mércores, 19 de xuño de 2024

O home mosca

Como vedes, últimamente estou de novo visitando o cine clásico, xa que en Youtube hai acceso libre a moitas películas míticas. Se hai pouco lembrei a Tarzán, o outro día lembrei a Harold Lloyd, do que hai moitos anos que non botan ningunha película na televisión, creo. Seguro que hai máis, pero a máis famosa de todas é esta, que curiosamente ten un título orixinal que podería traducirse como "A seguridade é o último".

"O home mosca" foi dirixida en 1923 por Fred Newmeyer, e no elenco poderíamos destacar a Harold Lloyd e a súa compañeira na ficción Mildred Davis, e se cadra a Bill Strother. Pero claro, é cine mudo, e moitas desas "estrelas" xa foron esquecidas.

A historia non ten moita chicha. Harold vai á gran cidade para traballar, e escribe todos os días á súa moza, facéndolle crer que é un grande executivo duns grandes almacéns, cando simplemente é un dependente do montón, incluso enviándolle agasallos que non se pode permitir abusando da confianza do seu compañeiro de piso. Tanto é así, que un día ela decide visitalo por sorpresa na cidade, e el ten que afinar o seu enxeño para que ela non se decate da farsa.

Nunha destas, Harold entérase que o gran xefe da súa empresa quere ofrecer unha boa recompensa a calquera empregado que teña unha idea xenial para atraer a máis clientes. El viu ao seu compañeiro de piso escapar dun policía escalando pola fachada dun edificio, e pensa que pode ser un bo reclamo publicitario facer o mesmo no edificio que ocupan os grandes almacéns, que é moi alto. Faino, pero o seu compañeiro de piso non pode facelo porque o policía que burlou a outra vez está alí vixilante e non pensa permitilo. Finalmente non lle queda máis remedio que escalar a fachada el mesmo, que non tiña ningunha experiencia no tema.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...