Sendo, como son, un gran amante da música celta, xa había moitos anos (se cadra máis de 20 anos) que non ía a un concerto de Carlos Núñez. Se non me equivoco, xa debía haber máis de 20 anos que non o veía nun concerto en directo. Pareceume percibir que nos últimos anos viña sempre por A Coruña no Nadal, e algunha vez fixen algún intento por ir (non moi intenso, é certo) pero sempre esgotábanse as entradas. Esta vez collina con certa antelación e xa non houbo maior problema, pero esgotounas de novo, ten moitos seguidores na cidade.
A súa banda en directo neste momento está formada polos seguintes integrantes:
- El mesmo tocando basicamente gaita (nuns poucos momentos, non demasiados) e sobre todo frautas (tiña un grande mostrario alí nunha mesa
- O seu irmán Xurxo tocando as percusións, abundantes e moi variadas
- Pancho Álvarez, o seu compañeiro de toda a vida, tocando guitarras e mandolinas (aínda que tamén é violinista, neste grupo non o necesitan para iso, van sobrados)
- María Sánchez, violinista catalá
- Itsaso Elizagoien, acordeonista navarra que toca a trikitixa
- Jon Pilatzke, violinista e bailarín canadiano
O espectáculo está ben, é movido, non se para un intre, pero non me agrada demasiado a súa dinámica (despois xa direi por que). Houbo varios detalles que me gustaron moito. O primeiro é que Carlos presentou á súa banda nada máis comezar, penso que é un detalle positivo que non se ve en moitas ocasións, e recoñezo que non me esperaba nun músico como el. O outro é simplemente un detalle, pero o caso é que non dixo en ningún momento que o concerto estaba rematando, nas últimas pezas a apoteose era tan grande, que estaba claro que o remate estaba cerca. De feito, na última peza, había unha banda de gaitas de Cambre completa tocando no escenario, e había como unhas 20 persoas do público que estaban bailando sobre o escenario (xa levaban un rato por aquela zona) e polos corredores. Polo tanto, cunhas 50 persoas no escenario no intre final, a ninguén lle estrañou que se despediran e marcharan. Hai que recoñecer que iso está moi ben pensado e funciona moi ben.
Pero agora van as cousas que non me gustan del, que non son poucas. Teño a sensación de que é unha persoa con moito ego e con moita ansia de protagonismo. Acabo de ver as portadas de todos os discos da súa discografía e practicamente en todas aparece el, dun xeito ou doutro. Por outra banda, gústalle moito tirar (eu case diría abusar) das colaboracións con outros músicos, sobre todo se son estrelas. Creo percibir que el vai saír gañador nun negocio no que el é o músico menos coñecido pero se xunta un ratiño para colaborar cun músico máis coñecido. Un dos moitos exemplos é o de Roger Hodgson, con quen co-escribiu unha canción, que tocaron no concerto.
Dame a sensación que nos seus discos e concertos hai unha porcentaxe en absoluto despreciable de pezas compostas por outros artistas ou tomadas de acervos tradicionais dos países celtas. E xa non digamos que neste concerto (e supoño que a partir de agora o fará en todas estas xiras navideñas que fai) tocou varias cancións que eran popurris de moi coñecidos villancicos españois que, obviamente, o público coreou encantado. Por ir rematando xa, que tampouco me quero facer moi pesado, chamoume a atención que presentou ao último dos seus músicos, Jon Pilatzke, como integrante dos Chieftains (aparte de que mencionou o nome dese grupo nunhas cantas ocasións, e algúns outros concertos para milleiros de persoas). Acabo de mirar na wikipedia a entrada en inglés dos Chieftains, e Carlos Núñez aparece como un máis dos feixes de colaboradores do grupo (que estivo na estrada durante case 60 anos), cando en Galicia dise que era o sétimo integrante do grupo. E por outra banda, Jon Pilatzke nunca foi considerado un integrante dese grupo, senón un dos varios (viña unha lista de 8 ou 10) músicos que os acompañaba nas xiras.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario