xoves, 14 de xaneiro de 2021

Os Inmortais

É probable que a vira completa algunha vez no pasado, non o descarto, pero recoñezo que tiña ganas de vela de novo, porque non lembraba apenas nada. E como se cruzou no camiño, alá fomos. Falo de "Os inmortais", película dirixida en 1986 por Russell Mulcahy, protagonizada no papel principal por Christopher Lambert (que apuntaba maneiras nesta película, pero quedou en case nada), e secundado por Sean Connery, e por un tipo chamado Clancy Brown non papel terrorífico.

Xa había algún tempo que non falaba dos, ás veces, disparatados títulos traducidos en España ou Hispanoamérica. Na película fálase de varios personaxes inmortais, que se van atopando e loitando entre eles, polo tanto, a tradución española, sendo totalmente inexacta, reflexa bastante ben a trama da película. O título orixinal é "Highlander", porque o protagonista principal naceu nas Highlands escocesas. Tampouco está mal, pero vaia....

Eu lembro que alguén me falou da película pouco despois da súa estrea por algúns curiosos efectos e cambios de plano que, efectivamente, quedan moi ben. Por poñer un exemplo, nun determinado momento, ao rematar unha escena en interiores, vemos o interior dunha peceira. A cámara vai subindo lentamente, e cando chega á superficie, na parte superior, de súpeto, o que aparece a seguinte escena, que ten lugar á beira dun lago escocés.

Outra cousa que me chama a atención desta película era o alto que apuntaba o actor Christopher Lambert, pero ao final quedou en nada. Pero vendo a película, máis ou menos podo explicarmo. Non era moi expresivo, coido que pretendía vivir da súa suposta beleza, e ao final, a película é case de pelexas ou espadachíns. 

Porque a trama redúcese a que hai unha serie de personaxes que son inmortais, que foron nacendo en diferentes lugares e épocas, e co transcurso do tempo, como non morren, vanse atopando e enfrontando entre sí. Porque a un inmortal só pode matalo outro inmortal cortándolle a cabeza, e ao final dos tempos só pode quedar un inmortal, que precisamente por esa razón se converterá en mortal. Ao final, coas tonterías, na película só se se ven 4 inmortais, os tres protagonizados polos actores antes mencionados, e outro que aparece no tramo final pero que morre ben axiña.

Ou sexa, que a historia prometía, e ten momentos moi bos, pero noutros é bastante máis frouxiña, e cae en ramplonerías. E Lambert, na súa carreira, fixo moitas películas que ían nesta liña, dando poucos rexistros actorais. Agora parece que non estaba tan dotado para o tema, semella. Ah, si, e a banda sonora de Queen sempre axuda algo, claro.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...