sábado, 27 de maio de 2023

O coloso en lapas (ou Inferno na torre)

Recoñezo que ao traducir os títulos de películas ao galego partindo dende o castelán (feo vicio que debería abandonar) ás veces quedan algo insulsos. Esta película, que seguro que coñecemos todos, tivo o título orixinal de "Towering Inferno". En Hispanoamérica chamárona "Inferno na torre" (bastante ben) e en España descolgáronse cun delirante "El coloso en llamas", moi poético pero xa algo máis desviado. Botábana hai unhas semanas no ciclo de cine clásico da 2, que este mes é cine estadounidense de catástrofes.

Foi dirixida por John Guillermin en 1974 e o elenco estaba encabezado por Paul Newman e Steve McQueen, cunha rivalidade laboral considerable, xa que cobraron exactamente o mesmo, e tamén na pantalla. Despois, xa en papeis secundarios, aparecen William Holden, Faye Dunaway, Fred Astaire, Susan Blakely, Richard Chamberlain, O. J. Simpson, Robert Vaughn, Robert Wagner, e Jennifer Jones. É importante resaltar que o produtor foi Irwin Allen, especialista neste cine de catástrofes.

A historia non ten moita chicha. En San Francisco vaise inaugurar o rañaceos máis alto do mundo, con case 140 andares, e vai haber unha festa no último andar. Cando están aplicando toda a potencia para iluminar o edificio enteiro, xurde un incendio nunha sala de máquinas intermedia, e o incendio esténdese axiña en todas direccións. As persoas que asistían á festa perden toda posibilidade de saír, xa que o sistema eléctrico falla e o fume enche as escaleiras de todo o edificio. Hai que idear algunha fora de saír. Inténtanno pousando helicóptero na azotea, pero vai moito vento e hai un accidente. Dende un edificio cercano, obviamente máis baixo, botan un cable sobre o que irá unha pequena cabina que permite salvar a varias persoas, ata que un insensato con moitas ganas de saír provoca que rompa o cable e el caia ao baleiro. Finalmente fan estoupar uns xigantescos depósitos de auga que hai no alto do edificio. Eso apaga todos os lumes que estaban activos, pero a fabulosa corrente de auga tamén mata a algunhas persoas.

Esa é a historia xeral, polo medio hai moitas intrahistorias. Os dous heroes principais da operación antiincendios son o arquitecto do edificio e o xefe de bombeiros, que a pesar da aparente rivalidade machirula, acaban colaborando con fluidez. O incendio foi provocado porque o construtor quería aforrar costes, e díxollo ao seu xenro, que era o contratista dos materiais, e el aforrou e os cables eléctricos non eran da mellor calidade. E despois hai todo tipo de situación, amores, amantes, timadores, senadores, e demais fauna estadounidense.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...