sábado, 4 de abril de 2026

Anatomía dunha caída

Tamén no ano 2023 tivo certo éxito e fama unha película europea titulada "Anatomía dunha caída", unha produción francesa pero cun certo peso alemán, que optou a grandes premios e conseguiu algúns. É unha película de xuízos e ten o ritmo pausado típico do cine europeo. Por algunha razón, estes días pode verse en RTVE Play.

"Anatomía dunha caída" foi dirixida en 2023 por Justine Triet. O elenco está formado por Sandra Huller (o principal elemento alemán), Swann Arlaud, Milo Machado-Graner e Samuel Theis.

Unha familia formada por tres persoas vive nun chalet cerca de Grenoble. El é profesor universitario e pretende ser escritor. Ela é unha escritora alemá. O seu fillo de once anos está cego dende que foi atropelado cando tiña catro anos, o pai cúlpase dese accidente por deixalo coa canguro. E tamén poderíamos falar do can Snoop, que agora aproveita para guiar ao neno cego.

A nai escritora está sendo entrevistada por unha xove xornalista, pero a entrevista resulta imposible porque o marido, que está facendo unha reforma do chalet, pon a música moi alta (suponse que a propósito) e iso imposibilita que a entrevista teña lugar. O neno sae co can a dar unha volta polo entorno. Cando volve, atopan o cadáver do pai, que aparentemente caeu por unha das fiestras da casa. A nai baixa ás carreiras cando se decata do accidente.

A partires deste punto convértese nunha película de xuízos, no que se investiga cales foron as circunstancias da morte. E basicamente o que sae á luz son as relacións familiares entre os diferentes membros da familia, as cousas que pasaron entre eles nos últimos anos ou meses, co cambio que se produciu ao quedar cego o neno polo accidente. A nai convértese axiña na sospeitosa principal da morte. Pero como a película é recente non vos direi como acaba, para que a vexades con máis ansia. Pero vaia, insisto, a película é europea, non estadounidense.

Saúdos.



Barbie

No verán de 2023 foron estreadas exactamente o mesmo día dúas películas teoricamente bastante opostas entre sí. Foron "Barbie" e "Oppenheimer". Falábase naqueles días de quen foi ver cada unha delas, dando por suposto que ninguén no seu sano xuízo iría ver as dúas. No meu caso foi así e fun ver "Oppenheimer" sen dubidar. Pero algunha xente cuxo criterio podo ter en conta máis ou menos díxome que "Barbie" estaba moito mellor do que podía parecer (do que me podía parecer a min e a outras persoas coma min). Onte cruceime con ela e deille unha oportunidade, e non me desagradou.

"Barbie" foi dirixida por Greta Gerwig en 2023 (parece que a produción levou case dez anos, houbo moito vaivén). No elenco destacan Margot Robbie (Barbie) e Ryan Gosling (Ken), pero hai moitos outros secundarios, como América Ferrera, Arianna Greenblatt, Rhea Perlman ou Will Ferrell, sen contar as innumerables Barbies e Kens que aparecen.

A historia é bastante curiosa. Todo vai de marabilla en BarbieLand, que é un mundo idílico utópico e feminista. Pero un día a Barbie comezan a pasarlle cousas algo estrañas, e consulta coa Barbie rara, que non está moi ben considerada, para ver que pode estar pasando. 

Ela recoméndalle que vaia ao mundo real para ver se alí está pasando algo raro. Barbie vai alí acompañada de Ken, e chegan ás praias de California. E alí descubren que o mundo real non é en absoluto feminista e está dominado polo patriarcado. Ken queda marabillado e volve a BarbieLand antes que Barbie, e impulsa un cambios machistas e patriarcais que cambian totalmente o panorama.

Barbie volve acompañada dunha nai que a añoraba e da súa filla, e comproban que os cambios que fixo Ken en BarbieLand teñen unhas consecuencias terribles. Conseguen convencer a Ken e aos outros Kens de que esa non é a mellor solución e que poden convivir doutro xeito máis respectuosos para os dous sexos.

Saúdos.



Apocalypse now

No medio dese ciclo de cinco películas dedicadas a Billy Wilder que botaron no espazo de cine clásico da 2, se non me saen mal as contas, botaron "Apocalypse now", creo que pola morte de Robert Duvall, que esas cousas sempre son imprevistas. Das tres versións que existen da película, xuraría que botaron a orixinal de 1979, se atendemos á duración da mesma, que foi de algo máis de 2 horas. As versións máis modernas non baixan de 3 horas. A película está baseada en "O corazón das tebras", novela curta de Joseph Conrad. A novela orixinal estaba ambientada no Congo do século XIX, pero a película está ambientada na Guerra do Vietnam do ano 1969, que tiña moi traumatizados aos estadounidenses (non me estraña nadiña).

"Apocalypse now" foi dirixida en 1979 por Francis Ford Coppola. En canto ao elenco destaca claramente Martin Sheen (actor descoñecido ata ese momento, foron descartados moitos outros máis famosos antes de escollelo a el), despois Marlon Brando (que actúa un pouco ao final, aínda que é o fío condutor da historia), e despois, en papeis variados, Robert Duvall, Frederic Forrest, Sam Bottoms, Laurence Fishburne, Harrison Ford (nun papel testemuñal) e Dennis Hopper. A rodaxe foi un auténtico caos, durou varios anos, foi en Filipinas, e debeu ser unha ruína económica por múltiples razóns.

Benjamin Willard está en Vietnam en 1969, e alí traballa para o exército estadounidense en operacións especiais. Nun dos seus descansos, nos que sufre unha das súas crises, ten unha reunión con altos cargos do exército que lle encargan que suba por un río ata o interior de Camboia, para acabar con Walter Kurtz, un excoronel dos Boinas Verdes, que parece que toleou e anda facendo cousas moi raras na selva, cando lideraba un grupo de soldados estadounidenses.

Para subir polo río, a orde de alto rango que leva permítelle requisar e utilizar unha pequena embarcación onde van 3 ou 4 soldados, a maioría tremendamente novos e incapaces de comprender onde se atopan. Mentres van subindo polo río, crúzanse con seres absolutamente desquiciados como o tenente Kilgore, un fanático do surf que bombardea aldeas e mata aldeáns parece que para divertirse.

Seguen subindo polo río, cada vez máis perigoso, e a tripulación do bote realmente non saben ata onde teñen que ir nin cal é o obxectivo, só cando xa van moi avanzados Willard infórmaos do mesmo. Van perdendo efectivos en sucesivos ataques e só chegan á aldea do final, onde se atopa Kurtz, Willard xunto con dous tripulantes.

Alí a cousa non está mellor. Kurtz está acompañado por un antigo subordinado, que semella catatónico, tamén anda por alí un fotógrafo de prensa, que semella estar totalmente chalado, hai moitos autóctonos que semellan idolatrar a Kurtz, e este ten un estraño discurso totalmente inintelixible. Willard primeiro é apresado, pero despois é liberado, e nunha destas, mata a Kurtz pero, a pesar diso, el e o seu único compañeiro que está vivo, poden marchar río abaixo de novo.

Saúdos.



Artur Ui, o ovo da serpe

A magnífica compañía teatral Talía Teatro uniuse a Quico Cadaval para representar a obra "Artur Ui, o ovo da serpe", que é unha versión de "A resistible ascensión de Arturo Ui", escrita por Bertolt Brecht en 1941.

O autor orixinal satirizou o ascenso do nazismo por medio dun ficticio xefe mafioso de Chicago. Actualmente hai varios líderes mundiais que o lembran bastante, así que esta montaxe moderna fainos pensar en personaxes que apareceron nunha pantalla nos últimos segundos da obra, como Trump, Netanyahu ou Putin, o que provocou as previsibles ovacións ao rematar a mesma. Como dixo o outro, a historia repítese. Neste caso está ambientada no extremo Oriente, pero a temática é a mesma.

Quico Cadaval dirixe a obra, e o elenco está formado por Dani Trillo, Marta Lado, Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Xurxo Barcala e Artur Trillo.

Saúdos.



Que ocorreu entre o meu pai e a túa nai?

O outro día entereime da razón pola cal levan máis dun mes botando no espazo de cine clásico da 2 películas con Jack Lemmon de protagonista. Dixéronme que realmente a homenaxe estanlla facendo a Billy Wilder, pero tampouco teño demasiada clara a razón, porque neste 2026 non se cumpre ningunha cifra redonda con respecto á súa morte nin nacemento. Pero chama a atención que todas esas películas dirixidas por Billy Wilder foron protagonizadas por Jack Lemmon, debían levarse ben. As películas que botaron e que xa non vin porque xa as coñecía foron "Con saias e a rachar", "O apartamento", "Irma a doce" e "Primeira plana". A única que vin porque non me soaba de nada é esta da que vou falar, que no seu título orixinal era "Avanti", xa que está ambientada nun hotel de Italia e esa era a frase que había que dicirlle aos camareiros do hotel para que entraran na habitación.

"Avanti" foi dirixida en 1972 por Billy Wilder, e os papeis principais foron para Jack Lemmon, Juliet Mills e Clive Revill. Os dous primeiros protagonizan a parella en torno á cal xira a historia e o terceiro e último é o director do hotel italiano, que ten moito peso na historia tamén.

Wendell Armbruster Jr é un empresario de Baltimore bastante insoportable que dirixe as empresas que fundou o seu pai. Recibe a noticia de que o seu pai morreu nun accidente en Italia e diríxese axiña alí, coa intención de repatriar o seu cadáver e montar en Baltimore practicamente un funeral de Estado con altos cargos e os traballadores das súas empresas.

Pero cando chega a Ischia, a illa napolitana onde sucedeu a morte, atopa que a realidade non era a que el pensaba. Na familia pensaban que o vello ía alí todos os anos polas augas termais, pero resulta que tiña unha relación cunha muller británica, coa que quedaba alí todos os anos. O fillo coincide alí coa filla da muller, que tamén vai buscar o cadáver da súa nai. Pero ela si era coñecedora da relación. A personalidade da filla da muller choca totalmente coa del, e ao principio é un conflito, pero finalmente acaban caéndose ben e namoran, pero iso leva un tempiño.

No entorno pasan máis cousas. O director do hotel intenta axudar, pero os costumes italianos non coinciden en absoluto cos dun magnate estadounidense moi soberbio. Por se non chegara con iso, a familia do viñedo onde caeu o coche cando tiveron o seu accidente, tamén reclama unha indemnización, e un camareiro algo turbio do hotel que pretende conseguir un visado para voltar aos Estados Unidos, onde xa estivo unha vez pero foi deportado, pretende chantaxealo cunhas fotos picantes que sacou dos seus pais cando estaban de vacacións, pero morre antes de poder conseguilo.

En definitiva, unha comedia romántica bastante simpática que supoño que pretende contrapoñer o relaxado ritmo de vida do Mediterráneo co frenético estrés dos empresarios estadounidenses que pensan que con cartos poden facer o que queiran.

Saúdos.



Anatomía dunha caída

Tamén no ano 2023 tivo certo éxito e fama unha película europea titulada "Anatomía dunha caída", unha produción francesa pero cun ...