mércores, 24 de febreiro de 2021

A familia Trelles, de Galicia a Cuba

No Entroido tiven algo máis de tempo libre e dediqueime a ler un pouco. E recoñezo que, de todo o que tiña pola casa pendente, decidinme por un libro que non esperaba, que xa levaba 13 anos durmindo no andel, que vira moitas veces, e que non lle agoiraba eu moito éxito, pero algo pasou, e deille unha oportunidade. E saíu máis airoso do que eu pensaba.

O libro titúlase "A familia Trelles. De Galicia a Cuba". Foi escrito por Benito Paz Trelles, primeiro profesor e despois compañeiro no colexio no que eu, primeiro estudei, e agora traballo. Cando estaba pola idade da súa xubilación, puido dedicarse a un desexo que lle proía dende pequeno, investigar a orixe do seu apelido materno Trelles. El é de Moaña e naquela zona o apelido Paz é bastante común, pero Trelles non. Sempre lle chamou a atención, e cando puido, púxose a pescudar. E iso coincidiu con que o seu fillo, un día, de casualidade, descubriu unha maleta con vellas cartas na súa casa de Moaña.

Esas investigacións levárono a Marín, a Portonovo, e finalmente a Asturias, Cuba, Porto Rico, Estados Unidos. E sobre o ano 2006 conseguiu rematar o libro e incluso fixo unha xuntanza de moitos Trelles en Moaña, que viñeron de diferentes partes do mundo. O libro está bastante máis entretido do que eu pensaba inicialmente. A parte final xa se fai algo máis farragosa, con moitas árbores xenealóxicas da parte americana, sobre todo. Pero en calquera caso, ten moito mérito o seu esforzo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...