sábado, 1 de xullo de 2023

Trac

"Trac" é o nome dunha interesante banda de rock progresivo (ou algo así, aínda que nunca tiven demasiado claro que é o que caracteriza a ese xénero musical, pero gústame, iso seguro) que temos na Coruña. Pareceume entender que o grupo existe dende hai décadas, pero casualmente deulle por sacar discos xusto agora, nos últimos anos, que xa non está tan de moda, ou mellor dito, que hai outras alternativas para destacar no mundo da música (que tampouco creo que sexa a súa pretensión).

Vinos actuar dúas veces. A primeira vez foi no Ágora, hai 5-6 anos, e foi cando souben da súa existencia. Máis ou menos naquel tempo sacaron os dous primeiros discos, que se titulaba "O bosque sen árbores" e "Man" (dedicado a Man, o alemán de Camelle). Como podedes intuír, a temática ecoloxista interésalles bastante. Como me gustou bastante o concerto, merquei os dous discos, que escoito de cando en vez.

A segunda vez foi hai poucas semanas, e serviume para entrar por primeira vez nunha sala de concertos xa veterana na cidade, a Filomatic, que non me desagradou. Nesta ocasión presentaban o seu terceiro disco, titulado "Trac 3". De feito, fíxome certa graza ou ilusión que, cando fun ao final do concerto a falar co grupo para mercarlles o disco, cando dixen que xa tiña os dous primeiros, deberon pensar que acaban de coñecer a outro "groupie" máis.

Este segundo concerto estivo ben, como o outro, e como curiosidade direi que tocaron un par de versións doutros grupos, e a elección desas pezas xa denota que nos atopamos cun grupo, cando menos, peculiar. Coa cantidade de grupos e cancións míticas que poderían ter elixido, tendo en conta o espectro musical no que se moven, decidiron tocar "Perfect strangers" de Deep Purple, e "Have a cigar" de Pink Floyd. Ou sexa, cancións que non destacan entre as máis coñecidas nin veneradas de ningún deses dous grupos.

O grupo está formado por Moncho Pardo (guitarra), Luis Molina (baixo), Berto Morán (batería) e Juan Cordonié (guitarra eléctrica e sintetizada; ou sexa, toca sintetizadores dende a guitarra). En xeral, todos cantan e fan coros, aínda que Berto normalmente só fai coros, as voces principais recaen nos outros tres. Anímovos a velos, aínda que supoño que a súa axenda de concertos tampouco debe ser moi ampla.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...