sábado, 26 de outubro de 2024

Tan só a fin do mundo

Hai xa unhas semanas comezou a tempada teatral na Coruña. Este ano propúxenme, porque semella que o calendario mo vai permitir, polo menos en certa medida, ir algo máis a obras desta arte que tanto me encanta. Iso máis ou menos xa o consigo todos os anos, pero este ano ademais vou intentar ir tamén a obras que, en principio, non me atraian tanto, como podería ser esta da que vos escribo hoxe.

"Tan só a fin do mundo" é unha coprodución das compañías Teatro Kamikaze e Teatro Español. O elenco está formado por Irene Arcos, Yune Nogueiras, Raúl Prieto, María Pujalte, Eneko Sagardoy e Gilbert Jackson. Este último é un actor negro que non di nin unha soa frase, que aparece en moitos momentos da obra bailando ou movéndose polo escenario. Por un comentario que se escoita nalgún momento, parece que representaba á morte que se achegaba. O autor foi Jean-Luc Lagarce, que escribiu a obra en Berlín en 1990.

A obra resulta bastante rara e confusa. Un personaxe preséntase ante o público dicindo que sabe que vai morrer dentro dun ano, e que polo tanto, vai pasar pola casa familiar, por onde había tempo que non pasaba, para intentar despedirse (como punto de partida, non está mal, pero resulta un pouco raro ese vaticinio da morte, aínda que ten explicación, como veremos despois).

Alí atópase con catro familiares: a nai, os dous irmáns, e unha cuñada, a muller do seu irmán, á que aínda non coñecera en persoa. E non me estraña que levara tempo sen pasar por esa casa, porque vese que as relacións son moi tensas entre todos eles, practicamente en todas as combinacións posibles. E diso vai a obra, non me deixou gran pegada, non lembro cal era o final, pero creo que non era especialmente impactante.

No folleto que entregaban, pódese ler que pouco antes de escribir a obra, o autor recibiu a noticia de que contraera o virus do VIH. Unha vez lido iso, o resto xa cobra sentido, e explica, ao meu ver, esa certeza da cercana morte que a min me resultaba tan inexplicable.

Saúdos.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...