tarde). A sala estaba bastante baleira, habería unhas 30-35 persoas, e a metade delas entraron xuntas cando xa comezara a película e se apagaran as luces.

Foi presentada no 2022 e dirixida obviamente por James Cameron. Os actores e actrices principais, aínda que loxicamente irrecoñecibles case todos, son Sam Worthington, Zoe Saldaña, Stephen Lang, Kate Winslet, Cliff Curtis, Bailey Bass, Sigourney Weaver, Giovanni Ribisi, Joel David Moore, Dileep Rao, CCH Pounder e Matt Gerald. Ou sexa, a maioría bastante descoñecidos porque non se vai ver o seu careto e xa teñen cousas dabondo nas que gastar cartos, por exemplo en tecnoloxía.

A historia, nesta ocasión, é algo máis simple que na primeira parte, na miña humilde opinión. Un novo batallón de humanos, xa recombinados con Navi`, intentar de novo capturar a Jake Sully, o líder dos rebeldes de Pandora. Están a piques de capturar a varios dos seus fillos, pero conseguen liberalos. Só capturan a Spider, que é fillo do malísimo da primeira parte, Quaritch.

Entón Jake Sully propón que se marchen de Pandora, porque basicamente o perseguen a el, e se el non está, Pandora seguirá a súa vida en paz. Entón marcha toda a familia xunta, Jake, Neytiri e os catros fillos, uns dela, outros deles e algún adoptivo. Porque polo visto, un dos grandes valores desta película é a reivindicación da forza do concepto "familia" (estarán os ultracatólicos estadounidenses intentando colarnos as súas estupideces habituais a través da 3D?).

Marchan entón e a bastante distancia chegan a unha zona mariña, con arrecifes, e pídenlle aos xefes hospitalidade para que poidan instalarse alí. Como anécdota, falaremos sobre as cores dos avatares. Os de Pandora eran azuis e vivían nun selva totalmente verde. Agora chegan a unha zona mariña (moi azul) e resulta que os avatares que viven alí son verdes (cousas que pasan). Son ben acollidos pero, ao comezo, búrlanse un pouco deles porque teñen colas moi curtas e non nadan coa soltura do novo clan mariño. Por outra banda, os dous xefes do clan mariño tamén teñen varios fillos adolescentes e comezan as típicas rivalidades e cariñas entre os fillos de Jake e os outros.

Os malos conseguen localizalos debido a alianza cunha especie de baleeiros que cazan "tulkuns", uns grandes cetáceos que precisamente están irmanados cos habitantes desa colonia mariña. E nada, de novo comezan a perseguilos, conseguen capturar a varios dos fillos de Jake e intentan chantaxealo dese xeito, pero sempre acaban ganando os bos. Iso si, o fillo maior de Jake morre na refrega. E o "novo" Quaritch está a piques de morrer, pero finalmente sálvao o seu fillo, que despois diso, volve xunto cos seus colegas de Pandora.

Para analizar esta película, é inevitable facer algunha referencia á primeira parte, da que non lembro practicamente nada (iso non significa que non me gustara, en absoluto). Estiven repasando onte na Wikipedia a sinopse da primeira parte (para corroborar que non lembraba case nada), e constatei unha sensación que xa tivera daquela. Esta saga de películas ten o "sambenito" de que a historia é moi simplona, que están alongadas innecesariamente para maior gloria dos efectos dixitais, e se cadra algo pode haber diso, pero non estou totalmente de acordo. Eu coido que as tramas son máis enrevesadas do que parecen e que contan máis cousas das que parecen, e iso fai a historia máis rica e profunda. E nesta deume a mesma sensación.

Vou poñer uns exemplos. Hai unha parte central da película onde parece que non pasa nada. Parece que simplemente retratan as relacións entre adolescentes dos fillos das dúas familias protagonistas, os seus xogos, rivalidades, que todos recoñecemos nos adolescentes reais. Pero a min paréceme que hai algo máis, porque máis adiante desenvólvense temas que son esenciais na parte final da película, e que non terían ningún sentido se antes non víramos de onde proviñan.

Por exemplo, Loak, o segundo fillo de Jake (creo que máis ben de Neytiri) é algo díscolo e rebelde. O seu irmán maior intenta vixialo, por orde do pai, pero non dá feito. E nun determinado momento, os dous fillos adolescentes do clan mariño intentan retalo, con éxito, a que vaia con eles alén do arrecife, onde só van os adultos. Alí propóñenlle un xogo, que eles saben moi perigoso, e unha vez comezado, déixano só. Iso está a piques de provocarlle a morte polo ataque dunha especie de gran cetáceo, pero sálvase de milagre no último momento porque o defende un tulkun desterrado chamado Payakan, co que fai grande amizade. Resulta que ese tulkun é o principal causante da vitoria final sobre os perseguidores, pola lealdade que lle ten a Loak. O que pasa no medio da película parece unha chorrada, só ao final entendes por que contaban esa historia.

Algo similar sucede con Kiri, a filla adoptiva de Jake e Neytiri. Dende o principio nótase que é unha adolescente algo rara, solitaria, tremendamente sensible, e os rapaces da outra familia búrlanse dela porque semella "rarita" (ou sexa, exactamente igual que no mundo real). Nesa parte vese e enténdese (aínda que seguramente alguén pense que é unha parte innecesaria, só para rechear minutos de metraxe) a súa comunión coa natureza e co mundo animal. Ao final da película, esa cualidade permítelle salvar a toda a súa familia porque os seres mariños comandados por ela localizan nun afastado recuncho da hiper-baleeira afundida aos seus familiares, que xa non sabían por onde saír, e temían pola súa vida.

Con isto quero dicir que: si, se cadra as historias son algo simples, pero eu penso que non tanto como parecen, teñen bastante chicha oculta. E o recital audiovisual que se recibe é grandioso. Iso si, neste caso si está xustificado ir á sala de cine a ver a versión 3D, vela na casa debe ser moito menos espectáculo. A entrada será algo máis cara, pero vale a pena (eu vou unha vez cada 10 anos, máis ou menos). E si, sendo cine estadounidense, sempre está o militarismo, a violencia, a presencia de armas por todas partes. Xuraría que nesta ocasión houbo algo menos de presenza que na primeira, pero con estes chalados é imposible de evitar.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...