mércores, 19 de xuño de 2024

O cisne negro (1942)

Por se acaso, no título deste artigo puxen o ano da película para que non se confunda con outra do mesmo título pero temática moi diferente que triunfou nos últimos anos, protagonizada por Natalie Portman. Esta que eu vin en Youtube é un clásico do cine de piratas, que xa leríades algunha vez aquí que me gusta bastante. Pero vaia, tampouco me pareceu nada do outro mundo (xa levei varias decepcións deste tipo nos últimos tempos, vou ter que ir reflexionando sobre o tema).

"O cisne negro" foi dirixida en 1942 por Henry King e no seu elenco destacan Tyrone Power, Maureen O`Hara, Laird Cregar, George Sanders e Anthony Quinn, entre moitos outros.

Antes de comentar de que vai a historia (vaia, tampouco ten tanto de particular, é outra película de piratas clásica, sen máis) direi que me desconcertaron unhas cantas cousas nesta película. A primeira delas foi o papel do mítico pirata Henry Morgan, que foi nomeado gobernador de Xamaica polo propio rei inglés cando supostamente ía ser aforcado, coa intención de que el mesmo rematara coa piratería no Caribe. Pois parece que foi certo, que nos seus últimos anos de vida se dedicou a iso, aínda que non con moito éxito. A outra cousa que me desconcertou é que o "cisne negro" non era o pirata máis importante da historia, senón o barco do "pirata malo" da historia, chocoume un tanto a elección do título.

Pois iso, nun momento de auxe da piratería no Caribe, todos cren que Morgan vai ser aforcado en Londres, pero ao pouco tempo aparece en Xamaica como gobernador da illa (Port Royal era algo así como a capital do gremio), coa intención de perseguir aos seus antigos compañeiros. Isto causa bastante decepción na profesión, pero algúns dos seus aliados, como o principal protagonista da película (Jamie Waring) intentan axudarlle no nobre pero case utópico propósito. Pola contra, outros como Billy Leech (o capitán do "Cisne negro") póñense totalmente en contra.

Por se non chegara con iso, as antigas autoridades de Xamaica, que non eran en absoluto piratas senón aristócratas (vaia, se cadra eran máis piratas que os outros) non levan nada ben este cambio (lóxico) e xogan ao dobre xogo de pasarlle información sobre os movementos de Morgan aos piratas díscolos, suponse que para provocar máis caos. Ademais, Jamie Waring namora da filla dun deses aristócratas, pero non é en absoluto correspondido, pero ao final si.

E a película trata diso, das estrataxemas duns e doutros, de piratas que queren pasarse ao lado bo da lei enfrontándose aos seus antigos aliados e camaradas, e dos aristócratas meténdose polo medio e armando máis lío, con final feliz, por suposto.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...