xoves, 14 de xaneiro de 2021

Quo vadis

Este Nadal tamén tocou unha película bíblica ou de temática cristiá centrada nos primeiros anos desa fe, a famosísima "Quo Vadis", dirixida por Mervin LeRoy en 1951. Hai unhas cantas estrelas protagonizando, sobre todo Robert Taylor, Deborah Kerr, Peter Ustinov e Leo Genn. E como secundarios, pero case imposibles de localizar e identificar nas imaxes, Elizabeth Taylor, Sofía Loren e Bud Spencer (eu non os vin, lin que estaban).

Basicamente fala dun determinado momento, no que o desnortado emperador romano Nerón decide, entre outras cousas, incendiar a cidade de Roma para inspirarse mellor para compoñer poesía, sen importarlle nada a vida dos seus habitantes. Polo que se ve, era un emperador moi popular entre a plebe, pero en xeral, moitos historiadores falan bastante mal do seu goberno, e semella que era algo tiránico e extravagante, pero suponse que na película o magnifícan bastante.

Nese xusto momento, a "secta" dos cristiáns (porque naquel momento o eran, aínda que non queda bonito discutir que diferenza hai entre unha secta e unha relixión) está collendo pulo, aínda que teñen que seguir ocultos, e en Roma xa comeza a haber bastantes. E alguén lle suxire a idea a Nerón de que culpe aos cristiáns do incendio de Roma.

Algún dos personaxes son xenerais cercanos ao emperador, que se namoran de mulleres que acaban sendo cristiás, e así enterámonos como foron os seus primeiros tempos, aparecen Pablo, Pedro, etc. En definitiva, unha película agradable de ver.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...